domingo, 24 de abril de 2022

O misterio dos fillos de Lúa

Neste día do libro celebrei a efeméride lendo o volume número 89 da Biblioteca Galega 120 que a Voz de Galicia publicou cando se cumprían 120 anos da súa fundación. A semana pasada lin o número 88, semella que vou collendo velocidade, aínda que a verdade é que estes libros que tocan nesta parte da colección son para o público infantil e son bastante breves. Coido que o número 90 caerá en poucos días.

Galicia é unha potencia en literatura infantil e xuvenil (e agora parece que tamén en música para esas idades) e esta obra da que vou falar parece unha boa proba diso, aínda que eu non entendo do tema e non me vexo con criterio para saber se un libro destinado a estas idades é mellor ou peor. Se cadra, para idades adolescentes ou adultas podía ter mellor criterio, pero para rapazada máis nova recoñezo a miña ignorancia.

A autora de "O misterio dos fillos de Lúa" é Fina Casalderrey, e lembro perfectamente que a sona que actualmente ten como autora infantil gañouno con esta obra, coa que obtivo o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 1996. Ese certame existe dende 1978 e os autores galegos que o gañaron foron:
- 1986: Paco Martín con "Das cousas de Ramón Lamote"
- 1995: Xabier Docampo con "Cando petan na porta pola noite" (casualmente é o seguinte libro desta colección, preveo que caerá esta semana)
- 1996: Fina Casalderrey con "O misterio dos fillos de Lúa"
- 2008: Agustín Fernández Paz con "O único que queda é o amor"
- 2015: Ledicia Costas con "Escarlatina, a cociñeira defunta"
- 2017: Antonio García Teixeiro con "Poemar o mar"
Ou sexa, seis ganadores en pouco máis de corenta edicións é unha proporción fantástica tendo en conta as cifras de edición en galego e noutros idiomas peninsulares.

A historia trata sobre unha gata que se chama Lúa. Chega á familia do narrador, que é un neno de oito anos chamado David. El e a súa amiga do colexio Branca deciden adoptar e coidar á gata que chega á súa familia de rebote. O seu irmán maior e os pais de David tamén queren a Lúa, pero ao seu xeito, non están tan entregados como David e Branca. O "misterio" consiste en que Lúa tivo gatiños varias veces, pero desapareceron ao día seguinte, e como está preñada de novo, queren investigar que sucede cos eses gatiños e, sobre todo, queren garantir a súa supervivencia.

Saúdos.



Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...