venres, 7 de agosto de 2026

Espero chegar en breve

Aquí hai unhas cantas cousas que contar. Hai un par de anos foi a primeira edición do festival "Viñetas dende o Atlántico" que non foi dirixida por Miguelanxo Prado. A persoa encargada de coller o relevo foi o coruñés Manel Cráneo, persoa moi activa e con moita iniciativa. Como era previsible, comezou a súa dirección engadindo algunhas cousas que non se fixeran ata aquel momento.

Unha delas foi traer a autores portugueses, e máis concretamente a Chili com Carne, unha coñecida asociación portuguesa que se dedica é edición e promoción de fanzines e de publicacións underground nese país. Polo que parece, a súa sede central está en Cascais, preto de Lisboa. Entre outras cousas, puxeron un "stand" na feira" e fixeron unha exposición no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.

Nunca lin un cómic en portugués, pero supoñía que me resultaría factible, así que fun ao seu posto para ver que material tiñan á venda. Como a oferta era moi variada, non sabía eu por que decidirme, así que lle dixen á persoa que alí atendía unha información que podía valerlle de algo para comezar a negociación. Díxenlle que me gustaba bastante a ciencia-ficción. Cousa que é certa, pero que podería facer pensar que teño unha obsesión con ese xénero, e non é certo, pero sempre é un comezo para desencallar ese tipo de situacións.

En canto dixen iso, a súa mirada foi para "Espero chegar em breve", un pequeno cómic no que o autor Nunsky facía unha versión gráfica do relato do mesmo nome escrito en 1980 polo mítico autor Philip K. Dick, un dos máis prestixiosos dentro dese xénero. Ese volume forma parte dunha colección chamada Mesinha de Cabeceira, asociada a un fanzine do mesmo título.

A verdade é que hai non poucos relatos e novelas escritos por Dick que foron levados á gran pantalla, o máis coñecido deles é "Blade runner". Pero tamén é certo que foi moi prolífico e escribiu moitas obras, un total de 36 novelas e 121 relatos. 

Polo que parece, a saúde mental do tipo foi algo feble en bastantes momentos da súa vida. Se cadra de aí sae a temática das súas obras, moi centradas en personaxes atormentados e paranoicos, sempre dubidando de cuestións como a identidade. Por se non chegara con iso, xuraría que algunha vez lin que el opinaba que a súa mellor obra era unha titulada "Confesións dun artista de merda", que era a única que non era de ciencia-ficción. Síntoo moito, pero vendo a cantidade de obras súas que si son de ciencia-ficción e que gustan tanto a tanta xente, non lle vou facer demasiado caso.

Neste relato en cuestión, un astronauta chamado Víctor Kemmings vai crioxenizado nunha nave espacial que ten que facer unha viaxe duns dez anos. Pero nada máis saír, a intelixencia da nave dáse de conta de que el só (vai con moitos máis tripulantes, pero aos outros non lles pasa o mesmo) leva a mente consciente. Polo tanto, a nave vai extraendo recordos da súa mente para propoñerlle situacións na que el poida interactuar durante todo ese tempo, xa que na nave non hai aire nin ninguén con quen falar. Ou sexa, tremenda paranoia.

Saúdos.





A illa do tesouro (banda deseñada)

Un ano destes, na feira Viñetas dende o Atlántico, atopeime atendendo un dos postos a un ex-alumno co que me levaba moi ben. A verdade é que non lembro exactamente a quen pertencía aquel "stand", pero si sei que un dos produtos que vendía (porque me autoimpuxen a obriga de mercarlle algo) eran cómics da colección ClasiComix, ou sexa, a colección Clásicos Revisitados.

En canto vin que tiñan unha versión de "A illa do tesouro", o clásico de Robert Louis Stevenson, debuxado por un tal André Valente, que é un autor brasileiro que reside en Francia, decidinme por el. Lin a magnífica novela orixinal hai uns corenta anos e sempre me fascinou. Hai algunhas persoas que din que é a mellor novela da historia, eu non chego a tanto pero ando cerca desa opinión.

