mércores, 12 de novembro de 2025

Antoloxía do conto galego de tradición oral

Hoxe foi o día. Rematei o volume número 120 da famosa Biblioteca Galega 120 que a Voz de Galicia publicou no ano 2002 baixo a dirección de Tucho Calvo, co gallo dos 120 anos de vida dese xornal. Un empeño comezado hai xa bastantes anos, que me deu por ir lendo por orde dende o número 1 ata este 120 final.

A traca final non estivo mal. Foi unha recopilación de contos feita por Antonio Reigosa, Xosé Miranda e Xoán Ramiro Cuba, que son grandes expertos do tema e levan anos dedicándose a publicar obras similares, incluso a investigar sobre a mitoloxía galega.

Chamoume a atención que un dos últimos contos era bastante escatolóxico e incluso algo erótico, cousa que non é nada habitual neste tipo de pezas, nin destes autores nin recompiladas por outros.

Saúdos.


As tumbas de Atuan (Historias de Terramar II)

Un ano máis tarde no Culturgal, merquei a segunda parte da saga de Terramar de Úrsula K. Le Guin. Unha das persoas da editorial Boadicea incluso lembraba que mercara a primeira parte o ano anterior (debo deixar pegada alá onde vou). Así que merquei esta segunda, titulada "As tumbas de Atuan", que se escribiu no ano 1971, só tres anos despois da primeira. A idea vén sendo mercar as catro partes que faltan a finais deste mes, cando volva ao Culturgal.

Esta segunda parte xa é algo diferente. Poderíamos dicir que incluso a temática é algo relixiosa, porque case todo xira en torno a un lugar secreto nunha illa onde renden tributo aos deuses. A protagonista principal é a Sacerdotisa Única, que se chamaba Tenar de pequena, pero que acolle o nome de Arha ao ser nomeada sacerdotisa (xa dixen no artigo sobre a primeira parte que saber o nome real de todas as cousas e persoas outórgache moito poder sobre elas).

Todo vai ben nese mundo ideal dos templos ata que aparece Ged, o feiticeiro da primeira parte, entra en contacto con Arha, e os seus plans de vida comezan a cambiar. Finalmente hai un grande cataclismo que bota abaixo os templos onde se adoraba aos deuses das illas e Arha e Ged marchan, porque cada un deles tiña a metade dun anel máxico que era moi esperado no resto de Terramar.

Verase que sucede nas seguintes partes.

Saúdos.



Un feiticeiro de Terramar (Historias de Terramar I)

Hai un par de anos no Culturgal entereime da existencia dunha nova editorial galega que apostaba pola ciencia-ficción, fantasía e xéneros similares, tanto de autores novos como traducións de éxitos doutras literaturas. Non me desagradou a idea e pedinlles que me recomendaran algo. Aparte de que xa lin deles "Ubik" de Philip K. Dick, recomendáronme a saga de Terramar da autora Úrsula K. Le Guin, que ían publicar completa nos vindeiros anos. O primeiro ano merqueilles o primeiro título desa saga, que acabo de ler hai un par de semanas.

O primeiro título da saga é este: "Un feiticeiro de Terramar". Todo xira en torno a Ged, un xoven feiticeiro que vai coñecendo aos poucos os seus poderes, e que incluso pasa pola Escola de Feiticeiros que hai nese "universo" chamado Terramar. Cando está alí, debido á imprudencia xuvenil, libera unha sombra que o perseguirá durante todo o libro ata o encontro final. Antes diso, pasa por diferentes lugares e illas (en Terramar hai moitas illas), enfróntase a dragóns, aprende que o que máis poder dá é saber o nome "real" de todas as cousas e persoas.

Non me desagradou, e este primeiro tomo é moi levadeiro de ler, tampouco é excesivamente longo.

Saúdos.



Xoana de Vega: a muller que desafiou o seu tempo

Acabo de ler este interesante libriño (ten pouco máis de 100 páxinas, e de formato pequeno, podería lerse en pouco máis de 1 hora) sobre a f...