xoves, 18 de xullo de 2024

Ubik

Hai pouco merquei unha tradución ao galego de "Ubik", unha das novelas de ciencia ficción escritas por Philip K. Dick que resulta máis desconcertante (e iso non é dicir pouco, porque todas as súas obras o son, e moito). Esta tradución fíxoa Tomás González Ahola para a nova editorial Boadicea, que é unha máis das que naceu de Urco Editora.

Non é nada doado explicar en detalle de que trata (tampouco é moi longa, non creades). Está ambientada en 1992 (futuro cando a novela foi escrita) e hai persoas que teñen a capacidade de saber o que pensan os demais (chámanse psíquicos) e hai outras persoas que son capaces de detectar aos anteriores e anulalos (antipsíquicos).

Hai incluso empresas que se dedican a iso, e Glen Runciter é o xefe da máis importante. Os psíquicos están liderados por un tal Ray Hollis que non pode nin ver aos anteriores, como é lóxico. Na empresa de Glen Runciter acaban de contratar a unha nova persoa, chamada Pat, que supostamente ten unhas cualidades aínda máis poderosas, xa que é capaz de prever o futuro en certo grao.

Esta empresa recibe unha petición algo críptica e sospeitosa para acudir cos seus mellores "axentes" á Lúa, xa que unha empresa que opera alí sospeita que ten a psíquicos infiltrados, debido a determinados indicios. Aínda que a cousa non semella nada clara, deciden ir alí, e ao pouco de chegar, sufren un atentado, no que morre Glen Runciter e os outros quedan feridos, en maior ou menor medida, pero conseguen escapar, aínda que non entenden moi ben como o logran.

A muller de Runciter morreu hai moitos anos, pero el aínda ten moita confianza nela e no seu criterio, xa que está semiviva, ou sexa, está almacenada nunhas instalacións especiais en Suiza, e pódese falar con ela (polo menos de momento) porque aínda mantén certa actividade cerebral (obviamente, só os moi ricos poden permitirse algo así).

Cando volven da expedición na Lúa, levan a Runciter a Suiza, esperando que chegue en suficiente bo estado para poder manter contacto con el, do mesmo xeito que el o facía aínda coa súa esposa. Pero dinlle que sufriu moitos danos, e xa morreu definitivamente.

A pesar diso, os mellores empregados de Runciter, que aínda están todos vivos, comezan a sufrir estraños fenómenos, como que parece que o tempo retrocedeu a varias décadas atrás, e parécelles ver mensaxes do seu xefe por todas partes, como se seguira comunicándose con eles ou se prevera que iso ía suceder.

Non vos vou desvelar o final (entre outras cousas, porque é moi aberto e tampouco o comprendín de todo), pero ao final non está nada claro se Runciter segue vivo e son todos os demais os que están semivivos, ou se sucede o contrario. Moi desconcertante.

Saúdos.



Romería de Santa Margarita 2024

Un ano máis, para rematar as festas da Coruña do mes de agosto, e magnificamente organizadas polo colega Antonio Prado (supoño, non o sei, p...