domingo, 28 de agosto de 2022

Obxectivo Birmania

Como dixen aquí mesmo hai pouco, non me agrada o cine bélico. Pero o caso é que vin dúas películas dese xénero na última semana. A explicación desta incoherencia é que a de hoxe, "Obxectivo Birmania", forma parte dunha colección de clásicos que me regalaron hai uns anos que veñen acompañados dun caderno no que se contan todos os pormenores da película, que leo xusto despois do seu visionado, e que me axuda a entender mellor como foi a súa produción. Por certo, a pesar de estar considerada como unha das mellores películas bélicas de todos os tempos, en Youtube aparece antes un infumable grupo de pop español dos 80 se escribes o seu título.

Foi dirixida en 1945 por Raoul Walsh, e o protagonismo principal foi para Errol Flynn (vaia dúas patas para un banco). Non conseguín recoñecer a ningún dos actores secundarios. Só aparecen brancos e amarelos. Non hai ningún personaxe negro nin ningunha muller. A película está ambientada na II Guerra Mundial e foi rodada case na época, por esa razón non se localizou en Birmania (aínda que hai planos xerais que si son da zona) senón nun parque natural e no Xardín Botánico de Los Ángeles, que asemellan bastante ben á xungla asiática. Así que a produción debeu ser rendible, recadando moito pola propaganda bélica do momento e costando pouco, supoño.

A trama non é moi complexa. Unha alianza entre estadounidenses, ingleses, chineses e indios intentar recuperar Birmania, que foi tomada polos xaponeses (estes non debían ser mancos). Ese sería un paso esencial na Batalla do Pacífico da Segunda Guerra Mundial. Un grupo duns 50 paracaidistas estadounidenses vai ser lanzado nun claro da xungla, e dende alí, deben avanzar e destruír unha estación de radar xaponesa que está nesa xungla, pero non saben o lugar exacto. Se iso sae ben, xa está decidido en que outro claro da xungla, antigo aeródromo inglés, serán recollidos para volver á base.

A película dura algo máis de dúas horas, e na primeira todo é un paseo militar (nunca mellor dito). O lanzamento dos paracaidistas é perfecto (incluso o dun veterano reporteiro que quere contar de primeira man como é a guerra). Avanzan pola xungla, localizan a estación de radar, e conseguen destruíla e matar a todos os soldados xaponeses sen ter nin un só ferido. Despois van ao claro da xungla onde os van recoller, chegan xusto a tempo e establecen contacto por radio, todo perfecto. Eu veía a película e dicía "vaia, como propaganda xa se están pasando un pouco, non pode saír todo tan ben".

Pero aquí comeza a torcerse todo. Xusto cando van recollelos, abortan a misión porque localizan a un batallón xaponés que os localizou e está perseguíndoos. Quedan un par de días máis tarde a uns quilómetros dalí, en dirección á base. Efectivamente, chegan alí e fanlles chegar uns suministros en avión, pero non poden recollelos a eles, porque non hai onde aterrar. Volven quedar uns días máis tarde noutro lugar, para seguir avanzando. Pola dificultade da ruta, dividen o grupo en dous, que van por itinerarios diferentes. Un deles chegará ben, pero o outro crúzase cunha patrulla xaponesa nunha aldea e son todos torturados e asasinados con crueldade (curioso, nada diso chega a verse en pantalla, só a intuirse).

Cando conseguen contactar de novo por radio cos avións que poderían rescatalos, reciben unha estraña orde. Teñen que cambiar de dirección e ir cara ao norte (dirección contraria a onde se atopa a base) ata un determinado punto, e cando cheguen alí, agardar. Ninguén comprende as razóns pero o xefe di que son ordes e hai que cumprilas. Así o fan, e chegan á colina con moito esforzo e un grupo xa reducido. O batallón xaponés tamén os localizou e intenta atacalos na primeira noite que pasan alí, pero conseguen rexeitalos. Á mañá seguinte unha inmensa flota de avións estadounidenses pasan por enriba deles coa intención de tomar todo o país, o cal significa que xa non están sós na xungla birmana, senón en territorio seguro, e son recollidos unhas horas máis tarde.

Pois iso, para ser película bélica, aínda se deixa ver. Pero vaia, a propaganda yankee é tan burda e noxenta, que dá un pouco de arrepío.

Saúdos.





Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...