domingo, 19 de marzo de 2023

Johnny Guitar

Oíra falar moitas veces desta película, pero xuraría que non a vira nunca. Efectivamente, despois de vela, estou seguro que é a primeira vez, porque é unha película bastante atípica, por moitas cousas. Eu pensaba que era un "western" mítico pola actuación de Sterling Hayden, pero resulta que foi feita para lucimento e capricho de Joan Crawford. Incluso algúns din que nin sequera é un western, que simplemente coincide época e ambientación, e algo de certo podería haber.

Foi dirixida en 1954 por Nicholas Ray e os principais papeis do elenco son para Joan Crawford, Sterling Hayden e Mercedes McCambridge, aínda que seguramente o máis destacado é o enfrontamento entre as dúas actrices protagonistas (parece que nin na realidade se caían moi ben). Como secundarios, están Scott Brady, Ward Bond, Ernest Borgnine e John Carradine, por exemplo.

A ver se dou contado ben a historia, porque ten a súa chicha. Vienna montou unha casa de xogos nunha determinada vila. Ten certa popularidade pero tamén ten moitos inimigos, porque ten boa relación coa banda dun vaqueiro chamado Dancing Kid, á que acusan de moitos asaltos na comarca, e que teñen un refuxio escondido nas montañas. Ademais, a Emma, lideresa popular da vida, tamén lle gusta moito Dancing Kid, pero el pasa dela, e faille máis caso a Vienna. Como vedes, moito caldo, e de Johnny Guitar aínda non falamos, porque nin apareceu na película.

Pero un día aparece, porque é un antigo amante de Vienna, e aínda a bota de menos. Era un grande pistoleiro, pero agora xa non leva armas e leva unha guitarra, que toca de cando en vez. Chega xusto cando hai un novo asalto á dilixencia e morre o irmán de Emma, que culpa á banda de Dancing Kid. Johnny viu o asalto de lonxe, pero estaba lonxe, non ía armado, e como os asaltantes ían tapados non puido recoñecer a ninguén.

Que non axude a Emma e aos seus e que se saiba que foi un antigo amante de Vienna non lle axuda a ser moi popular, aínda que el consegue non ser demasiado odiado. Ao final un bando acaba enfrontándose ao outro, liderados polas dúas mulleres, mentres a sala de xogos de Vienna arde, en incendio provocado por Emma.

Saúdos.



Esfera

Hai unhas semanas botaban nunha das cadeas da TDT unha película que probablemente xa vin no seu momento, pero que me interesaba ver de novo. É do xénero de ciencia-ficción, que xa sabedes que me gusta bastante, así que probei de novo.

"Esfera" foi dirixida en 1998 por Barry Levinson baseada nunha novela de Michael Crichton, que naquela época era un escritor moi exitoso. Os papeis principais foron para Dustin Hoffman, Sharon Stone, Peter Coyote e Samuel L. Jackson.

Un equipo multidisciplinar de científicos formado por un psicólogo, unha bióloga mariña, un matemático e unha astrofísica é convocado pola Mariña dos Estados Unidos para mergullarse no medio do océano e investigar que sucede con algo que apareceu no fondo mariño. Ese estraño equipo foi mencionado polo psicólogo nun informe que unha vez lle pediu a administración estadounidense por se se poñían en contacto cunha civilización extraterrestre, pero el elaborou o informe sen moito criterio pensando que nunca o ía ler ninguén e que sería unha forma doado e rápida de conseguir uns poucos cartos.

Pero o caso é que no fondo do mar hai algo así como unha nave espacial dunhas dimensións colosais, que pola capa de coral que ten sobre ela semella levar alí uns 300 anos, cousa que obviamente non ten sentido. Así que todos pensan que será extraterrestre. Pero ao entrar nela comezan a ver rótulos en perfecto inglés, e aínda funcionan pantallas que lles dan a idea de que o último que fixo a nave foi entrar nun burato negro (ou algo así), e semella que iso puido suceder a mediados do século XXI ou XXII. Así que a cousa cambia bastante.

