venres, 24 de decembro de 2021

Venom

Ata hai poucos días eu non tiña nin idea da existencia deste suposto "superheroe" de Marvel. Pero en cuestión dunha semana vexo esta película que trata sobre el directamente e vexo "Spiderman 3" onde xa aparecía inicialmente. Ten o atractivo de que ten superpoderes pero sempre queda a dúbida de se quere usalos para o ben, porque resulta moi ambiguo.

A película foi dirixida en 2018 por un tal Ruben Fleischer. No elenco están Tom Hardy (agora xa comeza a soarme algo máis), Michelle Williams e Riz Ahmed (cuxo papel podería lembrar vagamente a Elon Musk, un multimillonario que invirte en vangardistas proxectos tecnolóxicos).

Carlton Drake dirixe a Fundación Vida, que está facendo investigacións para atopar posibles novos mundos habitables. Na súa última expedición, descubren catro formas de vida simbióticas nun cometa, e cando a súa nave espacial está volvendo, ten un accidente e estréllase en Malasia. Alí, unha das catro mostras escapa, pero as outras tres son recuperadas.

Esas mostras son como as manchas viscosas das que falo no artigo sobre "Spiderman 3". Son capaces de mesturarse con seres humanos e coexistir algún tempo, pero finalmente os humanos acaban morrendo. Están reclutando mediante enganos a pobres da cidade de San Francisco (onde a Fundación ten a sede), para facer probas con eles, con ningún éxito.

Eddie Brock é un prestixioso xornalista. Concértanlle unha entrevista con Carlton Drake, persoa moi poderosa, pero avísanlle de que lle faga unha entrevista amable, que é unha honra para o seu xornal, e que non se meta en líos. Pero xusto a noite anterior, Eddie conseguiu unha información privilexiada sobre os trapos sucios da Fundación Vida, sen que a súa moza Anne o soubera. Ela traballaba como avogada para a Fundación Vida. Na entrevista, Eddie non se corta un pelo e intenta poñer nun aprieto a Drake. Ao día seguinte, Eddie e Anne son despedidos dos seus respectivos traballos.

Unha das médicas que traballa con Drake, e que descubre que están facendo barbaridades sen control, avisa a Brock sobre o que está pasando. Incluso cola a Eddie na sede da Fundación unha noite. Alí Eddie atopa a unha indixente que era amiga súa, que estaba desaparecida, e Eddie comprende a situación. Intenta sacala, pero o único que consegue é que o simbionte pase do corpo da súa amiga ao del, pasando a ser Venom.

O cuarto ser que desapareceu en Malasia, chamado Riot, foi pasando dun corpo a outro, deixando cadáveres cada vez que facía iso, e chega á sede da Fundación Vida no corpo dunha adorable nena. Atopáse con Carlton Drake e trasládase ao seu corpo.

A batalla final consiste en que Riot, o máis forte dos catro organismos que viñeron do cometa, quere saír nunha nova nave espacial para traer a máis organismos similares e tomar o planeta, e Venom enfróntase a el para impedilo. Eses seres só poden morrer polo lume ou polos sons dunhas determinadas frecuencias. Hai unha grande explosión, e parece que Eddie xa se separou de Venom, pero non é así. Esa debe ser a porta para unha posible segunda parte, que coido que se vai estrear pronto.

Saúdos.





Sinuhé o exipcio

É un pouco raro, eu estaba convencido de que vira esta película nos últimos anos, pero debín confundila con outra, porque despois de vista, non me soa a historia de nada. Se cadra a confusión vén por Victor Mature, que é un dos actores principais desta e doutras de temáticas parecidas.

Foi dirixida en 1954 por Michael Curtiz, e os principais actores do elenco foron Edmund Purdom,​ Jean Simmons, Gene Tierney, Victor Mature, Peter Ustinov e Bella Darvi. Un caso curioso é do Edmund Purdom, estrela principal desta película, que case desapareceu do mundo de Hollywood despois de protagonizar esta famosa película. Poucos anos despois, case arruinado, foise vivir a Italia, onde o cine estaba en auxe, e tivo certo éxito no cine europeo, pero dende logo, moito menos do que parecía despois desta película.