O único que vou comentar aquí desta coñecidísima historia son varios detalles que me chamaron a atención. O primeiro, cerca do comezo aparece a única figura feminina da historia, e o seu debuxo vaise "borrando" aos poucos. Nun determinado intre, o debuxante recoñece que lle doe que a única personaxe feminina da historia desaparecese por completo, cando parece que tiña bastante forza.

No tramo central, cando van chegando á illa onde supostamente se atopa o tesouro, a folla divídese verticalmente en dúas metades, e vai contando simultaneamente o que vai pasando nos dous bandos, o dos piratas e o dos "bos". Creativa e innovador solución. Por outra parte, teño a sensación de que na parte final simplificaron moito a historia, que daba algo máis de sí.

Saúdos.




O paso do noroeste. As aventuras do capitán Duchesnoy

Vaise achegando unha nova edición do salón de banda deseñada Viñetas dende o Atlántico, e lembrei que tiña na casa non sei cantas obras dese tipo aínda sen ler, así que puxenme con varias delas (hai que recoñecer que se len axiña).

A primeira obra que lin tiña unha pintaza. Titúlase "O paso do Noroeste. As aventuras do capitán Duchesnoy". O guión é do escritor Xavier Queipo e o debuxo é de Primitivo Marcos. Se non entendín mal, Xavier Queipo xa escribira uns anos antes unha novela sobre esa temática e Primitivo converteuna en novela gráfica. Foi editada por Galaxia, que non me soa que teña moita traxectoria en banda deseñada.

Para os que non o saiban, o Paso do Noroeste é un mítico paso entre os xeos do Ártico que permitiría ir do Atlántico ao Pacífico sen ter que rodear América polo sur nin cruzar pola canle de Panamá. Foi moi buscado e explorado durante séculos, sobre todo polos europeos. Polo que parece, a obra é totalmente de ficción e aproveita algúns feitos sucedidos en Europa para darlle máis lustre.

Vendo o apelido do principal protagonista, parece claro que Francia é quen leva a voz cantante. A expedición parte de Brest a finais do século XVIII. A armada francesa non quere revelar cal é o obxectivo real da expedición, así que maquíllana tamén de científica, pero iso obrígalles a contratar a un naturalista chamado Mirabeau, que terá bastante influencia en moitas peripecias da expedición, aínda que inicialmente non estaba previsto que fora así.

Paran nas Azores, despois nun porto de Terranova, e nese intre revelan cal é o seu verdadeiro obxectivo. Teoricamente íanse enfrontar a asentamentos ingleses nesa mesma ruta, pero atópanos xa abandonados, e non dan con seus inimigos en ningún momento. Os momentos de máis tensión son nalgúns enfrontamentos con esquimós.

Outra das tensións é que, cando a expedición marcha de Francia, aínda impera alí a monarquía, e o capitán Duchesnoy ten unha orixe nobre, da que presume moito. Aceptan con recelo a Mirabeau, que é claramente republicano e non o esconde.

Cando estaban na viaxe de volta polo Atlántico, o seu barco naufraga, polo que parece debido ás embestidas dun polbo ou lura xigante. Só Duchesnoy sobrevive e é recollido por un barco de pescadores vascos, que o levan a Hondarribia.

Unha vez reposto, entra en Francia e cre que a situación política é a mesma que había cando marchou, pero resulta que estalou a revolución, caeu a monarquía e os nobres coma el son pasados pola guillotina. Ao principio, el presume da súa orixe porque cre que lle abrirá portas, pero ten moita sorte e todos lle perdoan a vida porque entenden que leva anos fóra do país e que aínda non é consciente do cambio radical que tivo lugar. Acaba morrendo só na miseria e deixa como único legado a historia da súa expedición.

Saúdos.




A illa do tesouro (película 1972)

Hai uns días lins unha banda deseñada coa historia de "A illa do tesouro", para min unha das mellores novelas da historia, e entro...