Pero na bodega está o máis impactante, unha esfera dourada duns 10 metros de diámetro, que flota no aire e cun contorno móbil pero que non semella ter portas, que ademais reflexa toda a luz circundante pero non ás persoas que están diante dela. Intentan entrar pero obviamente non saben como facelo. E a partir deste punto comezan a pasar cousas raras.

Un determinado día, o matemático vai só á nave espacial (porque eles están aloxados noutra instalación cercana) e aparece insconsciente a carón da esfera. Tráeno de novo para o seu aloxamento e tarda en recuperarse. Non lembra que facía alí e tampouco lembra se foi capaz de entrar na esfera.

A partir dese momento, un "ente" que debe ter relación coa esfera comeza a comunicarse con eles a través dos ordenadores da nave na que se atopan eles. As súas mensaxes son moi crípticas e incomprensibles, pero parecen sabelo todo sobre o grupo que está alí. Varios dos integrantes da Mariña morren en estraños accidentes que teñen que ver con animais mariños, como medusas e calamares xigantes, que aparecen pola zona.

Máis membros da expedición sufren accidentes ou estraños fenómenos. O astrofísico e o representante da Mariña morren en estrañas circunstancias. Despois de todo isto, só quedan o psicólogo, a bióloga mariña e o matemático. Todos teñen a sensación de ter entrado na esfera, pero non o lembran. Pero a principal conclusión que sacan é que todos os que entran na esfera son capaces de convertir en reais os seus peores soños e pesadelos. Eses accidentes mencionados foron provocados por criaturas que saían da súa mente pero que se convertían en reais.

Cando conseguen saír ao exterior, chegan a un pacto de silencio para non revelar o que aprenderon da esfera, pero ao mesmo tempo, a esfera sae do océano e fuxe voando polo ceo.

Película que se deixa ver, pero penso que bastante tramposa. Polo que parece, hai algunhas diferenzas notables coa novela, e incluso podería haber varias versións da película con diferentes finais.

Saúdos.



Unha inimiga do pobo

Hai unhas semanas estreouse no Teatro Rosalía da Coruña a última montaxe de Talía Teatro, unha das mellores compañías galegas, moi fiable e que case nunca decepciona. Nesta ocasión fixeron unha versión actualizada de "Un inimigo do pobo", escrita polo noruego Henrik Ibsen a finais do século XIX. Pero nada, semella totalmente actual. O que era un médico home pasou a ser unha muller que ademais está embarazada.

A dirección é de Tito Asorey (ultimamente está en todas) e o reparto está formado polo elenco máis ou menos habitual desta compañía: Marta Lado, Dani Trillo, María Ordóñez, Toño Casais, Rubén Prieto, Marta Ríos, Diego Rey, Xurxo Barcala e Artur Trillo. Aínda non hai moito tamén os vimos na Coruña con "Morte accidental dun anarquista" de Darío Fo.

A muller que dirixe un balneario que é o motor económico dunha vila está á espera do resultado duns análises que pediu a un laboratorio. Eses análises chegan e confirman o que ela xa sospeitaba, que as augas do balneario non estaban todo o limpas que deberían, neste caso por culpa dunha bacteria contaminante.

Nese momento, a súa reacción natural é facelo público e que se peche o balneario durante un tempo (poden chegar a ser dous anos) para facer as obras que poidan restaurar a salubridade das augas, xa que o problema debeuse á mala calidade dunhas tubaxes de canalización.

O malo é que a vila é pequena e a súa economía depende totalmente do funcionamento do balneario. Ademais, o alcalde é o irmán da muller. Os mellores amigos da muller traballan nunha emisora de radio local que está disposta a apoiala e destapar o escándalo, ata que os propietarios da emisora, que son os empresarios da vila, din que non van apoiar a difusión desa noticia e presionan no sentido contrario.

