venres, 2 de abril de 2021

Elisa e Marcela. Amigas e amantes

Nos últimos anos cruzouse comigo moitas veces a historia de Elisa e Marcela, as dúas mulleres que casaron na Coruña en 1901, feito que resultou moi escandaloso para a pacata sociedade da época. 

Acabo de ler o libro escrito por Narciso de Gabriel, o profesor da Universidade da Coruña que máis investigou e desvelou sobre o caso, polo que parece. Polo que conta, en torno ao ano 1993 estaba investigando sobre outro tema, os expedentes ao profesorado a comezos do século XX, e atopouse con esta historia, xa que Marcela tiña praza de profesora en Dumbría e desapareceu do seu posto. El non sabía absolutamente nada deste tema e comezou a investigar. Editou a primeira versión do libro en 2008 e tivo bastante éxito, sobre todo polo que lle axudaron algúns articulistas como Manuel Rivas a espallar a fama da historia.

Eu lin a segunda versión, de 2019, que ten basicamente todo o da primeira, pero se lle engadiron algunhas cousas descubertas nos últimos anos casualmente. Por exemplo, apareceron noticias confusas sobre Elisa (a que se fixo pasar por Mario para casar). Segundo algunhas delas, suicidouse cando estaba chegando nun barco a Veracruz (México), despois de casar cun danés con quen non quería consumar o matrimonio. Pero as datas non coincidían e resultaba todo pouco crible. Outra versión, se cadra algo máis fiable, dicía que morreu de cancro en torno a 1940. En canto a Marcela, unha descendente dela púxose en contacto con el por e-mail, e contoulle máis historias da familia. Polos datos que daba, semella que a historia era certa.

Tamén nos últimos anos, a compañía de teatro A Panadaría fixo unha divertida obra de teatro sobre a historia, que tivo moito éxito. E tamén nos últimos anos Isabel Coixet dirixiu unha película sobre a historia, algo controvertida, pero que tamén tivo o seu certo éxito. Con este libro pecho o círculo sobre este interesante suceso.

De todo isto saco a conclusión de que Elisa ou Mario era unha muller, pero con caracter e atributos facilmente asimilables aos homes. Chamoume a atención, por exemplo, que en Portugal, onde estiveron algún tempo despois de fuxir da Coruña, a animaron a vestir de muller e todo o mundo dicía que lle quedaba mellor a roupa de home. Ela dicía que era hermafrodita, pero seguramente era algo excesivo. E quixo botarlle unha man a Marcela para que levara de mellor forma a maternidade da filla que tivo cun home que non quixo asumir a súa parte.

Pero vaia, o tema é tremendamente complexo. E ademais, os máis de 100 anos que pasaron da historia cambian moito a perspectiva. Pero como iconos da diversidade sexual son fantásticos.

Saúdos.

 






Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...