mércores, 30 de agosto de 2023

Feminismos

Para rematar este verán moi lector, acabo de ler un libriño breve que chegou á miña casa hai 4-5 anos, en circunstancias non moi claras (quero dicir, penso que non o merquei, senón que me chegou doutro xeito, pero non lembro como). Titúlase "Feminismos. A historia cóntana as vencedoras" e foi escrito por Anna Figueiredo.

É breve, non é moi exhaustivo, vai só aos contidos básicos, sobre todo de evolución histórica. Como eu son máis exhaustivo e me gusta a análise máis detallada dos movementos complexos, como o feminismo, gustoume menos que un que lin hai varios anos, coordinado por María Reimóndez (entre outras autoras). Pero vaia, que tampouco estivo mal, sempre se aprende algo.

Básicamente a estrutura é:
- Primeira onda do feminismo
- Segunda onda do feminismo
- Terceira onda do feminismo
- Seguro que estabades esperando pola Cuarta onda do feminismo, pero como esa non se sabe se xa chegou ou non, analiza a historia do feminismo en Galicia.

Neste vídeo aparece a autora do libro lendo un poema que ela reivindica como exemplo perfecto do feminismo de Rosalía de Castro.

Saúdos.



Freddie Mercury, último acto

Pois como dicía, ultimamente estame dando por ver documentais. E mira que non hai información, incluso películas (a última comentouse aquí hai un par de meses), sobre Queen e sobre todo de Freddie Mercury. Pois hai pouco tamén se fixo un documental sobre os últimos anos de vida de Freddie Mercury, afectado pola lacra do sida, que agora está algo controlada, pero que nos 80 e nos 90 segou moitas vidas e semellaba incontrolable.

Este foi dirixido por James Rogan en 2021. Tratando do que trata, está de máis dicir que Freddie Mercury é o personaxe que máis aparece. Brian May e Roger Taylor tamén aparecen bastante, pero John Deacon non. E tamén algúns amigos e médicos que traballaron na enfermidade.

A min colleume algo novo, pero parece que máis ou menos todo o mundo sabía que Freddie era homosexual, que non facía nada por ocultalo, e vendo como avanzaba a enfermidade, todos intuían que antes ou despois podía tocarlle a el, como así foi, así que van contando a súa evolución. No video que vos poño vese a degradación física que sufría nos últimos meses, e polo visto xa gravou ese último videoclip con moita dor. Curiosamente, dos 90 minutos da metraxe, a súa morte chega cando vai máis ou menos a metade.

A segunda parte do documental trata do esforzo que fixo o resto do grupo para organizar a homenaxe en Wembley uns meses máis tarde, que conseguiu xuntar a moitos dos mellores músicos de pop e rock da época. A mitificación de Axl Rose, que foi convidado a participar xunto ao seu grupo, pero que non participaba nos ensaios, e que ninguén tiña claro se finalmente ía actuar ou non, cando lle tocaba facer dueto con Elton John en "Bohemian Rhapsody", co que parece que non se levaba demasiado ben. Pero finalmente apareceu "por sorpresa" no escenario deslumbrando, e saudando con cariño a Elton John. E a odisea de George Michael, que interpretou moi ben "Somebody to love", que tamén era homosexual pero que tiña moitos problemas sentimentais porque parece que era un tipo ben complicado (morreu hai uns anos, pero non me soa que fora polo sida).

Saúdos.



Romería de Santa Margarita 2023

Un ano máis, para poñerlle o ramo ás festas da agosto na cidade da Coruña, na última fin de semana celebrouse a popular Romería de Santa Margarita no parque do mesmo nome. Eu crieime naquela zona e teño grandes recordos de toda a fin de semana durante a miña infancia, pero agora só vou aos concertos nocturnos que hai no auditorio. Lembro que, cando eu era pequeno, había moitas horas de concertos e actuacións de grupos folklóricos pero, basicamente, todos os anos tocaba Milladoiro, ata que tristemente deixou de facelo. Nos últimos anos a programación nese eido mellorou bastante, e xa non digamos este ano, que encargaron a Antonio Prado, moi competente, o programa de concertos.