Ao final, a muller é denigrada e perseguida, e xa ninguén a quere, o que demostra que a presión dos poderes fácticos é máis poderosa que as boas intencións. O final é algo críptico, pero semella que ela mesma lle prende lume ao balneario, pero xa digo, non queda demasiado claro.

O escenario é fantástico. Hai uns cantos ambientes diferentes provocados polas partes móbiles do mesmo, que cambian entre as escenas. Esas partes móbiles tamén levan a iluminación e non se moven a man, senón eléctrica ou hidráulicamente, xa que son moi voluminosas e pesadas. Está claro que Talía xa pode permitirse escenarios potentes que para outras compañías son simplemente ciencia ficción.

Saúdos.



As bestas

Como dicía nun artigo anterior (pero que neste blog aparece máis abaixo, como é habitual nos blogs), na miña estancia entroidil en Compostela aproveitei para ver a película "As bestas" en Numax. Falábase xa moito da película (non lembro se xa lle deran un feixe de Goyas ou non) e ir á sala de Numax sempre é un pracer, así que aproveitei.

Foi dirixida en 2022 por Rodrigo Sorogoyen, o guión é del mesmo e de Isabel Peña (que xa triunfaran hai uns anos con "O reino"). O matrimonio francés está interpretado por Denis Menochet e Marina Fois, mentres que os dous irmáns máis agresivos son para Luis Zahera e Diego Anido. Como secundarios, están Marie Colomb, Luisa Merelas, Federico Pérez, Xabier Estévez ou Pepo Suevos.

A película está claramente baseada nun suceso real que sucedeu no ano 2010 en Santoalla, unha aldea do concello de A Rúa-Petín. A diferenza é que no caso real o matrimonio estranxeiro era holandés e na película é francés. E debe haber algunha cousa máis, pero en xeral inspírase claramente naquel caso. Hai un documental titulado "Santoalla" que explica o caso en detalle. Non puiden velo pero, polo visto, está moi ben.

A historia da película é a seguinte. Un matrimonio francés leva un tempo vivindo nunha zona montañosa remota de Galicia. Máis ou menos as relacións eran boas, ata que unha empresa enerxética lles ofrece a todos os veciños uns cartos para instalar muíños eólicos, cartos fáciles para saír da mediocridade, nalgúns casos.

O matrimonio francés, que chegou alí buscando un lugar virxe onde poder dedicarse á agricultura ecolóxica, oponse totalmente ao proxecto, mentres que todos ou case todos os veciños autóctonos queren eses cartos fáciles. Parece que as empresas só poden avanzar co proxecto se absolutamente todos os veciños están de acordo. Polo tanto, a oposición dos franceses fai que xa non resulten tan simpáticos.

Polo que parece, á maioría dos veciños non lles parece demasiado mal, pero hai unha familia, formada por unha nai (o pai non se ve por ningures) e dous fillos, que comezan a opoñerse frontalmente aos franceses. Ademais son os veciños que viven máis cerca deles. O máis novo deses fillos parece ter unha certa deficiencia mental. O máis vello ten moito carácter e é o máis belixerante cos franceses.

Comezan a ameazar aos franceses, e o home francés decide mercar unha cámara de vídeo para intentar gravar as súas ameazas, aínda que á súa muller esta táctica tampouco lle gusta nada. O marido presenta denuncias ante a Garda Civil, pero tampouco son nada eficaces, e non queren meterse en líos cos veciños.

Finalmente, os dous irmáns acaban matando ao home francés no bosque, e mátano dun xeito similar ao que usan os aloitadores na rapa das bestas para inmovilizar aos cabalos (non para matalos). Aí tamén se diferenza da historia real, na que a morte foi por un disparo de escopeta. Iso explica as escenas iniciais na rapa das bestas de Sabucedo e o título da película.

