Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante liado, precisaba desa franxa horaria para outra cousa, e ademais a película é moi longa, chega case ás 4 horas. Comprobei que a puxeran en RTVE Play e esperei a vela. Estes días tiven tempo para facelo. Está ben, pero tampouco me pareceu excepcional. Certo é que era a película que Sergio Leone sempre quixo facer, pero a narración é algo estraña e desconcertante (para non variar, hai varias versións da mesma, todas de duracións moi longas). O tipo quedou tan farto que xa non rodou nunca máis.
"Érase unha vez en América" foi presentada en 1984, dirixida por Sergio Leone, e o guión foi feito tamén por el pero contando con cinco colaboradores italianos, baseándose nunha novela dun tal Harry Grey. A banda de gansters estivo protagonizada en idade adulta por Robert de Niro, James Woods, James Hayden e William Forsythe. Nos papeis femininos destacan Elizabeth McGovern e Jennifer Connelly, que fan da mesma persoa en varios momentos da súa vida, e Tuesday Weld. En papeis moi secundarios aparecen Joe Pesci, Treat Williams, Danny Aiello e Burt Young.
A narración non é lineal, e hai continuos saltos na liña temporal. Iso e a lonxitude da historia non fixo que o público se entusiasmara con ela no seu momento, aínda que últimamente foi ganando bastante prestixio. A idea básica é que a película conta a historia dunha pequena banda de gángsters procedente do gueto xudeu do Lower East Side. Principalmente céntrase na figura dos dous líderes da mesma, David Aaronson "Noodles" e Max Bercovicz.
A historia está centrada en tres momentos: 1920, cando son rapaces e están formando a banda servindo a outros gángsters xa establecidos; nos anos 30, na época da Lei Seca, despois de que Noodles pasara 12 anos en prisión por matar a Bugsy, o outro gángster do que querían independizarse; e 1968, cando Noodles volve a Nova Iork, despois de 35 anos fóra, porque tivera que fuxir ao ser capturado o resto da banda nunha emboscada, e recibe unhas estrañas noticias que lle fan pensar que alguén sabe onde está e quen é realmente.
Cando Noodles sae do cárcere, o resto da banda xa creceu bastante e incorpórase, están coñecendo a gángsters doutras cidades e facendo negocios con eles, pero como sempre pasa nese entorno, as traizóns son continuas, entre eles e coas outras bandas. De feito, o fito principal da película é que no ano 1933, o feito que desencadea a fuxida de Noodles e o final da banda, vén sendo que Noodles non está en absoluto de acordo coa última idea de atraco de Max, que é simplemente utópica. Decide delatalos e saír da operación, pero parece que só coa intención de que os deteñan. Pero finalmente parece que hai un titoteo e morren os outros tres membros da banda. En 1968 entérase de que realmente non foi así, que Max tamén tiña comprada á policía e realmente el non morreu nese incidente.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario