xoves, 8 de decembro de 2022

Culturgal 2022

Dende que abrín este novo blog (leva xa algo máis de dous anos) non puidera ir ao Culturgal, por mor da pandemia. Foi unha grande alegría poder volver, para min sempre é un dos días máis felices do ano, estando con xente da que admiro o seu traballo e que me fai gozar moito. Pero o caso é que acabo de decatarme que non teño unha sección específica no blog para este tipo de eventos, basicamente porque este é o único ao que asisto. Así que vouno meter en "Exposicións", non é moi axeitado pero tampouco me parece moi de recibo crear unha sección para meter aí un evento cada ano.

En canto á Feira, pois máis ou menos o de sempre, pero había un comentario xeral de que o peso do sector editorial crecera. Eu máis ben penso que o que decreceu foi o peso dos outros sectores. Botei en falta sobre todo o musical. En anos anteriores había un posto moi grande de Inquedanzas Sonoras, e sempre había postos máis pequenos dalgunhas produtoras, grupos, etc., pero este ano non había nada. E tampouco vin moitas cousas novidosas que me sorprenderan moito. Pero esperemos que nos vindeiros anos volva coller a forza que tivo.

Saúdos.



Na noite brillan

Nesa frenética fin de semana que coincidiu co I Congreso de Alfabetización Mediática organizado por CUAC FM e o Culturgal, tamén tocou na Coruña (concretamente no Teatro Colón) un dos grupos galegos que máis me gusta, Ataque Escampe, no que volve cantar Alexandre Charlón, amigo e ex-compañeiro de traballo. Así que fun velo sen dubidar.

O concerto era un tanto especial. Mentres eles tocaban, proxectábanse videocreacións de David Silva, e creo que algunhas delas son os videoclips das cancións principais que van supoñer o seu seguinte disco. Polo visto, a canción que máis queren promocionar é "Lamborghini".

Déixovos o vídeo desa canción, no que tamén aparece Nuno Pico, coñecido na música galega co nome de Grande Amore, e que está tendo moito éxito como artista en solitario, despois de formar parte de varios grupos. Tamén deixo o vídeo dese concerto, que polo visto pendurou a Área de Cultura da Deputación da Coruña, dirixida por Xurxo Couto.

Saúdos.





I Congreso de Alfabetización Mediática de CUAC FM

Hai unhas semanas, nunha frenética fin de semana, celebramos no Reitorado da UDC o I Congreso de Alfabetización Mediática organizado por CUAC FM. Comezou o xoves 24 de novembro pola tarde e durou ata a noite do sábado 26 de novembro. Ese último día ata participei nun panel sobre experiencias educativas en radio.

Foron uns días intensos e, como sempre nestes casos, moi produtivos e pracenteiros, compartindo experiencias con xente da emisora CUAC FM, na que volvo participar con intensidade pero non vexo a tanta xente coma antes. E tamén con xente doutras emisoras comunitarias do Estado Español (había xente de Madrid e Andalucía principalmente), algunhas galegas e outras do estranxeiro, como Irlanda ou Chile.

Déixovos un pequeno vídeo resumo do evento que se publicou hai uns días.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...