sábado, 11 de febreiro de 2023

Lugar

E o volume número 94 da Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia estaba esta vez dedicado ao teatro, cousa que non é moi habitual. Era a obra "Lugar" do dramaturgo coruñés Raúl Dans, que tamén destaca como guionista e como actor de dobraxe.

Ler teatro é unha experiencia estraña. Dende logo, a lectura é case sempre moi fluída e rápida, ao tratar basicamente de diálogos. Esta é unha das principais razóns polas que comecei a ir ao teatro hai xa uns 30 anos, e resulta que unha vez alí foron outras cousas as que me atraparon, pero esa é outra historia. Pero ver unha obra representada é unha cousa ben diferente, e normalmente mellor.

"Lugar" está basicamente protagonizada por dous personaxes que se cruzan nunha illado apeadeiro do tren. Parece como se se coñeceran, ou que se coñeceron noutro tempo, pero agora non se recoñecen. Semella haber unha barreira temporal que impide a relación entre os dous personaxes.

A obra non está mal, pero tampouco me apaixoou, aínda que a idea apuntaba boas maneiras. Polo que parece, o Centro Dramático Galego estreou en 1999 esta obra nos escenarios, cousa da que ben me alegro, que esa compañía teatral pública represente tamén obras de autores galegos contemporáneos.

Saúdos.



Habitante único

Se ledes neste blog de cando en vez, xa saberedes que vou avanzando, aos poucos, na lectura sistemática dos 120 volumes da Biblioteca Galega 120, que A Voz de Galicia sacou no ano 2002, cando cumpría 120 anos, dirixida por Tucho Calvo.

Despois dalgún tempo sen ler nada desa colección (por razóns "loxísticas" que non veñen ao caso), encaro o último tramo dos últimos 28 volumes. Pero tranquilidade, que pode levarme fácilmente 2-3 anos, así que ao mellor non remato ata o 2025. A maioría dos volumes son breves (habitual na literatura galega), pero algún groso haberá polo medio, digo eu.

O volume número 93 pasou por min sen pena nin gloria. Foi o poemario "Habitante único" de Manuel Álvarez Torneiro, e creo que non conseguín reter nin unha palabra. Iso non significa que estea mal, nin moitísimo menos, simplemente que eu raramente engancho coa poesía. Acabo de ler unha breve biografía e non semella moi claro que sexa a obra máis relevante deste autor, nin moito menos, de feito case nin se menciona.

Así que rematarei este breve artigo falando algo do autor, que naceu e morreu na Coruña. Morreu hai poucos anos, e cruzábame eu con certa frecuencia con el pola rúa, incluso non descarto que vivira cerca da miña casa. Case sempre ía paseando con Xosé Fernández Ferreiro, outro autor que destacou coa novela "Agosto do 36", que tamén vivía aquí. Oínlle dicir a alguén que eran dous tipos algo crispados, criticando a todo o mundo e á sociedade, pero ao menos tempo cultísimos e de conversa moi amena.

Saúdos.



A biblioteca dos libros rexeitados

Non é moi habitual que vexa eu cine europeo actual, e moito menos francés. Se cadra pesa demasiado sobre min o prexuízo de que é cine algo gris, triste, lento, con historias sobre xente normal no momento actual, combinación que non me motiva nadiña. Pero de cando en vez hai que picar, e efectivamente a industria cinematográfica francesa é ben potente. Así que vin que botaban na 2 este título tan atractivo, vin un pequeno anuncio, e decidín probar, e non estivo nada mal a cousa.

A película foi dirixida en 2018 por Remi Bezançon, e a historia está baseada nunha novela de David Foenkinos, nome que me soa moito pero do que non lin nada ata agora. Os protagonistas principais son Fabrice Luchini, Camille Cottin (sae nun anuncio con George Clooney, así que xa debe ser moi coñecida fóra de Francia) e Alice Isaaz.

A historia é ben interesante. Unha editora novata entérase de casualidade que nun pobo de Bretaña un bibliotecario decidiu crear unha curiosa Biblioteca dos Libros rexeitados, formada por novelas que as grandes editoriais francesas decidiron non publicar. Un día vai por alí de visita e escolle, ao chou, un dos manuscritos. Queda prendada del, fai todo o posible para que se publique na editorial na que traballa e convértese nun best-seller. Para sorpresa de todos, o autor parece ser un pizzeiro do pobo ao que non se coñecían en absoluto ese tipo de tendencias, incluso a súa muller di que nunca o viu lendo un libro.

Un crítico literario que ten un programa de máxima audiencia na televisión, no día no que vai entrevistar á editora e á esposa do autor, di desconfiar completamente da autoría do libro e di que fará todo o posible por descubrir quen é. Ao facelo en directo, é despedido automaticamente.

A partir dese momento comeza a busca do crítico e as viaxes a Bretaña para intentar saber que foi o que puido pasar. E como a película é bastante recente, ten unha trama relativamente complicadada cuns cantos xiros inesperados. O crítico conta coa alianza, ao comezo totalmente escéptica con el, da filla do pizzeiro, que tampouco as ten todas consigo.

Saúdos.


Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...