O máis incrible é que, ante a desaparición do home, a muller comeza a busca do cadáver e presenta denuncias ante a Garda Civil, durante anos, pero con bastante pouco interese do instituto armado, ata que ao final acaba aparecendo a cámara de vídeo, e a poucos metros, o cadáver, cando xa pasaron varios anos da morte. 

Outra escena moi interesante é cando a filla do matrimonio francés vén de visita, unha vez desaparecido o pai, coa intención de levarse á súa nai a Francia, e ela négase, porque di que está no lugar no que quere estar, e que quere atopar ao seu marido. Ela aínda ten amigos na aldea.

A min a película gustoume. Paréceme que ten un bo ritmo e a historia é moi interesantes, con personaxes moi caracterizados e múltiples perspectivas da historia, non só das dúas familias enfrontadas, senón de moitas persoas e cousas que pasan ao seu redor.

Polo visto, hai bastante polémica en Galicia porque algunha xente di que é unha película que pretende denigrar aos galegos, que os asasinos analfabetos son os únicos que se expresan en galego, mentres que os estranxeiros falan en español e francés. Penso que o aspecto lingüístico é un máis dos moitos que se tratan na película, e paréceme razonablemente lóxico que os que máis falan en galego sexan da familia que na súa vida saíu da aldea. 

Pero a película amosa moitos máis prismas que algunha xente parece estar esquecendo. Por exemplo, que eses asasinos galegos cos que supostamente deberíamos identificarnos tamén son os que queren venderse por cartos fáciles ás empresas eólicas que queren instalarse nos seus montes. Eu non teño ganas de identificarme con ese tipo de persoas, aínda que sexan galegas.

En definitiva, penso que conta unha historia que sucedeu en Galicia, como teñen sucedido outras similares noutros sitios. No crimen de Puerto Hurraco todos eran extremeños, pero dubido que os extremeños de pro se sintan demasiado identificados con eles. Sucedeu alí e xa está, non creo que haxa que darlle moitas máis voltas. En xeral, a xente que ten pouco mundo e non sae do seu limitado entorno, ten poucas perspectivas da vida e dificultades para entender as opinións diferentes ás súas.

Saúdos.



E fixemos a luz!

Hai xa uns cantos anos (7 ou 8, facilmente), merquei en Biblos Clube de Lectores un libriño de divulgación científica titulado "E fixemos a luz!", escrito por Salvador Bará, profesor titular de Óptica da Universidade de Santiago de Compostela. A divulgación científica interésame moitísimo e o tema da luz aínda máis. Como é breve, superficial e de lectura sinxela, o último día do Entroido en Compostela puiden dedicalo a ler este interesante libro.

Non hai moito que dicir. Está dividido en dez breves e interesantes capítulos, sobre un tema que me parece abraiante e que afecta a múltiples campos de diferentes formas. Un dos capítulos é sobre a contaminación lumínica, outro tema que tamén me interesa bastante. Por certo, hai poucos días linlle a un experto no tema dicir que seguramente seremos unha das últimas xeracións que veremos estrelas no ceo. Terrible.

Saúdos.



Madame Bovary

Boa parte do tempo que pasei no Entroido en Compostela foi para ler "Madame Bovary" de Gustave Flaubert, nunha edición traducida ao galego por Antonio Pichel. Ao final, non me desagradou, resultou algo ou bastante menos romántica do que me temía, e o retrato dos personaxes non era tan apaixoado.

Tiña algo de medo, porque nos últimos tempos levo unha moi mala racha coa literatura francesa. Nos últimos meses ou anos lin "Vermello e negro" de Stendahl, "Gangantúa e Pantagruel" de Rabelais, e a primeira parte de "Na busca do tempo perdido" de Proust. Todas elas xoias importantes da literatura francesa, e todas me decepcionaron, en maior ou menor medida. Pero "Madame Bovary" aínda mantivo algo o nivel.

