xoves, 12 de agosto de 2021

Fóra do Mapa

Acabo de ler un libro ben interesante. Non chegou hai moito tempo, hai 1 ano ou así, que é pouco tempo para estar na miña lista de espera de lectura. Pero cadroulle e lino este verán, e paseino en grande. Titúlase "Fóra do mapa", o subtítulo é "Espazos perdidos, cidades invisibles, illas esquecidas, lugares salvaxes e o que nos ensina sobre o mundo", e foi escrito polo xeógrafo británico Alastair Bonnet.

Fala sobre multitude de sitios bastante curiosos que existen neste planeta. Ten unhas oito seccións, e cada unha delas ten un feixe de capítulos cortos, dunhas 4 páxinas, que falan sobre cada un deses sitios. Vouvos poñer unha serie de exemplos variados para que vos fagades unha idea:
- Unha illa que nunca existiu en Oceanía pero que apareceu ata hai pouco en moitos mapas porque alguén a puxo hai séculos e ninguén se preocupou de comprobalo.
- Unha illa efémera que apareceu durante uns anos na desembocadura dun río e sobre a que viviron varios miles de persoas.
- A cidade vella da Meca está sendo devastada.
- O mar de Aral está practicamente desecado, agora é un deserto de sal.
- En Rusia aínda hai cidades pechadas debido ás actividades dos seus habitantes, e prefiren que siga sendo así.
- Miles de persoas viven dentro do Cemiterio Norte de Manila.
- Cerca da India aínda hai unha illa con tribus non contactadas.
- Nalgunhas fronteiras non está moi claro se algúns pobos están nun país ou noutro.
- Hai zonas pouco interesantes que non son reclamadas por ningún país.
- Hai cidades que foron destruidas por guerras, explosións nucleares, minas tóxicas.
- Hai cidades pantasma nas que aparentemente non vive ninguén, sobre todo en reximes comunistas.
- Hai unha zona de Grecia inzada de mosteiros nos que non poden entrar mulleres.
- No espazo aéreo internacional poden pasar cousas bastante curiosas, e incluso nalgúns aeroportos.
- En Somalia hai aldeas que son as bases dos novos piratas do Índico.
- Hai vilas fronteirizas nas que a fronteira é un rompecabezas.

Se tedes a posibilidade, recoméndovos a lectura deste interesante libro.

Saúdos.



Viñetas dende o Atlántico 2021

Un ano máis no mes de agosto houbo unha nova edición de Viñetas dende o Atlántico. Como todos os anos, catro ou cinco locais da cidade enchéronse con exposicións variadas sobre banda deseñada.

Das de este ano chamáronme a atención un par de cousas sobre todo. Unha foi a exposición do autor galego Das Pastoras sobre os Doce Traballos de Hércules, que está no Pazo Municipal de María Pita. E a outra é que un dos autores que expón en Palexco, Raúl Allén, está comezando a facer unha novela gráfica sobre "Dune". Iso lembroume que se vai estrear unha película o mes que vén sobre esa novela, que aínda non vin a do ano 84 dirixida por David Lynch, e que tampouco lin ningunha das novelas de Frank Herbert. E iso non pode ser, hai que corrixilo.

Saúdos.



Cyrano de Bergerac

Nos anos 90 o cine francés foi capaz de relanzar de novo un dos seus personaxes máis icónicos: Cyrano de Bergerac. Xa pasaron máis de 30 anos, pero cando vin que botaban esta película no espazo de cine clásico da 2 non o pensei nin un intre, había que repetir aquela magnífica sensación.

Naquel ano 1990, Jean-Paul Rappeneau dirixiu unha magnífica versión (descoñezo se fixo algunha outra película destacada, pero non me soa) protagonizada por Gérard Depardieu, que durante uns anos foi unha estrela internacional e incluso creo que deu o salto a Hollywood. O elenco de secundarios están moi ben, destacando Anne Brochet, Vincent Pérez e Jacques Weber nos papeis máis importantes.

A ver, esta obra e o seu protagonista teñen moita chicha. Para comezar, Cyrano de Bergerac existiu na realidade e era máis ou menos como o pintan na película. Pero o primeiro en ter a idea foi o dramaturgo Edmond Rostand, quen fixo unha obra de teatro sobre o personaxe a finais do século XIX, ou sexa, uns 200 anos despois da vida daquel. Nos anos 50 xa se fixo unha versión cinematográfica, que polo visto tivo bastante éxito, pero dubido que tivera máis que esta versión última. Creo que a obra de Rostand xa era toda en verso, porque eu teño (ou tiña por casa, creo) unha versión en galego que representou un grupo de teatro coruñés hai uns anos, e tamén era en verso. E é un dos grandes puntos fortes da obra, polo menos nesta versión de cine.

A historia é máis ben simple, pero algo retorcida ao mesmo tempo, e debido a iso, dá moito de sí. Cyrano é un militar gascón e home pendenciero e arrogante, pero admirado por todo o mundo, porque vence en todos os duelos e pelexas nos que se mete, que son bastantes, e ademais búrlase moi ben dos seus contrincantes coas súas composicións en verso. Está namorado da súa curmá Roxanne, pero non pode nin quere confesarlle o seu amor, debido a un único defecto físico que o obsesiona, o seu grande nariz.

Pero precisamente Roxanne ponse en contacto con el para pedirlle que protexa especialmente a un novo cadete que entra xusto agora ao seu servizo, que é o home do que ela está namorada, sen saber que o seu curmán bebe os ventos por ela. Por se non chegara con iso, o cadete Cristian tamén está namorado de Roxanne, pero ela aprecia moito a cultura, a oratoria e o feito de escribir e declamar ben poesía. Pero Cristian é un zoquete niso, pero Cyrano non. Así que Cyrano decide escribir para Cristian e que os dous poidan ser felices.

Obviamente, Roxanne, que non é nada tonta, está a piques de descubrir a treta en moitas ocasións, pero finalmente non o fai. Cristian morre na guerra e ela vaise a un convento, no que durante moitos anos é visitada todos os sábados polo seu curmán Cyrano. Na derradeira visita, xusto despois dun ataque dalgúns dos moitos que o odian, Roxanne decátase de que foi Cyrano foi quen estivo escribindo aquelas cartas durante todo aquel tempo. Pero xa é tarde, porque Cyrano morre esa mesma noite nos brazos da súa amada.

Saúdos.




As miradas de Isaac Díaz Pardo

Un día destes baixei ao centro da Coruña (agora non o fago tanto como antes) para dar un paseo, ver as feiras que andan polo centro, como todos os meses de agosto, e atopeime na sede de AFundación unha exposición coa que non contaba. Titúlase "As miradas de Isaac" e fala sobre a vida e a obra de Isaac Díaz Pardo, xa que no estraño ano 2020 se cumprían 100 anos do seu nacemento.

A exposición ocupa varias plantas do edificio, está bastante ben, porque esta figura dá moitísimo de sí, e remata cunha sala na que se proxecta este audiovisual que tamén está en Internet, así que podedes disfrutar del.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...