sábado, 24 de xuño de 2023

Dez negriños

Hai unhas semanas, casualmente na noite do meu aniversario, quixen descansar e relaxarme un pouco e púxenme a ver unha película accesible en Youtube. É a primeira versión cinematográfica de "Dez negriños", a mítica novela de Agatha Christie. Xa é curioso o título da novela e das películas, que foi cambiando co tempo. Facer referencia á palabra "negriños" acabou sendo pouco respectuoso, así que nalgún momento se referiron a "nenos indios" (nesta película faise referencia a iso, estrañoume) e finalmente chegouse a algo máis ambiguo como "E non quedou ningún". Teoricamente, o título desta versión que eu vin xa era este último que mencionei.

Foi dirixida en 1945 por René Clair e o elenco completo (só son once así que podemos extendernos) estivo composto por: Walter Huston, Roland Young, Louis Hayward, June Duprez, Barry Fitzgerald, C. Aubrey Smith, Judith Anderson, Mischa Auer, Richard Haydn, Queenie Leonard e Harry Thurston. Ou sexa, os oito convidados, os dous do servizo e o barqueiro que os levou a todos á illa onde ten lugar a trama.

A trama é ben simple. Unha persoa descoñecida e supostamente moi rica convida a oito persoas que non se coñecen entre si á súa mansión, que está nunha illa cerca do continente. Cando chegan alí, o seu anfitrión non está, e os únicos que están para recibilos son os dous servintes que os atenderán, recentemente contratados para ese labor, e que polo tanto, tampouco coñecen ao propietario da mansión. Obviamente, todos foron levados alí polo barqueiro.

Unha vez alí, ocupan as súas habitacións, e en todas está enmarcada unha canción infantil que fala de dez nenos negros ou indios, aos que lles foron pasando cousas, foron morrendo un tras outro, ata que non quedou ningún (en determinadas culturas cun alto nivel de violencia as cancións infantís non son moi edulcoradas, polo visto). Na mesa do salón tamén hai unha pequena escultura coas siluetas de dez nenos indios.

E na historia sucede o mesmo, van caendo un tras outro en diferentes circunstancias, ata que xa quedan moi poucos. Nalgúns casos, algún deles desaparece, non saben onde está nin o que lle puido pasar, pero intúen que debeu morrer porque na pequena escultura do salón seguen caendo as figuras, indicio seguro da morte dun novo personaxe.

Pois queredes que vos conte o final da película? Pois non o vou facer, basicamente porque non o lembro. Ou non me gustou demasiado, ou non me convenceu, ou pareceume irrelevante. Tampouco lle gustou á propia Agatha Christie, que aínda vivía cando se fixo esta versión. Polo visto, o resto da película é moi fiel á novela, pero no final decidiron ir por libre e a ela non lle agradou, loxicamente. Se non lembro mal, teño nalgunha colección esta novela traducida ao galego, e é bastante breve, é posible que a lea este verán, vistos os precedentes.

Saúdos.



O planeta dos simios

Está claro que esta película xa a vin enteira varias veces (o final é impactante e dificilmente se esquece), pero botábana hai varias semanas no espazo de cine clásico da 2 e non o pensei, obviamente. A película tivo moito éxito no seu momento e fixéronse 4 películas e 2 series nos anos seguintes baseándose nesta historia. E no século XXI xa van catro películas máis, así que o tema debe suscitar interese.

Foi dirixida en 1968 por Franklin Schaffner, e está baseada nunha novela do francés Pierre Boulle. No elenco destacan Charlton Heston (aquí aínda non parecía ter parálise facial e amosaba certa expresividade), Roddy McDowall, Kim Hunter, Maurice Evans, James Whitmore, James Daly e Linda Harrison. A pesar do éxito que tivo, só levou un Óscar honorífico pola calidade da maquillaxe, xa que daquela aínda non existía o premio nesa modalidade. Ademais foi o 17% do orzamento da película nese apartado, non é ningunha broma.

Catro astronautas estadounidenses saen nunha nave espacial en 1972 a explorar o Universo a unha velocidade cercana á da luz. Están uns 18 meses de travesía e nun determinado momento, por algunha estraña razón, a nave precipítase nun lago dun estraño planeta desértico. A computadora da nave di que se atopan aproximadamente no ano 4000 da nosa Era. Un dos catro astronautas (casualmente a única muller) morreu no impacto final porque se fisurou o cristal que a mantiña hibernada, así que semella xa só un esquelete.

Como a nave ameaza con afundir na auga (como finalmente así fai), os tres astronautas sobrevivintes saen dela, e comezar a analizar o entorno, semellan estar nun deserto onde non pode prosperar a vida. Comezan a andar para ver se atopan algo de vida, e chegan a un oasis onde se bañan e limpan. Pero cando o están facendo, decátanse que hai alguén alí que lles está roubando a roupa. Saen axiña da auga e comezan a perseguir a eses "seres", que resultan ser seres humanos primitivos que non son capaces de falar unha lingua. E cando están coñecéndoos, aparecen uns salvaxes gorilas montados en cabalos que veñen a apresalos a todos (non intúen que hai humanos máis evolucionados no medio do grupo, claro). Un dos astronautas morre, e o outro é golpeado na cabeza e despois lobotomizado, así que queda máis ou menos igual que os humanos non evolucionados. O único que perdura nas mesmas condicións é o xefe, o coronel George Taylor, pero recibe un disparo na gorxa que lle impedirá falar durante uns días ou semanas.

O principal da película vai a continuación, cando vemos unha sociedade razonablemente evolucionada (pero non co nivel de tecnoloxía que temos actualmente nin teremos no futuro; na novela si era así, pero na película decidiron retroceder o nivel tecnolóxico para aforrar costes) de simios na que os seres humanos son os non evolucionados. Claro, Taylor resulta un dato discordante, e máis cando intenta dirixirse aos simios, pero non lle resulta posible pola ferida da gorxa. Os simios decátanse de que intenta facer cousas que os outros non fan, pero interpretan que debe ser un líder rebelde e utilizan contra el máis violencia que contra os outros.

Finalmente aclárase a situación e son conscientes de que é un "humano" diferente, pero non queren aceptar o que el di porque os seus postulados relixiosos viríanse abaixo. Porque claro (absurdo), falan todos o mesmo idioma. En todo este tempo, Taylor é axudado por dous científicos simios que lle colleron cariño. Axúdanlle a fuxir e chegan a unha praia onde hai unha cova con restos arqueolóxicos que poderían confirmar que nese planeta houbo humanos anteriormente. Taylor consegue escapar cunha das humanas non evolucionadas e chega un dos finais máis impactantes da historia do cine: nunha das praias polas que pasan vese a Estatua da Liberdade sobresaíndo na area. Confírmase que ese planeta era a Terra.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...