luns, 28 de decembro de 2020

Gremlins

Pois o que dicía, outra película da que tiña lembranzas e que raramente vería, a non ser que se dean unhas circunstancias un tanto especiais como as deste ano. Foi dirixida en 1984 por Joe Dante, un dos seus produtores executivos foi Steven Spielberg, e a min sóame que tivo bastante éxito no momento. Eu xuraría que fun vela cos compañeiros de clase, pero tampouco podería aseguralo. Outro dato que me acaba de chamar a atención é que polo visto está baseado nun relato de Roald Dahl. Iso podería explicar que os "gremlins" malvados eran bastante cabróns, e teño entendido que a Roald Dahl ese tipo de detalles lle gustaba bastante.

Aparte do éxito do momento, semella que houbo bastante polémica en Estados Unidos, porque supostamente era unha película dirixida a todos os públicos, pero algunhas escenas eran bastante violentas e alí cambiáronlle a clasificación. Eses son os problemas típicos dos países atrasados como ese. Creo que os autores quixeron facer unha comedia supostamente infantil algo gamberra, e esa é unha combinación explosiva que non entra en mentes simples como a maioría das estadounidenses.

A película tampouco ten moita máis historia. O elenco non pasou á historia do cine. Lembrade as tres condicións que lle comunicaron ao comprador do primeiro "gremlin" bo. Non debían mollarse con auga, a luz natural os mataba e, sobre todo, non debían comer despois da medianoite (curiosa condición, porque en calquera momento do día é despois da medianoite, pero vaia....). Xa só con iso se poden facer marabillas.

Saúdos.



Noé

Neste Nadal frío e chuvioso no que ademais non recomendan andar moito por aí fóra (non vaia ser), estoume animando a ver moitas películas na televisión que noutros momentos seguramente deixaría pasar. Seguramente iso lle pasaría a "Noé", a película dirixida en 2014 polo interesante Darren Aronofsky, e protagonizada nos seus principais papeis por Russell Crowe e Jennifer Connelly (vaia, non é a primeira vez que fan parella no cine).

Antes de ver a película, pensaba eu se esta historia daba para tanto, pero si, o director e os guionistas conseguiron darlle forma e volume. E sobre todo, botáronlle tamén moita imaxinación. Polo visto, foi moi criticado por algúns grupos relixiosos que, como era previsble, non aceptaron que se cambiara nada da historia. Porque creo que en bastantes puntos foi máis ou menos fiel, pero noutros innovou bastante.

O que máis me chamou a atención foron os personaxes dos Vixilantes, uns seres de pedra (véndoos actuar, lembraban algo aos Transformers e ese tipo de cousas) que polo visto eran antigos seres de luz caídos, que foran culpados de que Adán e Eva foran expulsados do Edén. E agora, en vez de seres de luz, eran pesados seres de pedra. Pero cando chegou o momento de comezar a construción da gran Arca, botaron unha boa man no proceso, unha vez convencidos de que Noé tiña bos propósitos.

Polo visto, o director tiña ganas de rodar esta historia, porque era unha das que máis lle perturbaba das antigas escrituras, e el, que ten orixes xudías, quería abordar esta temática, pero con máis crudeza da habitual. Iso seguro que non lles gustou aos ultracatólicos. Se a iso lle unimos que este director semella ter unha visión bastante pouco convencional da vida, dá un resultado ben curioso, claro.

Con respecto ao resto do elenco, recoñecín a Emma Watson e a Anthony Hopkins, que fai o papel dun curioso Matusalem, que vive nunha fermosa montaña e ten certo protagonismo na historia. O resto son actores novos, ou veteranos aos que non coñecía previamente.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...