domingo, 15 de setembro de 2024

Romería de Santa Margarita 2024

Un ano máis, para rematar as festas da Coruña do mes de agosto, e magnificamente organizadas polo colega Antonio Prado (supoño, non o sei, pero parece notarse a súa man), puidemos disfrutar da Romería de Santa Margarita no parque do mesmo nome. Houbo actividades variadas, case todas relacionadas coa música e o baile, en diferentes espazos do parque, pero principalmente no auditorio, onde caben varios milleiros de persoas nos concertos máis populosos.

As actuacións foron de xoves a domingo. Eu só puiden ir o sábado e domingo, pero comentarei brevemente o que houbo os dous días anteriores. O xoves houbo un concerto de pago, con PanSenFron de teloneiros e o asturiano Rodrigo Cuevas. O venres tocaba Trilitrate (creo que no planetario) e pola noite había noite de baile tradicional co grupo Bailador e as agrupacións folklóricas da cidade como Xacarandaina, Donaire ou Son D'aquí.

O sábado xa puiden asistir. Tocaron primeiro De Ninghures, que están collendo moita fama, e que presentaron hai pouco a canción "Morena", que levou algún premio nos últimos tempos. Despois tocaron os clásicos coruñeses Tiruleque, que seguen na súa liña e xa deben levar uns 25 anos de carreira. E rematamos a noite con Xurxo Fernandes e a súa banda, que estaba acompañada polos deslumbrantes PanSenFron (ou sexa, Pandereiteiras sen Fronteiros), que son un grupo de persoas das agrupacións folklóricas coruñesas que reivindican a música de raíz. Isto non tería nada de particular, pero son un grupo moi numeroso e impactante, porque a súa presenza no escenario o enche todo e son moi "teatrais", nada académicos. Cando estaban todos xuntos, eran como 25 persoas no escenario. Por certo, Xurxo é o líder e fundador de PanSenFron, así que a alianza é do máis natural.




O domingo tocaron en primeiro lugar os burgaleses de Fetén Fetén, que realmente son dous dos antigos integrantes de La Musgaña. Tocaron unhas cantas pezas nas que presentaron instrumentos insólitos e despois tamén tocaron cancións de grupos como La Musgaña ou Kepa Junkera. Despois tocaron Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, presentando o seu novo disco "Axúdame a sentir", pero dos discos anteriores xa teñen moitos éxitos aprezados polo público. E remataron os bretóns de Startijenn. Entre as dúas últimas actuacións botaron os fogos de artificio. Houbo ameaza de choiva toda a noite, pero por sorte, comezou a chover na penúltima canción dos bretóns, e non de forma moi copiosa (media hora máis tarde si que chovía a mares), así que tivemos sorte.

Saúdos.








Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...