luns, 22 de marzo de 2021

Robocop

E como estou vendo tanto cine na televisión, e teño tantas películas máis ou menos clásicas pendentes de ver, sigo saldando contas. Nunca vira "Robocop", polo menos completa, e boteille peito un día destes. Foi dirixida en 1987 por Paul Verhoeven. O protagonista principal está interpretado por Peter Weller (que non debe ser un gran actor, nin moi expresivo, porque foi o papel da súa carreira, e case non se lle ve a cara), que está acompañado por uns cantos secundarios americanos, solventes pero non moi famosos.

A historia é ben simple. Detroit está entrando en colapso e hai moita delincuencia nas rúas (esta parte acabou sendo real, mira ti), e a policía está pensando en facer folga porque están morrendo moitos patrullando nas rúas. Unha poderosa empresa tecnolóxica está deseñando uns robots para substituílos. Pero un dos xefes da empresa cae en desgraza cando fan unha proba do seu novo robot e todo acaba en desastre, con algún alto directivo morto na presentación.

Outro directivo da firma, un novo trepa, ve o momento de pasar por enriba do outro, e propón o seu robot cyborg, e danlle a oportunidade, pero iso non lle fai graza ao antigo xefe. Collen o corpo dun policía que foi brutalmente asasinado pola banda máis sanguinaria de Detroit, méteno nun robot programado case invulnerable, e comeza a vengarse. Vai cumprindo as súas funcións ata que descubre que os delincuentes traballan para o antigo xefe desa empresa. Cando intenta apresalo, descubre que ten esa función prohibida na súa programación.

Pero como sempre, o ben acaba vencendo, e finalmente Robocop acaba dobregando a todos, incluso aos corruptos xefes, e remata sendo o modelo a seguir.

Non me quedaron moitas ganas de ver as secuelas, que algunhas houbo. Pero o outro día, facendo "zapping", vin fragmentos da segunda parte. E chamoume a atención que seguían visitando instalacións que aparecían moito na primeira parte, como acerías abandonadas. Estas películas son de hai 30 anos. Agora Detroit é unha cidade pobre, xa que a industria do motor veuse abaixo, e chámame a atención que ese matiz de decadencia industrial xa se vira tan claro hai varias décadas. Teño entendido que perdeu moita parte da poboación e que agora xa non resulta un lugar nada agradable para vivir (se é que algunha vez o foi).

Saúdos.



Sofía e as postsocráticas

Moito tempo despois, conseguín ir ao teatro de novo, pero tristemente non o gocei demasiado, son cousas que pasan. Fun ver unha obra dunha compañía chamada Inversa Teatro. Titulábase "Sofía e as postsocráticas". Pintaba ben, e ademais lembraba que hai anos fora ver unha obra delas titulada "Té con Kant", na que o pasei moi ben. Parece que lles gusta o tema da filosofía. Digo "delas" porque nas dúas obras que vin só hai actrices.

Supostamente, esta obra é unha denuncia da violencia contras as mulleres tomando como base as figuras de Sócrates, Platón e Aristóteles, interpretados por Marta Pérez, María Roja e Silvia Penas. A idea parecía fantástica, pero a súa plasmación non me convenceu case nada. Non conseguín conectar coa obra nin coa mensaxe, e mira que é un tema que me interesa moito. Ao mellor queredes preguntarme por que, pero non sei explicalo, moito máis non podo dicir.

Saúdos.



Alien: o oitavo pasaxeiro

No espazo de cine clásico da 2, os luns pola noite, botaban un día destes "Alien, o oitavo pasaxeiro". Había moito tempo que non a veía, así que me animei. É unha boa película, e aínda que saibas como acaba, non está mal vela cada certo tempo.

Dirixida no ano 1979 por Ridley Scott, case pode poñerse aquí o elenco completo, porque como di o título, só hai sete personaxes a parte do bicho: Sigourney Weaver, Tom Skerrit, Veronica Cartwright, John Hurt, Ian Holm, Yaphet Kotto e Harry Dean Stanton. A min sóame que Weaver e Hurt son os que tiveron unha carreira máis destacada. De todos os demais, case diría que esta foi a película máis destacada na que estiveron, pero por razóns obvias, aquí son todos secundarios agás Sigourney Weaver, claro.

