domingo, 12 de xaneiro de 2025

Unha presa de terra

Deume tempo a retomar a lectura, basicamente porque esta novela curta lese nun par horas sen problema. Xa é o volume 113 da Biblioteca Galega 120 que a Voz de Galicia sacou no ano 2002 para conmemorar os 120 anos de historia do xornal. Ou sexa, que só quedan sete. Se vai todo ben, antes do verán podería estar rematada a lectura desta magna obra.

"Unha presa de terra" foi escrita por Marilar Aleixandre no ano 2001. Foi a primeira novela que levou o premio da Voz de Galicia da novela por entregas. Publícase todos os anos no xornal nos 31 días do mes de agosto. Polo tanto, teñen que ter 31 capítulos, non moi longos, e sempre levan ilustracións. Cando se converten en libro (sempre o fan), da lugar a unha novela curta que se le nun par de horas, como esta. Esta autora principalmente escribiu novelas para público infantil e xuvenil, aínda que esta é para todos os públicos.

Sempre me chamou a atención ese título, e teño que recoñecer que tiña ganas de lela para saber a razón desa elección, pero está plenamente xustificada. Unha muller morre asasinada e aparece no ascensor do seu edificio e o único indicio "estraño" no feito é que ten algo de terra na zona da ferida do cráneo que lle causou a morte. E a terra é da zona de Mondoñedo. Vaise coñecendo a familiares e coñecidos da vítima que van dando datos (non moitos) da súa vida, e a principal voz narrativa é a de Ana Candeán, unha detective privada, que nunca investigou un asasinato, e que foi contratada pola irmá da vítima.

Saúdos.


 

A pantasma da Ópera (1925)

Últimamente estame dando por ver películas antigas que están dispoñibles en Internet, tamén do cine mudo. Por exemplo, a esta tíñalle ganas dende hai algún tempo, porque me parecía bastante intrigante o personaxe e a historia. Acabo de saber que a novela de Gaston Leroux na que está baseada está película é de 1910, ou sexa, que foi escrita só 15 anos antes de que se fixera esta versión cinematográfica. De feito, fíxose unha versión xa en 1916, pero semella que está perdida. Polo visto, esta historia tivo moito éxito na época, e a cara do actor protagonista maquillado para a ocasión causou moitos pesadelos por aqueles anos.

"A pantasma da Ópera" foi dirixida en 1925 por Rupert Julian, unha persoa da que eu non oíra falar antes, e que, como lle pasou a outros, non puido dar o salto ao cine sonoro. Os dous actores principais do elenco son Lon Chaney (coñecido como o "home das mil caras", moi aprezado na época pola súa capacidade para maquillarse e cambiar totalmente a súa apariencia) e Mary Philbin. Tamén ten bastante protagonismo Norman Kerry, que é a parella dela na historia.

A historia é curiosa. Polo que din na película (tamén na novela, e parece haber algo de certo), a Ópera de París (tamén coñecida como Ópera Garnier, polo nome do seu arquitecto) é un monumental edificio con moitos sotos, nos que incluso hai sitio para lagos subterráneos (na realidade, xa non existen, pero existiron). E nel vive un estraño personaxe chamado Erik, coñecido como "A pantasma da Ópera", e alí non sucede nada que el non desexe. Incluso ten un palco reservado para el.

Pois resulta que este Erik namorou dunha cantante de ópera chamada Christine Daaé, e está empeñada en convertela nunha diva. E para iso ameaza, con éxito, á súa principal rival, unha tal Carlotta, que apuntaba maneiras pero que non vai poder triunfar nese teatro. Por se non chegara con isto, Christine ten un amante que é o Vizconde Raoul de Chagny, que sabe a historia de Erik e Christina, pero intenta fuxir coa súa amada, desbaratando os plans de Erik.

Nun determinado intre, Erik rapta a Christina, que tiña un amor platónico por el, sen saber moi ben quen era "esa voz" que se dirixía a el no teatro. Descubre que leva unha máscara, e nun determinado momento, consegue quitarlle a máscara e descubrir a cara deforma e esperpéntica de Erik, e o seu amor platónico por el desaparece. Pola súa banda, o vizconde e outros personaxes conseguen entrar nos intrincados sotos do edificio (onde estaba a resgardade guarida de Erik), liberan a Christina e apresan a Erik.

Na película, que só dura hora e media, apenas se menciona nada, pero parece que na novela (na que non hai tantas limitacións de espazo) fálase moito máis da historia de Erik antes de chegar a París, xa que incluso estivo traballando para o sha de Persia. Ten boa pinta a historia.

Saúdos.



Xoana de Vega: a muller que desafiou o seu tempo

Acabo de ler este interesante libriño (ten pouco máis de 100 páxinas, e de formato pequeno, podería lerse en pouco máis de 1 hora) sobre a f...