Sinuhé foi atopado nun barco de cañas feito con nudos de paxareiro por un médico dos pobres. Foi adoptado pola familia do médico. Estudou para ser médico tamén, que era a súa paixón, e debido á súa valía e unha serie de casualidades, acabou sendo o médico do novo faraón Akhenatón, despois da morte do seu pai Amenhotep III. Debido a estes datos, descubriu que realmente era fillo do faraón recén falecido cunha das súas primeiras mulleres e, polo tanto, medio irmán do novo faraón, pero iso non se sabe ata que é maior e entra na corte faraónica.

Era moi amigo de Horemheb, que quería ser militar e entrar no exército do faraón, para ascender no escalafón. Un día están cazando leóns no deserto, e ao matar a un deles, salvan de milagre a vida dun home santo que está rezándolle a algo. Inmediatamente chega a guardia, que cren que son uns inimigos do sistema, pero o home salvado, que é o novo faraón Akhenatón, que estaba adorando ao seu novo Deus Atón, decide que Horemheb e Sinuhé entren ao seu servicio, cada un na súa ocupación.

Pero Sinuhé non está contendo sendo o médico da corte. El segue disfrutando salvando a vida dos pobres. Mais na súa vida crúzase unha ambiciosa muller babilonia chamada Nefer, moi fermosa, da que Sinuhé namora tolamente, ata perdelo absolutamente todo, porque Nefer o quere todo para ela. Decide marchar de Exipto e faise rico como médico no estranxeiro.

Nun determinado momento, atende e salva a vida do rei dos hititas, e aí descubre que desenvolveron unha nova arma feita de ferro, un metal non coñecido ata aquela data. Volve a Exipto e informa a Horemheb, que agora é o xeneral en xefe, do que acaba de descubrir. Intentan convencer a Akhenatón do real da ameaza dos hititas, pero o faraón, un santón que só adora ao seu novo Deus, non se entera de nada, e segue optando por pasar do tema.

O exército érguese contra o faraón, mata aos seguidores do seu rito, entre eles a Merit, unha taberneira que si foi o verdadeiro amor de Sinuhé, aínda que el se decatou demasiado tarde, e que coidara o fillo que tiveron xuntos (se tiveron un fillo xuntos, xa puido decatarse antes, creo). Un servente de Sinuhé fuxe co seu fillo e de Merit. Horemheb convértese no novo faraón, e Sinuhé remata os seus días desexando atopar de novo ao seu fillo, do que non sabe nada dende hai moito tempo.

Saúdos.



Jurassic World: O reino caído

Seguen estirando o chicle xurásico. Como xa comentei aquí, non vin a primeira película desta saga ata hai poucos meses, e tiña moita curiosidade por facelo. Non son gran cousa, pero resultan agradables de ver, co feixe de efectos especiais necesarios para recrear a seres que non existen na realidade, que non é pouca broma.

Esta fita foi estreada en 2018 baixo a dirección do español Juan Antonio Bayona (que xa se fixo un nome en Hollywood como director de espectáculos coma este). No elenco están Chris Pratt, Bryce Dallas Howard, B. D. Wong, Jeff Goldblum, Rafe Spall, Justice Smith, Daniella Pineda, James Cromwell, Toby Jones, Ted Levine, Isabella Sermon e Geraldine Chaplin.

Nesta película mestúranse varias historias curiosas. A primeira é que na Illa Nublar se produce unha erupción volcánica (agora tan de actualidade na canaria Illa da Palma). Así que hai que montar unha expedición para salvar os dinosaurios que aínda están alí. Incluso algún dos participantes en entregas anteriores da saga teñen dúbidas e cren (inicialmente) que a fin deses dinosaurios a mans do volcán é un bo final. Pero como xa intuiredes, estes "negacionistas" axiña cambian de opinión e únense á operación de rescate. Pois iso, móntase unha expedición moi ben montada que consegue salvar a case todos os dinosaurios da illa no último momento.

