mércores, 29 de xaneiro de 2025

Dique

Como xa teño dito aquí, o ballet e a danza non me din nada ou case nada, pero como a miña curiosidade intelectual é case infinita, non descarto que algún día vaia a algunha obra deses xéneros para, polo menos, presumir de que vivín a experiencia.

Ao ballet xa fun o ano pasado a ver "O crebanoces" e, como era previsible, non me dixo nada. Só me quedei coa copla de saber que o crebanoces é un xoguete típico de centro Europa e que a trama tiña algo que ver con iso.

Coa danza teño o mesmo recelo, pero é certo que nos últimos tempos hai varias compañías de danza galegas con bastante éxito, e que ás dúas as entrevistamos nun dos programas de radio que teño, e quedoume certo interese en ver algunha das súas obras, a ver se me dicían algo.

A máis lonxeva desas compañías é Nova Galega de Danza, que hai unhas semanas fixo unha moi interesante antoloxía no Teatro Colón. Nunha fin de semana de venres, sábado e domingo representaron tres obras do seu repertorio: "Leira", "Berro" e "Dique". 

Eu conseguín unha entrada para o último deses espectáculos (os convites gratuitos esgotáronse axiña). Pois si vin a obra, pero seguiu sen dicirme moito. Curiosos movementos, coreografías, unha estética moi interesante, pero eu sigo sen conectar, estas cousas non me chegan. 

No coloquio posterior, Xaime Pablo Díaz, o fundador de compañía, que é ferrolano, comentou que a obra falaba da historia dunha serie de mulleres que no século XIX traballaron moi duro, cargando pedra, para construír o famoso Dique da Campá do Arsenal de Ferrol. Parece que conseguiron estrear alí a peza, non debeu ser doado convencer aos militares. Pero vaia, na obra, polo menos a min, resultoume absolutamente imposible deducir que a historia que se contaba era esa. Está claro que me faltan moitos mecanismos neste xénero.

Saúdos.



A Rexenta

Unha das novelas máis destacadas e famosas da literatura en español é "La Regenta", do autor Leopoldo Alas "Clarín", ambientada na súa Vetusta (Oviedo) natal. Eu tiven a sorte de poder lela na mesma cidade durante unha Semana Santa xa hai uns cantos anos. Aparte diso, creo lembrar que tamén vin a serie que fixo RTVE hai anos, protagonizada por Aitana Sánchez-Gijón e Carmelo Gómez (está en RTVE Play, ao mellor repito un ano destes). 

Pero non me soaba ter asistido nunca á versión teatral desta célebre obra. Así que aproveitei a visita a provincias desta produción do Teatro Fernán Gómez, o Centro Cultural da Villa e Secuencia 3, aparte da colaboración de varias compañías máis.

Todos os actores e actrices fano moi ben e resultan moi convincentes. Só mencionarei os principais: Ana Ruiz como Ana Ozores, Alex Gadea como Don Fermín, Joaquín Notario como Victor Quintanar e Jacobo Dicenta como Álvaro Mesía.

Por se non coñecedes a historia, unha beata (ou algo así) de Vetusta chamada Ana Ozores debátese entre o amor e/ou o cariño a Víctor Quintanar (o seu vello marido), Álvaro Mesía (o gigoló da vila) e Don Fermín de Pas (o seu confesor de Catedral, que tampouco parece moi de fiar). Hai uns cantos personaxes secundarios que tamén lle dan moito xogo á historia.

Saúdos.



Xoana de Vega: a muller que desafiou o seu tempo

Acabo de ler este interesante libriño (ten pouco máis de 100 páxinas, e de formato pequeno, podería lerse en pouco máis de 1 hora) sobre a f...