venres, 6 de xaneiro de 2023

O cuarto poder

Estaba eu buscando unha película para ver en Youtube, que non fora moi longa, porque esa noite cheguei algo tarde, e como sempre, os clásicos en branco e negro resolven este tipo de situacións. Como dedico parte do meu tempo libre á comunicación, as historias sobre xornalismo sempre me atraen. Vin unha película que se titulaba "O cuarto poder" e non o pensei.

Foi dirixida en 1952 por Richard Brooks. No seu elenco destaca totalmente Humphrey Bogart, por nome e porque aparece en practicamente todas as esceas. Do resto do elenco non me soaba absolutamente ninguén. Na ficha técnica poñen como segunda a Ethel Barrymore, da famosa familia de actores, pero aparece en moi poucas esceas, aínda que ten certo peso na historia.

Aínda poderíamos divertirnos máis coa tradución do título no mundo hispanofalante. O orixinal é "Deadline U.S.A.". O de "deadline" como "data tope" ou "data límite" aínda podería pasar, pero o de "U.S.A." xa non hai por onde collelo (despois de ver a película, que trata sobre a venta dun xornal neoiorquino, simplemente). En España titulárona "O cuarto poder", que polo menos fai referencia ao mundo do xornalismo, pero xa se ve que é unha interpretación bastante libre. En Venezuela decantáronse por "A última ameaza" e en Chile por "A hora da venganza", que xa son auténticos delirios.

A acción transcorre en aproximadamente 2-3 días. Ed Hutchinson (Bogart) é o director dun xornal  neoiorquino chamado "O día". Os traballadores reciben a noticia de que o xornal vai ser vendido. Efectivamente, el está asistindo a reunións na que lle confirman que iso sucederá en dous días. Hai tres propietarias, a esposa do antigo dono, que xa morreu, e as súas dúas fillas. O director consegue convencer neses días á esposa para que non venda, pero as fillas non ceden.

Mentres sucede iso, chegan á redacción varias noticias que semellan non ter relación, pero que finalmente si a teñen. Todas fan referencia a Tomas Rienzi, un mafioso de orixe italiana que manexa a cidade. O olfato profesional de Hutchinson fai que poña aos seus xornalistas a traballar no caso e acaban atopando os delitos do mafioso, a pesar das ameazas deste, e a que matan a unha das testemuñas do caso na mesma rotativa do xornal. O agredoce final fai que se anuncie o arresto do mafioso xusto na última edición antes de ser vendido a un propietario da competencia, que unicamente ten a intención de desfacerse del para ganar cuota de mercado.

Saúdos.



Avatar 2

Unha vez máis, aínda que non o faga sempre, pero se no Nadal atopo algunha película xeitosa para ver, xeralmente reservo a tarde do 5 de xaneiro. Se escolles ben a sala de cine, o máis probable é que haxa un ambiente ben tranquilo, porque case todo o mundo está na Cabalgata de Reis. Onte decidín ir ver "Avatar 2" en proxección 3D (non podo aseguralo, pero non descarto que "Avatar" fora a anterior película en 3D que vin, 12 anos máis tarde). A sala estaba bastante baleira, habería unhas 30-35 persoas, e a metade delas entraron xuntas cando xa comezara a película e se apagaran as luces.

Foi presentada no 2022 e dirixida obviamente por James Cameron. Os actores e actrices principais, aínda que loxicamente irrecoñecibles case todos, son Sam Worthington, Zoe Saldaña, Stephen Lang, Kate Winslet, Cliff Curtis, Bailey Bass, Sigourney Weaver, Giovanni Ribisi, Joel David Moore, Dileep Rao, CCH Pounder e Matt Gerald. Ou sexa, a maioría bastante descoñecidos porque non se vai ver o seu careto e xa teñen cousas dabondo nas que gastar cartos, por exemplo en tecnoloxía.

A historia, nesta ocasión, é algo máis simple que na primeira parte, na miña humilde opinión. Un novo batallón de humanos, xa recombinados con Navi`, intentar de novo capturar a Jake Sully, o líder dos rebeldes de Pandora. Están a piques de capturar a varios dos seus fillos, pero conseguen liberalos. Só capturan a Spider, que é fillo do malísimo da primeira parte, Quaritch.

Entón Jake Sully propón que se marchen de Pandora, porque basicamente o perseguen a el, e se el non está, Pandora seguirá a súa vida en paz. Entón marcha toda a familia xunta, Jake, Neytiri e os catros fillos, uns dela, outros deles e algún adoptivo. Porque polo visto, un dos grandes valores desta película é a reivindicación da forza do concepto "familia" (estarán os ultracatólicos estadounidenses intentando colarnos as súas estupideces habituais a través da 3D?).

Marchan entón e a bastante distancia chegan a unha zona mariña, con arrecifes, e pídenlle aos xefes hospitalidade para que poidan instalarse alí. Como anécdota, falaremos sobre as cores dos avatares. Os de Pandora eran azuis e vivían nun selva totalmente verde. Agora chegan a unha zona mariña (moi azul) e resulta que os avatares que viven alí son verdes (cousas que pasan). Son ben acollidos pero, ao comezo, búrlanse un pouco deles porque teñen colas moi curtas e non nadan coa soltura do novo clan mariño. Por outra banda, os dous xefes do clan mariño tamén teñen varios fillos adolescentes e comezan as típicas rivalidades e cariñas entre os fillos de Jake e os outros.

Os malos conseguen localizalos debido a alianza cunha especie de baleeiros que cazan "tulkuns", uns grandes cetáceos que precisamente están irmanados cos habitantes desa colonia mariña. E nada, de novo comezan a perseguilos, conseguen capturar a varios dos fillos de Jake e intentan chantaxealo dese xeito, pero sempre acaban ganando os bos. Iso si, o fillo maior de Jake morre na refrega. E o "novo" Quaritch está a piques de morrer, pero finalmente sálvao o seu fillo, que despois diso, volve xunto cos seus colegas de Pandora.

Para analizar esta película, é inevitable facer algunha referencia á primeira parte, da que non lembro practicamente nada (iso non significa que non me gustara, en absoluto). Estiven repasando onte na Wikipedia a sinopse da primeira parte (para corroborar que non lembraba case nada), e constatei unha sensación que xa tivera daquela. Esta saga de películas ten o "sambenito" de que a historia é moi simplona, que están alongadas innecesariamente para maior gloria dos efectos dixitais, e se cadra algo pode haber diso, pero non estou totalmente de acordo. Eu coido que as tramas son máis enrevesadas do que parecen e que contan máis cousas das que parecen, e iso fai a historia máis rica e profunda. E nesta deume a mesma sensación.

Vou poñer uns exemplos. Hai unha parte central da película onde parece que non pasa nada. Parece que simplemente retratan as relacións entre adolescentes dos fillos das dúas familias protagonistas, os seus xogos, rivalidades, que todos recoñecemos nos adolescentes reais. Pero a min paréceme que hai algo máis, porque máis adiante desenvólvense temas que son esenciais na parte final da película, e que non terían ningún sentido se antes non víramos de onde proviñan.

Por exemplo, Loak, o segundo fillo de Jake (creo que máis ben de Neytiri) é algo díscolo e rebelde. O seu irmán maior intenta vixialo, por orde do pai, pero non dá feito. E nun determinado momento, os dous fillos adolescentes do clan mariño intentan retalo, con éxito, a que vaia con eles alén do arrecife, onde só van os adultos. Alí propóñenlle un xogo, que eles saben moi perigoso, e unha vez comezado, déixano só. Iso está a piques de provocarlle a morte polo ataque dunha especie de gran cetáceo, pero sálvase de milagre no último momento porque o defende un tulkun desterrado chamado Payakan, co que fai grande amizade. Resulta que ese tulkun é o principal causante da vitoria final sobre os perseguidores, pola lealdade que lle ten a Loak. O que pasa no medio da película parece unha chorrada, só ao final entendes por que contaban esa historia.

Algo similar sucede con Kiri, a filla adoptiva de Jake e Neytiri. Dende o principio nótase que é unha adolescente algo rara, solitaria, tremendamente sensible, e os rapaces da outra familia búrlanse dela porque semella "rarita" (ou sexa, exactamente igual que no mundo real). Nesa parte vese e enténdese (aínda que seguramente alguén pense que é unha parte innecesaria, só para rechear minutos de metraxe) a súa comunión coa natureza e co mundo animal. Ao final da película, esa cualidade permítelle salvar a toda a súa familia porque os seres mariños comandados por ela localizan nun afastado recuncho da hiper-baleeira afundida aos seus familiares, que xa non sabían por onde saír, e temían pola súa vida.

Con isto quero dicir que: si, se cadra as historias son algo simples, pero eu penso que non tanto como parecen, teñen bastante chicha oculta. E o recital audiovisual que se recibe é grandioso. Iso si, neste caso si está xustificado ir á sala de cine a ver a versión 3D, vela na casa debe ser moito menos espectáculo. A entrada será algo máis cara, pero vale a pena (eu vou unha vez cada 10 anos, máis ou menos). E si, sendo cine estadounidense, sempre está o militarismo, a violencia, a presencia de armas por todas partes. Xuraría que nesta ocasión houbo algo menos de presenza que na primeira, pero con estes chalados é imposible de evitar.

Saúdos.



A Galicia deseñada

Comezou xa hai uns meses e remata a semana que vén. Unha exposición moi interesante que trata sobre a historia do deseño en Galicia. Eu oín xa falar hai tempo dela, intentei ir pero foime imposible, e pensaba que xa non chegaba o tempo. O outro día chegoume a noticia de que aínda quedaban uns días para vela, e como estaba de vacacións, paseime por alí, e quedei ben satisfeito. Pode verse na Normal, no espazo cultural da UDC en Riazor, concretamente no gran espazo expositivo da planta baixa (nese edificio hai moitos espazos diferentes, pero as exposicións habitualmente están aí). 

O esquema da exposición é ben sinxelo. Colgando en forma de bandeirolas, hai uns 85 paneis. Fálase de 100 marcas ou logotipos, pero os últimos 15 non están pendurados, senón que se ven nun vídeo que hai nunha esquina, que dedica aproximadamente uns 30 segundo a cada un, seguindo a secuencia, ininterrumpidamente.

Está organizada cronoloxicamente en cinco etapas: Antecedentes, outra cuxo nome non lembro, Autarquía (a época franquista), Democracia e Contemporaneidade (esta última é a que se ve no video, non está pendurada como bandeirola). Os primeiros son marcas como a vieira do Camiño de Santiago, xa dende a Idade Media, marcas de canteiros ou outro tipo de profesións, etc. A partir de aí xa aparecen marcas recoñecibles: Estrella Galicia, R, Nunca Máis, Televés, Gaseosas los 15 hermanos, .....

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...