Agora ben, que se vai facer con eses dinosaurios unha vez salvados? Os científicos pensan que se montará outro parque ou algo así. Pero a empresa que montou a operación de rescate, ás costas de todo o mundo, organiza unha subasta para vender os dinosaurios e sacar unha millonada por eles. E ademais, fixo enxeñería xenética con varios deles e está deseñando unha nova especie chamada "Indoraptor", que venderá como unha infalible arma militar. Aos poucos, vaise desvelando ese lucrativo plan, e os "bos" intentan desbaratar os plans dos "malos", conseguíndoo finalmente, como sempre.

Saúdos.



Spiderman 3

Ollo, que aquí podemos facernos un lío. Se non me equivoco, a historia de Spiderman non se rodou en cine ata que chegamos ao século XXI. Se cadra houbo algunha serie previa (non me soa) pero en cine non se rodara ningunha película antes diso. O primeiro actor que fixo de Spiderman foi Tobey Maguire, que fixo unha saga de 3 películas, e a terceira delas é a que vou comentar aquí. Digo isto para que non se confunda coa terceira película da seguinte saga, que xustamente se está presentando agora, na que polo visto saen os tres actores que fixeron de Peter Parker: Tobey Maguire, Andrew Garfield (xa comentei  aquí varias desa saga nos últimos meses) e Tom Holland (que polo visto, é o novo actor escollido para ese papel). Ademais, o máis novidoso desta película é a aparición dun Spider-man con traxe negro, dunha estraña orixe, que parece recibir o nome de Venom, superheroe de Marvel do que descoñecía a súa existencia, e que vin nunha película propia uns días máis tarde. Ou sexa, moitas coincidencias.

Esta "Spiderman 3" foi dirixida en 2007 por Sam Raimi, e na que actúan Tobey Maguire, Kirsten Dunst, Rosemary Harris, James Franco, J. K. Simmons, Thomas Haden Church, Topher Grace e Bryce Dallas Howard. Hai que recoñecer que a película é complexa, hai varios Spiderman diferentes, o Venom (Spiderman de traxe negro, máis tenebroso e menos bondadoso, o protagonizan dous actores diferentes ao longo da película, e ten certo sentido que sexa así). Ou sexa, que non é moi doado explicar a historia.

Por comezar por algún sitio, teño un pequeno lío coa moza de Peter Parker. Na nova saga dos últimos anos, o personaxe chámase Gwen Stacy e está protagonizada por Emma Stone. Nesta primeira saga, a moza de Peter Parker é Mary Jane Watson (Kirsten Dunst), e Gwen Stacy é outro personaxe, a filla do xefe da policía (iso coincide nas dúas sagas), pero non son parella, aínda que teñen algún escarceo que a Mary Jane non lle gusta demasiado. Como non coñezo a historia orixinal de Spiderman, non sei que sucede aquí, pero tampouco creo que teña demasiada importancia.

Como sempre, as películas de Spiderman tratan dos seus enfrontamentos cos malosos de turno. Nesta película son varios:
- Duende verde: o seu amigo Harry Osborn, fillo de Norman Osborn, que era o inicial Duende Verde, maloso que vai montado nun monopatín volador moi molón. Spiderman supostamente matou ao pai, así que a anterior amizade rompeuse e agora é un terrible inimigo. Pero no último momento da película, xusto antes de morrer, Duende Verde axuda a Spiderman a enfrontarse aos outros dous malosos.
- Home de Area: este tipo, na súa versión normal, supostamente matou ao tío de Spiderman, pero realmente foi de xeito accidental, sen querer. Por outra banda, ten unha filla moi enferma, e quere conseguir cartos para poder operala. E nunha destas cousas moi estrañas que suceden nestas películas, cae accidentalmente nun lugar onde están facendo un raro experimento científico, e convérteno no Home de Area, un xigante de area que pode rehabilitar con facilidade as partes que lle destrúan.
- Venom: esta historia xa é moi retorcida. Nalgún momento da película aparece unha estraña sustancia negra (algún tempo despois entereime que lle chaman "simbiote"), viscosa, con capacidade de intelixencia, que colle a Peter Parker unha noite cando está durmindo. Como resultado diso, aparece un traxe de Spiderman totalmente negro, e cando Peter o pón, xa non é tan bondadoso, senón máis poderoso e individualista. Nun determinado momento, o traxe pasa de Peter Parker a Eddie Brock, un novo fotógrafo do xornal no que traballa Peter, que foi despedido porque Peter desvelou que unha foto coa que pretendía triunfar estaba trucada. E Eddie, que está chinadísimo con Peter, acolle con moito agrado o seu novo traxe, para vengarse del. Ese novo malote chámase Venom, e axiña veredes neste blog un comentario sobre unha película dedicada a el en exclusiva.

