domingo, 8 de agosto de 2021

O Yang-Tsé en chamas

Oín falar moitas veces desta película, pero non me soaba ter visto absolutamente nada dela, como efectivamente confirmei onte. É unha película curiosa, algúns a cualifican como bélica (ten algo ou bastante diso), algúns como romántica (algo tamén hai), pero hai que recoñecer que é unha mestura bastante curiosa. Recoñezo que me entrou bastante interese cando souben que estaba ambientada en China en 1926, porque non vin case nada desa época.

A película foi dirixida en 1966 por Robert Wise. Os principais papeis foron para Steve McQueen, Richard Attenborough (actuou en "Parque Xurásico" e dirixiu "Gandhi"), Richard Crenna e Candice Bergen. En canto ao título, en Chile a coñeceron como "O cañoneiro do Yang-Tsé", e supoño que no resto do mundo a coñeceron co título orixinal "Sand Pebbles", que podería traducirse como "pedriñas da area". Na Wikipedia acabo de ler que con ese nome era coñecida a tripulación do barco no que sucede toda a acción, pero eu non lembro ter oído na película ningunha referencia similar. Ao mellor si a houbo, pero eu non lle dei maior importancia e esquecino.

A historia e o contexto no que tivo lugar son complexos. En 1926, China é un país no que loitan os xefes locais, os novos nacionalistas chineses dirixidos por Chiang-Kai-Chek, e os comunistas dirixidos por Mao Zedong. E nunha especie de guerra civil como é esa, obviamente a presenza estranxeira non é ben vista, sobre todo se son ingleses e estadounidenses, que non destacan por favorecer o progreso dos países que colonizan. Nesta película vemos principalmente un vello barco estadounidense que se atopa fondeado fronte a unha cidade chinesa, na que cada vez teñen peor prensa. E a historia xira en torno a Jake Holman (Steve McQueen), un maquinista que está namorado das máquinas dos barcos e pasa totalmente do resto das cousas, incluídas cousas, persoas e países. Xa imaxinades que a mestura de todo iso dá lugar a un cóctel explosivo.

É asignado a un vello cañoneiro chamado o "San Pablo" (que foi confiscado aos españois nas guerras do 98), e cando chega alí para facerse cargo da súa máquina, atopa un ecosistema bastante curioso, que non viu nunca antes. Os mariñeiros non fan practicamente nada, porque todo o traballo duro fano unha tropa de chineses que viven dentro do barco, teñen os seus propios xefes e camarotes, onde durmen hacinados e cobran un salario mísero. Por se non chegara con iso, o barco non fai nada útil, así que se dedican a dar paseos polos ríos cercanos para simular que vixian algo, e fan simulacros moi celebrados como atraccións de feria polo poboación cercana.

Cando chega, intenta facer unha revisión ao fondo da máquina, porque lle dá a impresión de que algo non funcionaba ben, e detecta uns erros que requiren unha reparación. Pero ao propoñer iso, o xefe de maquinas chinés considera que se cuestiona a súa autoridade, e os xefes militares estadounidenses están de acordo con iso, porque non queren rachar o difícil equilibrio que se dá no estraño barco. Pero finalmente o motor falla e cando intentan facer a reparación, o xefe chinés morre nun desgrazado accidente, pero bótanlle a el a culpa. Iso fai que comece a caerlle bastante mal a todo o mundo no barco, pero iso a el dálle igual.

Nese momento a situación en China comeza a complicarse, e os estadounidenses son cada vez peor vistos, e comeza a haber incidentes coa poboación local (que non coa do barco). Cando os mariñeiros baixan a divertirse, van sempre ao mesmo burdel todos xuntos, e alí prodúcense incidentes bastante feos, porque algúns deles son xente bastante nobre que quere sacar a aquelas mulleres da prostitución, pero outros dos mariñeiros son uns malnacidos que queren aproveitarse delas. De novo, isto non fai nada popular a Holman.

Por se non chegara con iso, pola zona tamén hai un misioneiro cristián estadounidense que decide declararse apátrida, que critica o militarismo do seu país, e quere integrarse en China por crerse totalmente querido polos autóctonos, ata que descubre coa súa morte que non estaba moi enterado da situación real do país. A el acompáñao unha profesora (Candice Bergen) que está encantada intentando ensinar algo aos chineses, e que acaba namorando de Holman, aínda que esa historia tampouco acaba demasiado ben.

E a película vai transcorrendo así, nun barco vello e oxidado que representa a un país estranxeiro nun entorno cada vez máis hostil, e un capitán (Richard Crenna) que pretende pasar desapercibido e non meterse en líos dos que non ía poder saír, pero que ao final acaba tomando decisións algo máis audaces para resultarlle útil a alguén. Iso si, acaba tamén morrendo porque aquí sálvanse poucos.

Saúdos.



A teoría do todo

Hai uns anos fixeron unha película sobre a vida de Stephen Hawking que parece que está moi ben, e tiña este mesmo título. Pero aquí non vou falar da película, que aínda non a vin, senón sobre un libro titulado así e que fala sobre ese tema que tanto obsesionou a este magnífico físico.

Este verán lin varios libros sobre física teórica (pero a nivel moi superficial e divulgativo, que a min a cabeza non me dá para máis) e este foi e será o último deles. Xa é o antepenúltimo dos libros en castelán que merquei no Círculo de Lectores, xa clausurado. Só quedan dous máis, un de relatos e outro sobre educación, que seguramente veredes reseñados aquí nas vindeiras semanas.

Este libro fala, como dicía, dese tema que tanto obsesionaba a Hawking (e supoño que a moitos outros físicos teóricos), que é a "Teoría do Todo", unhas leis físicas que funciones en todas as situacións, lugares e momentos. Xa se atoparon nos últimos séculos, se non entendín mal, catro leis ou forzas que están máis ou menos controladas, pero son lixeiramente incompatibles entre elas, porque hai momentos ou situacións, como os átomos ou o Big Bang, onde unhas leis se cumpren e outras non. Se non me engana a memoria, esas catro forzas son a gravidade, a cuántica, a forza nuclear febre e a forza nuclear forte.

Resulta interesante saber isto, pero como intuiredes, en canto se profundiza minimamente en calquera destes temas, a cousa vólvese moi espesa. Nestes libros insisten moito en usar poucas ou ningunha fórmula, cousa que se agradece, pero tamén insisten bastante en non usar apenas gráficos explicativos, que penso que si resultarían bastante útiles. Pero quen sabe, se cadra quitar fórmulas xa condiciona tamén que haxa que quitar gráficos para explicalas. Pero de ser posible, penso que estarían moi ben.

Despois disto, penso que vou descansar xa durante algún tempo destes temas tan sesudos, haberá que explorar outros territorios.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...