domingo, 3 de setembro de 2023

O capitán Lobo Negro

Seguimos avanzando pola Biblioteca Galega 120 que a Voz de Galicia editou a comezos do século XXI, perfectamente deseñada e elixida por Tucho Calvo. Era a quenda do volume número 99, titulado "O capitán Lobo Negro", que é un libro de relatos do autor Xesús Manuel Valcárcel, do que apenas oíra falar e do que non lera nada antes. 

O autor estivo vinculado ao grupo poético Cravo Fondo. Na súa obra, que está en galego e en español, semella destacar a poesía e o ensaio. A ficción narrativa ocupa menos espazo.

En canto a esta obra concreta, deixoume a mesma sensación que a maioría dos libros de relatos: irregularidade, uns mellores e outros peores, uns que comezan frouxo pero rematan moi ben, outros aos que lle pasa o contrario.

Como é habitual, o libro leva o título dun dos relatos, concretamente o penúltimo. Pode considerarse por iso o mellor? Para min non, en absoluto. Como xa me pasou máis veces, os primeiros (e sobre todo o primeiro, titulado "Valados de pedra") parecéronme os máis potentes.

Saúdos.

Top secret

Como pasa habitualmente, neste mes de setembro teño moito traballo. Así que, algúns días, ao final da xornada laboral, para descansar e ir collendo camiño da cama, son capaz de ver calquera cousa que boten na televisión, con tal de que me faga desconectar un pouco. Onte botaban "Top secret", que xa vin máis veces, aínda que hai bastante tempo. Pero ten un humor tan absurdo e estúpido que non me pareceu mala idea botarlle un visionado máis.

"Top Secret" foi dirixida en 1984 polo famoso trío ZAZ (Jim Abrahams, David Zucker e Jerry Zucker), que fixo películas como "Aterriza como poidas", "Agárrao como poidas" e outras similares. Só con esta referencia seguro que xa pillades a idea, no caso de que non vírades antes a película. No elenco destaca o debutante Val Kilmer, tamén Lucy Gutteridge (parece que a película máis destacada da súa carreira), e varios secundarios de moito fuste, como Omar Sharif, Peter Cushing e Michael Gough.

A historia é unha chorrada, obviamente. Unha Alemaña do Este que aínda é gobernada por algo semellante aos nazis organiza un "Festival Cultural" para ter á comunidade internacional entretida, pero as súas motivacións son máis escuras, e están preparando unha nova guerra con novo armamento. Para ese Festival, aínda que non lles agrada demasiado, contratan a Nick Rivers, que é máxima figura do rock estadounidense, que semella unha mestura entre Elvis Presley e os Beach Boys, como mínimo.

Cando chega alí métese en líos continuamente, e entra en contacto coa resistencia, que está intentando liberar a un científico, que está preso facendo un arma poderosísima para os alemáns. Van coñecendo a diferentes personaxes que lles axudan no seu obxectivo, e tamén descubren que un dos seus principais cabecillas é un traidor que colabora cos alemáns. Finalmente liberan ao científico e marchan para os Estados Unidos.

Obviamente, todo o anterior é o de menos, o importante é ir metendo chistes e tonterías bastante absurdas que sorprenden bastante a primeira vez, pero hai que recoñecer que envellecen regular e que, obviamente, fan moita menos graza cando se perde o efecto sorpresa.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...