Ao final xa sabedes ou intuídes quen gana, tampouco fai falla estenderse moito nese tema, creo.

Saúdos.




Garra negra

Ultimamente en R estaba como canal invitado XTRM. Non é que me chame moito, pero un día destes botaban a película "Garra negra" (o título orixinal era "Black Death", non sei que necesidade había de liarse cunha "garra"). Había un par de actores coñecidos e falar da peste negra medieval en tempos de pandemia aínda tranquiliza (porque antes aínda estaban peor).
Esta película británica foi dirixida en 2010 por un tal Christopher Smith, do que eu nunca oíra falar. Os dous actores coñecidos aos que me refiro son Sean Bean (actuou en "O Señor dos Aneis" e "Xogo de tronos" así que o ambiente medieval séntalle ben) e Eddie Redmayne (non o vin en ningunha película pero sei que actuou en varias exitosas dos últimos anos). E o resto do elenco de secundarios fan un bo papel, pero recoñezo que as súas caras non me soaban de nada.

Na Inglaterra de 1348 está a peste. Un xoven monxe dun mosteiro, Osmund, ten moitas ganas de saír do mesmo, porque a pesar do illamento, tamén está entrando a peste no mosteiro. E ademais, pronto se sabe na película, está namorado dunha bela moza da vila, que marcha da mesma debido á peste. Di que esperará nun bosque cercano durante unha semana, despois marchará.

Osmund non sabe que facer para marchar, pero xurde unha oportunidade fantástica cando Ulric, un cabaleiro con fama de salvaxe aparece polo mosteiro pedindo un voluntario que lles guíe ata unha solitaria aldea a carón dos pantanos, na que parece que non entrou a peste e na que pasan cousas algo estrañas, como que son capaces de resucitar aos mortos. E Ulric, que tamén é un fanático relixioso, quere averiguar o que sucede alí e matar a todo o que non faga cousas moi respectuosas coa relixión.

Osmund non estivo nunca nesa aldea, pero sabe onde está, porque el naceu e criouse nesa zona, e ademais o bosque no que medio-quedou coa súa amada está de camiño, así que todo pinta moi ben. Chega ao lugar da cita coa súa moza despois de escaparse temporalmente do grupo, pero non atopa alí á súa moza. O que si atopa é unha banda de salvaxes que anda por alí, que o descubren, o perseguen ata o campamento onde están os demais, e ten lugar unha cruenta batalla, na que sobreviven case todos os do seu grupo.

Seguen o seu camiño e pouco despois chegan a esa misteriosa aldea. Alí son ben recibidos, aparentemente, todos están sanísimos, son todos guapísimos e guapísimas, pero eles sospeitan que efectivamente, pasa algo raro. Alí está a moza de Osmund, que inicialmente parece que estaba morta, pero semella que non, estaba cerca desa condición. Pero facela revivir do seu estado catatónico faille crer a Osmund que efectivamente acaban de resucitala, e decide matala el mesmo porque aquelo non pode ser bo. Tamén, tanto camiño para fracasar dese xeito.

O resto non está mellor. Finalmente todos foron drogados e apresados. E queren que fagan un xuramento de deixar de adorar ao deus cristián para quedar a vivir alí ou marchar libremente, se non o fan, serán executados. Vense casos variados: un que decide deixar a fe cristiá é finalmente aforcado (aínda que os outros non ven o final da historia, pensan que foi liberado, así que os fai dubidar); outro négase a deixar a fe cristiá e é crucificado. Ao final libéranse varios do grupo "evanxelizador" e enfróntanse aos da aldea.

Finalmente, parece que a aldea non tiña peste porque estaba totalmente illada das demais. E as supostas resurreccións non eran tal, senón que era revivir a alguén que estaba en estado catatónico. Pero na Idade Media crían en moitas cousas raras, pobriños.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...