O sábado pola tarde actuaba de primeiro o grupo de folk Arredores. Chegamos só para escoitar as últimas cancións, e non o fixeron nada mal, destacando poderosamente a marabillosa voz de Icía Varela. Puidemos disfrutar do concerto de Treixadura. A última vez que os vin, hai xa case 10 anos, estiveron moi ben. Tiñamos ganas de ver ao último grupo, Airiños da Freba, pero xa era algo tarde e xusto nese intre púxose a chover.

O domingo comezaba Xosé Lois Romero e Aliboria que, coma sempre, estiveron moi ben. Despois actuou a acordeonista irlandesa Sharon Shannon, á que había anos que non veía. Tamén estivo moi ben. E no último lugar actuaba o mítico Eliseo Parra, que está na xira de despedida, pero só nos quedamos a ver as 2 ou 3 primeiras cancións, xa era moi tarde.

Saúdos.





Searching for Sugarman

Aínda que non me desagradan en absoluto, e gústame moito a divulgación e o coñecemento en todas as súas modalidades, a verdade é que teño moi pouco hábito de ver documentais. E mira ti que non botan documentais na televisión, sobre todo en canais fantásticos como a 2. Pero hai unhas semanas, por algunha estraña razón, fun a unha das plataformas que recibo agora na miña nova smart-tv, e púxenme a buscar nos documentais, e non nas películas (se cadra ese día dispoñía de menos tempo e pensei que sería máis doado atopar pezas desa duración). E atopei esta xoia da que seguramente oístes falar nos últimos anos.

"Searching for Sugarman" foi dirixida polo director sueco Malik Bendjelloul (a súa única obra, tristemente suicidouse pouco despois) no ano 2012, e gañou o Óscar ao Mellor Documental no ano 2013. Non teño eu moi claro que o elenco sexa relevante neste tipo de pezas audiovisuais. Se cadra o máis importante neste caso é que aparece o propio protagonista da historia (ao comezo non parecía que sería así).

A historia é ben curiosa. Resulta que en Sudáfrica, por algunha estraña razón, triunfou nos anos 70 un cantautor estadounidense chamado Rodríguez, que só chegou a sacar un par de discos, pero décadas máis tarde seguía sendo alí un mito. Ninguén o sabe con certeza, pero suponse que na época de edición dos discos, algún turista estadounidense foi de vacacións a Sudáfrica, levou os vinilos, aos seus colegas que estaban alí gustáronlle moito, e a bola foi crecendo e crecendo. Pero a súa vida era un enigma e, dende logo, a pesar do seu gran éxito alí, nunca foi de xira por alí. De feito, existía a lenda de que non sacara máis discos porque se suicidara dando un concerto (dende logo, un final ben épico para un músico).

O caso é que un par de fans sudafricanos de Rodríguez, varias décadas máis tarde, puxéronse a investigar sobre a identidade do artista. Non tiñan moito de onde tirar, pero se cadra, investigando ás discográficas que sacaron os discos orixinais no seu momento podían conseguir algo. E así o fixeron. E cal foi a súa sorpresa cando descubriron que o mito do suicidio no escenario era falso. Que só sacou dous discos porque en Estados Unidos, aínda que prometía, o seu éxito foi nulo. E sobre todo, que seguía vivo e podían falar con el.

Resulta que o tipo chamábase Jesús Sixto Rodríguez, era estadounidense pero de orixe mexicana, vivía pola zona de Detroit, e dedicábase ás obras, era algo así como un albanel. O seu estilo era similar ao Bob Dylan da época (comparábano moito con el), e algúns dicían que era mellor ou que lles gustaba máis. Pero o caso é que Dylan triunfou e el foi totalmente esquecido. Cando deron con el os sudafricanos en Detroit, convencérono para que a finais dos 90 fixera unha xira por Sudáfrica, que foi un auténtico éxito.

Eu oín falar deste documental hai xa 3-4 anos facilmente, pero non o vin ata hai uns días. E mira ti que casualidade que Sixto Rodríguez morreu a comezos de agosto, xa con máis de 80 anos. No vídeo que vedes abaixo está o documental enteiro (podedes activar os subtítulos). Pero vaia, se conseguín velo eu, que non estou en ningunha das plataformas comerciais, moi difícil non debe ser.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...