sábado, 8 de xaneiro de 2022

Foraxidos

Despois de que os dous últimos venres coincidiran nas noites máis festivas do Nadal, volveu o ciclo de cine clásico da cadea fascistoide Trece, dirixido por José Luis Garci, e que lembra bastante aquel de "Que grande é o cine" que fixo na 2 hai décadas. Esta vez proxectaban unha película da que non oíra falar. Polo visto, en España titulárona "Foraxidos", mentres que en Hispanoamérica a titularon "Os asasinos", que é a tradución exacta do orixinal.

Foi dirixida en 1946 polo director de orixe alemá Robert Siodmak. O guión está baseado nun conto de Ernest Hemingway, que polo visto presumía moito desta adaptación cinematográfica, sobre todo das primeiras escenas, que lle emocionaban moito. O elenco é moi extenso, pero chamoume a atención un feito curioso. Nos créditos destacaban inicialmente a Burt Lancaster e a Ava Gardner, como se foran grandes estrelas. Esta foi a primeira película que protagonizou Lancaster, que anteriormente fora acróbata e actor de teatro de escaso éxito, así que non creo que fora aínda moita estrela de cine. Ava Gardner seguramente xa o era, pero nesta película aparece moi pouco. E o actor que máis aparece, con diferenza abismal, e que eu considero o actor principal, foi Edmond O'Brien, a quen se lle reservou un nivel secundario nos créditos. Inexplicable.

Todo xira en torno á historia de Ole Anderson "O Sueco" (Burt Lancaster), pero iso non significa que apareza moito en escena. Foi un boxeador con algo de proxección pero que tivo que abandonar cando rompeu a man dereita. Despois diso, xuntouse con malas compañías e participaba en roubos e actividades similares, e parece que estaba namorado dunha muller fatal chamada Kitty Collins (Ava Gardner). Xunto coa súa banda, da que el non era o líder, perpetran un roubo importante nunha fábrica de chapeus, da que se levan unha nómina dun cuarto de millón de dólares. Pero as relacións entre os integrantes da banda non son nada boas, hai intentos de engano duns aos outros, e ao final Ole acaba fuxindo con todos os cartos xunto a Kitty. Aos dous días ela marcha de alí levándose os cartos, e Ole pasa ao anonimato. Algún tempo despois, algún da banda, de casualidade, localiza a Ole nunha pequena vila, traballando nunha gasolineira, e manda dous matóns para que o asasinen, cousa que conseguen sen moita oposición pola súa parte, porque xa esperaba que sucedese, antes ou despois.

Máis ou menos, esta é a historia contada de forma lineal. A película cóntaa doutro xeito. Reardon (Edmond O'Brien) traballa para a compañía de seguros que cubre aos traballadores da empresa de gasolineiras na que traballaba Ole. Cando morre, comeza a investigar as circunstancias, que lle parecen algo estrañas, a pesar de que o seu xefe lle di que non vale a pena, que a poliza é pequena e que a historia tampouco será tan importante. Vai tirando dos fíos e vai descubrindo toda a historia que vos puxen antes. Resulta que a fábrica de chapeus atracada tamén estaba asegurada por eles, pero o xefe de Reardon dille que tampouco hai que preocuparse tanto: cando unha empresa de seguros ten que pagar unha indemnización grande, ao ano seguinte sube as cuotas e todo arranxado. Ao final, resulta que, agás Kitty, todo o resto da banda, que aínda estaban vivos, acaban morrendo uns a man dos outros, porque ninguén tiña demasiado claro quen se quedara cos cartos, e todos querían recuperalos... ou non perdelos. Parece que ao final o líder da banda estaba casado con Kitty, e eran eles os que tiñan os cartos.

Saúdos.




Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...