domingo, 11 de xuño de 2023

Día das Letras Galegas 2023: Francisco Fernández del Riego

Este ano foi Francisco Fernández del Riego o persoeiro homenaxeado no Día das Letras Galegas. Curiosamente foi el o instigador principal de que se puxera en marcha esa celebración hai xusto 60 anos. Hai que recoñecer que ten un perfil intelectual pouco común na cultura galega, pero paréceme moi útil o seu labor, e moi merecida a súa elección, aínda que sempre hai xente que di que non ten obra para merecela.

Pero é que este perfil, co que eu me sinto moi identificado, tamén merece algún tipo de homenaxe. Efectivamente, escribiu só unha novela, uns cantos libros de memorias e viaxes, e milleiros de artigos en prensa, que estando ben, tampouco me parecen abraiantes (lin uns cantos nas últimas semanas). Principalmente foi un currante que sacou ou axudou a sacar adiante moitos proxectos culturais galegos, como a editorial Galaxia, a Real Academia Galega (colleu a súa presidencia cando xa tiña 84 anos, e puxo a andar a todo o mundo) ou a Fundación Penzol. E que mantivo contacto durante os difíciles tempos do franquismo co exilio emigrante.

Como todos os anos, pasei uns días ou semanas lendo o magnífico suplemento temático editado por Nós Diario e Sermos Galiza, o non tan magnífico pero voluntarioso editado pola Voz de Galicia, e tamén o libro que edita A Voz de Galicia todos os anos con esta efeméride. Nesta ocasión foi brevemente prologado por Xesús Fraga e contén unha escolma de artigos publicados por Francisco nese xornal.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...