domingo, 21 de xullo de 2024

O esquío vermello

Por se alguén anda moi despistado/a, esta película en español titúlase "La ardilla roja". Medem é un cineasta moi singular. Sei que vin esta película hai moitos anos, e o único que lembraba era unha escena na que un dos protagonistas se subía a un coche en marcha de forma moi sorprendente, e efectivamente alí segue, case ao final da metraxe. Desconcertante, a película en si mesma, cos seus personaxes moi ambiguos e incomprensibles.

Foi dirixida en 1993 por Julio Medem, e no elenco están moitas figuras do cine español, como Nancho Novo, Emma Suárez, María Barranco, Carmelo Gómez, Karra Elejalde, Cristina Marcos, Mónica Molina, Elena Irureta, Chete Lera ou Gustavo Salmerón.

Unha noite nunha praia (parece que en Donosti), un músico sen moito éxito está pensando en suicidarse, e vese sorprendido por un accidente no que unha moto choca contra a barandilla e o condutor sae despedido, parece que un coche ía perseguíndoo. O músico achégase a axudar e descubre que o motorista é unha moza, que está ferida e parece que amnésica.

Chega a ambulancia, faise pasar polo seu mozo insinuando que ía de paquete na moto pero que apenas levou un pequeno golpe. No hospital pregúntanlle cousas sobre a rapaza, para intentar que recobre a memoria, e como non ten nin idea, vaise inventando unha vida dela, na que levan catro anos vivindo xuntos.

Consegue convencer aos médicos de que sacala e levar a cabo o plan que tiñan previsto para as vacacións é o mellor para que recobre a memoria, e sácaa do hospital. Van de camping á beira dun pantano, e alí coinciden coa familia dun taxista de Gasteiz e outros veciños de camping, cada un coas súas peculiaridades.

Alí van pasando cousas e van descubrindo cousas mutuamente da vida do outro, e descubren tamén que o marido dela está buscándoa, aínda que non queda moi claro con que intencións. Finalmente o marido acaba aparecendo no camping e montando unha escena desagradable. Por outra banda, o final de historia é algo sorprendente, pero tampouco tanto, porque nesta película e no cine deste director case todo o é.

Saúdos.



Romería de Santa Margarita 2024

Un ano máis, para rematar as festas da Coruña do mes de agosto, e magnificamente organizadas polo colega Antonio Prado (supoño, non o sei, p...