A historia xira en torno ao gris e insulso matrimonio formado polo médico case-rural Charles Bovary e a súa muller Emma, que dá nome á novela. Todo isto está ambientado a mediados do século XIX en torno á vila de Rouen (de onde era o autor, mira ti).

Charles Bovary casa primeiro cunha muller maior por consello da nai pero, como era previsible, esa muller morre pronto e queda viuvo. Pouco despois, nunha visita a un novo paciente, ao que cura con solvencia, e que queda moi agradecido, queda prendado da súa filla Emma. Acabarán casando pouco despois.

Pero aí comezan os problemas. Porque Charles é un tipo moi gris e aburrido, dedicado ao traballo, e Emma quere divertirse, quere emocións, e ten a sensación de que, ao casar cun médico, subiu a unha nova clase social que lle pode proporcionar toda esa vida que ela busca, pero non é así. Emma pretende ter un nivel e tren de vida que non poden pagarse, e busca diversións fóra da casa, xa que na casa non as ten.

Cando Charles é destinado a unha vila un pouco máis grande, comezan a alternar con máis xente, e máis poderosa. Pero a súa vida segue sendo igual de gris. Pero no seu entorno xa hai homes que pretenden a Emma e a ela non lle desagrada a idea. O primeiro é León, co que flirtea un pouco, pero finalmente León acaba marchando a Rouen, a cidade grande da zona, para progresar.

Despois comeza a flirtear con Rodolfo, e incluso fan plans para fuxir xuntos. Pero Rodolfo bótase atrás e déixaa plantada no último momento. Obviamente, todos estes vaivéns teñen unha grande influencia na presenza de ánimo de Emma, que quere grandes emocións na súa vida, e cando semella que as vai conseguir, todo se vén abaixo.

Finalmente, un día en Rouen atopa de súpeto a León, incluso estando acompañada do seu marido. E volven verse ás agochadas, pero unha vez máis, a relación non sae adiante. E Emma decide suicidarse tomando arsénico. Charles tamén se vén abaixo, e acaba sendo embargado debido ás moitísimas débedas que acumularan, parece que en boa parte debidas ao estilo de vida de Emma. 

Charles acaba morrendo tamén, despois de descubrir as diferentes infidelidades de Emma. Ao principio do seu matrimonio tiveran unha filla chamada Berta, pero pouco caso lle fixeron os dous, e acaba indo a vivir cuns familiares.

Pois iso, que a historia non está mal, pensaba, pola fama que tiña a novela, que ía resultar moito máis romántica, pero non se adentra demasiado por eses camiños, e eu o agradezo. 

Saúdos.



Entroido en Santiago de Compostela

Tiña o costume de ir pasar o Entroido (festa que non me gusta nada nada) a Santiago de Compostela. Debín comezar hai uns 8-10 anos facilmente. Pero coa pandemia estiven varios anos sen poder facelo, a última vez fora en 2020, unhas tres semanas antes do confinamento. Por fin puiden volver. Xa hai liberdade total de movementos, só hai que poñer máscara en lugares moi concretos como hospitais e farmacias. Así que a normalidade está xa case plenamente instalada.

Tiña costume de aloxarme no Hotel Windsor, pero nesta ocasión estaba pechado por obras. Cambieime ao Hotel Universal, que está na mesma praza de Galicia (a zona que máis me gusta para aloxarme, moi céntrica, xusto entre a zona nova e a vella). Tocoume unha habitación interior, que non dá á ruidosa praza (pareceume que a maioría eran interiores, ten pouca fachada) e todo funcionou perfectamente.

Fixen o de sempre: pasear, ler e quedar cos colegas que viven alí. Aínda que bastantes dos colegas este ano non estaban, pero algúns si. Puiden pasear e ler ao aire libre máis que outras veces, porque só choveu o último día, e non demasiado.

Como se verá noutros artigos, fun ver a Numax a película "As bestas". E aproveitei para ler a novela "Madame Bovary" e "Fixemos a luz", un libro de divulgación científica sobre a natureza da luz.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...