domingo, 25 de abril de 2021

A lenda do indomable

Como na 2 están botando un ciclo de Paul Newman, semella que outras cadeas de televisión tamén se animaron, e nun dos canais fascistoides proxectaron "A lenda do indomable", dirixida por Stuart Rosenberg en 1967 para absoluto lucimento de Paul Newman, secundado por outros como George Kennedy, que levou o Óscar a mellor actor de reparto.

A película está ben feita, e déixase ver, pero está claro que non conecto nada coa psicoloxía do personaxe principal, que me parece un imbécil, nin coa historia en xeral, que me parece unha das típicas tramas estadounidenses para consumo interno, pero que no resto do mundo non pasan esas cousas, nin de lonxe.

A historia transcorre basicamente nunha prisión, ou algo que se lle parece moito, un campo de prisioneiros ou algo semellante. Semella estar nalgún dos estados centrais de Estados Unidos, polas chairas e o calor, pero é unha especulación miña. Todos os días os internos son levados a traballar nas estradas cercanas.

A película comeza cando Luke Jackson chega alí para cumprir unha pena dun par de anos, por ter destruído uns parquímetros durante unha borracheira. Supostamente, faino porque é un rebelde sen causa, porque non ten ningún obxectivo na vida, polo que parece. A tradución do título en español di que é indomable, pero ao final tamén o acaban domando, de feito todo pinta que vai morrer (por certo, o título orixinal é algo así como "Luke Man Fría"). Non ten traballo, non semella ter ningún plan de vida, case totalmente desconectado da familia, a súa nai, irmán e sobriño van visitalo cando está alí, e a nai morre pouco despois, seguramente alcoholizada ou de cancro, porque fuma moitísimo, e iso semella apenalo bastante.

A película trata dos intentos de fuga (pouco exitosos en xeral), das apostas (como a famosa escena da inxesta dos 50 ovos), e do seu caracter que o converte nun líder dentro desa estraña prisión. Pero claro, ser un líder entre eses mediocres prisioneiros tampouco é garantía de nada.

Saúdos.



A rede

Oíra falar algo desta película. Cruceime con ela o outro día, e como trataba de "hackers" informáticos e virus a mediados dos anos 90, no comezo da Internet, que é algo que vivín eu en persoa, probei a vela. A verdade é que me decepcionou bastante, dende moitos puntos de vista. Foi dirixida en 1995 por Irvin Winkler (o seu maior éxito foi a produción de "Rocky") para maior lucimento de Sandra Bullock, que está secundada por un actor chamado Jeremy Northam, que debe ser moi famoso pero eu non tiña noticia.

Angela Bennett (Sandra Bullock) é unha analista informática que se dedica a detectar e eliminar virus informáticos. Faino dende casa, recibe disquetes da empresa para a que traballa a través de mensaxería, aínda que Internet xa está comezando a funcionar. Un punto importante na trama é que, ao dedicarse ao teletraballo, apenas ten vida social e case non a coñece ninguén. Un compañeiro envíalle un día un disco cun virus que semella moito máis potente do normal. Falan por teléfono, porque a cousa pinta moi fea, e o compañeiro queda con ela na súa casa ao día seguinte, porque quere falar polo miúdo dese virus que semella moi perigoso. Ela vai marchar de vacacións unhas horas máis tarde, pero semella ter marxe temporal para facer as dúas cousas. Pero o encontro non ten lugar, porque a avioneta do seu colega sofre un estraño accidente.

Vaise de vacacións ao Caribe (creo recordar) para intentar desconectar. Casualmente, nunha praia coñece a un tipo atractivo do que se namora. Cando están pola noite no seu iate, percibe algo raro, e é atacada por el. Consegue defenderse e salvarse, pero perde toda a documentación. E pasa uns días no hospital, porque sufriu un accidente cando escapaba. Cando sae do hospital e volve ao hotel para recoller as súas cousas e volver a casa, descubre que xa non é Angela Bennett. Non sabe como, pero a súa nova identidade é Ruth Marx, que ten un longo historial delictivo ás súas costas.

Consegue volver ao seu país e intenta apoiarse no seu ex-marido, que é médico. Pero os terroristas informáticos que están detrás de todas estas cousas, tamén conseguen intoxicar ao ex-marido, e cando está no hospital, cambiarlle a medicación e matalo.

Ela consegue infiltrarse na sede da empresa para a que traballaba antes (na que non estivera nunca), e descubre á persoa que agora está alí traballando co seu propio nome, facéndose pasar por ela. Consegue chegar ao seu ordenador e extraer a información que lle permitirá botar abaixo todo o sinistro plan. Pero todo o que sucede neste tramo final é tan retorcido e complexo, que non creo que valga a pena explicalo. Ou sexa, que ao final gana a boa e consegue matar a todos os malos e descubrir os seus manexos, que eran moitos. Como dicía, un delirio bastante considerable, sen pés nin cabeza.

Saúdos.





Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...