sábado, 1 de abril de 2023

Venenos

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia. Nesta ocasión falaremos brevemente do volume número 96, que é a obra de teatro "Venenos", escrita polo dramaturgo Xesús Pisón. Seguramente vós non o coñeceredes, porque é moi pouco famoso, incluso no mundo da cultura galega. Pero eu tiven a sorte de coñecelo en persoa hai uns anos, cando na A.C. Alexandre Bóveda reunimos aos tres máis famosos dramaturgos actuais nacidos no Valadouro: Manuel Lourenzo (o máis coñecido con diferenza), Xesús Pisón e Isaac Ferreira (aínda menos coñecido que os outros dous).

Esta breve obra titulada "Venenos" aínda está subdividida en dúas obras máis breves, tituladas "A vía láctea" e "Como Jekyll e Hyde". Esas dúas obriñas teñen só dúas personaxes cada unha. 

"A vía láctea"  é moi breve e semella bastante incomprensible, porque dá a impresión de que ningún dos personaxes escoita o que di o outro, así que non pode considerarse un diálogo, senón algo así como dous monólogos mesturados. Curioso pero bastante insustancial, na miña opinión.

"Como Jekyll e Hyde" xa ten algo máis de chicha (menos mal). Polo que parece, dous dramaturgos comparten piso, un deles é máis famoso e exitoso e o outro menos. O menos exitoso está nun período de seca creativa e, aproveitando que vive na mesma casa que o outro, visita o seu despacho cando non está, para intentar coller algunha idea das notas ou escritos que vexa por alí. Pero nun determinado momento, o máis exitoso descúbreo e intenta axudalo a crear unha nova obra dándolle ideas, pero ese diálogo resulta tamén algo tenso e confuso por momentos.

Saúdos.



A cor púrpura

Xa vira esta película no seu momento, incluso é posible que o fixera no cine, pero hai xa moitos anos, seguro. E deixárame boa sensación. Vin que a botaban no espazo de cine clásico da 2 e fixen o esforzo de novo, e non me arrepinto en absoluto, está moi ben. Como curiosidades varias, diremos que estivo nominada a 11 Oscars pero non levou absolutamente ningún. Claro, era mediados dos 80, e Estados Unidos tiña (e segue tendo) un serio problema de racismo, pero non creo que teña demasiada solución. Steven Spielberg, despois de varios títulos moi exitosos de entretemento, facía a súa primeira película de temática "seria". E tamén chama a atención que é unha película sobre negros estadounidenses na que a aparición dos brancos é testemuñal (e dirixida por un branco xudeu).

Foi dirixida en 1985 por Steven Spielberg, con produción e música de Quincy Jones (que foi quen convenceu a Spielberg de dirixila, porque el non o tiña nada claro). No reparto destaca o magnífico debut de Whoopi Goldberg, moi ben acompañado por Danny Glover, Margaret Avery e Oprah Winfrey. Incluso como secundarios aparecen Rae Dawn Chong, Lawrence Fishburne ou Carl Anderson, o actor que facía de Judas na magnífica "Xesucristo Superstar".

A película está ambientada a comezos do século XX nalgún lugar do sur dos Estados Unidos que non lembro (creo que é no Sur). A sociedade aínda está impregnada de escravismo, pero polo que parece, os personaxes que aparecen na película, case todos negros, semellan ser libres. Pero as relacións entre eles son tamén moi duras e inhumanas, e diso trata a película, baseada nunha novela de Alice Walker. Aparecen moi poucos personaxes brancos, como o carteiro, e unha señora da zona que aínda ten certos restos de racismo, pero que apenas ten incidencia na trama.

A película conta basicamente a historia de Celie Harris (Whoopi Goldberg), que comeza sendo unha rapaza de 14 anos que queda embarazada do seu propio pai (tal como o contan, parece que era un costume da época entre eles). Pouco despois diso, Albert, un veciño da familia, vai visitalos para pedirlle a man de Nettie, a irmá de Celie. O pai das dúas dille que nunca lle concederá a man de Nettie, que é moi guapa e atractiva, pero que si lle concederá a de Celie, que é considerada moito máis fea. A Albert non lle fai moita graza a oferta, pero ao comprobar que as dúas irmás están moi unidas, debe pensar que ao casarse con Celie poderá ver con frecuencia a Nettie, que é o que realmente desexa, así que acepta.

Dende o comezo, a relación entre Albert e Celie é moi mala, desprézaa e explótaa sen descanso, pero ela atura todas as humillacións. Nunha visita de Nettie, intenta abusar dela, e ela decide fuxir e non volver. Vaise de misioneira a África e lévase aos fillos de Celie, aos que esta non volverá a ver moitos anos máis tarde, nin á súa irmá. Coa súa irmá intenta manter correspondencia, pero durante moitos anos Albert escondeu as cartas que lle mandaba Nettie dende África, non as descubriu ata moito máis tarde.

Pois nada, a película trata diso, da tensísima relación entre Celie e Albert ao longo da súa vida, porque a pesar de todo o anterior, viviron xuntos moitos anos. Por se non chegara con iso, no medio métese Shug Avery, unha artista vida a menos que foi o gran amor de Albert, e que nun determinado momento, vén a vivir á súa casa. Ao comezo Shug tamén despreza a Celie, pero ao final acaban facéndose moi amigas e Celie vai collendo ideas para a súa vida da independencia de criterio de Shug.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...