Penso que un dos puntos máis interesantes da película, da que se ten falado moito, é que o ordenador central da misión. "Nai", xa tiña pensado parar naquel planeta para recoller esa estraña forma de vida, porque era moi prometedora dende o punto de vista militar. E un dos pasaxeiros, Ash, o oficial médico, era o único que o sabía, por iso nalgunha ocasión semella saltarse as normas por razóns humanitarias, pero realmente era para conseguir meter o bicho na nave. Cando o matan e descubren que é un robot, desvela todo o que sabía. Interesante xiro do guión.

Certo é que nunca vin ningunha das súas secuelas. Se algún día me cruzo coa segunda parte, intentarei vela, a ver que se inventaron, pero probablemente sexa algún xiro mediocre para intentar facer caixa.

Saúdos.



Skyfall

Pois si, xa o dixen aquí máis veces. Gústanme as películas de James Bond, e as que se están facendo nos últimos tempos non son peores, nin moito menos, que as clásicas (botaron varias na televión últimamente e parecéronme bastante mediocres). Pero sigo tendo a mesma sensación. Para escribir este artigo, acabo de ler unha web sobre esta película, e non lembraba case nada. A historia é moi densa e retorcida, os guionistas se ganan ben as fabas.

"Skyfall" é do ano 2012, a terceira con Daniel Craig no papel, que non o  fai nada mal, e dirixida por Sam Mendes. O elenco non está mal, con clásicos como Judi Dench, Ralph Fiennes e Albert Finney. A Javier Bardem ben o coñecemos por aquí, fai un bo papel. E algunhas novas estrelas como Naomi Harris, Ben Whishaw ou Rory Kinnear.

Buf, é moi complicado explicar a historia. Basicamente, o malísimo Silva consegue hackear ordenadores do MI6 para desvelar aos espías británicos e provoca unha explosión na súa sede central. Intentan perseguilo por diferentes lugares do planeta, como Estambul e Shanghai, para dar con el, pero o combate final é en Skyfall, un vello castelo case abandona da familia Bond no norte de Escocia. E xa suporedes que ganan os bós e morren os malos. Todo isto é moi resumido, claro. Unha das cousas que máis me chamou a atención é que o Silva este semella invulnerable, é capaz de penetrar en calquera lugar ou sistema, de escapar de calquera cárcere, e ao final mátano cravándolle un puñal nas costas. Non semella moi crible, obviamente.

Pois iso, pásase ben, está moi ben feita, pero é pura evasión. Aos poucos minutos ou segundos de ver a película, xa case non lembro o que acabo de ver. E iso significará algo.

Saúdos.



Pitch Black

Ben liberado debía estar eu hai unhas semanas, cando me crucei na televisión cunha película titulada "Pitch Black" e decidín vela. Soábame que formaba parte dunha saga titulada "Riddick" ou "As crónicas de Riddick", protagonizada por Vin Diesel, a cousa pintaba fea. A sinopse da película semellaba simple, e ata podía resultar interesante. Despois de vela, vexo que era máis que unha sinopse, porque a historia non se complicaba moito máis ca iso. En fin, había que probar.

A película é do ano 2000 e foi dirixida por un tal David Twohy, que non me soa de nada e cuxo apoxeo no currículum semellan ser as películas desta saga. O único actor que me soa vagamente é este musculoso Vin Diesel. En España usouse o título orixinal en inglés (que non sei moi ben o que pode significar). Pero na simpática Hispanoamérica usaron dúas variantes, que teñen certo sentido na historia: "Eclipse mortal" e "Criaturas da noite".

Acabo de ler unha explicación detallada da película, para intentar lembrala (porque o certo é que a esquecín bastante) e aínda pasaron cousas. Pero tamén é certo que a historia debe estar contada dun xeito que non me atrae demasiado. Unha das cousas que máis me gustou foi a primeira parte, cando chegan ao novo planeta (agora conto a historia) que ten tres soles, e aparecen imaxes cunha estraña luminosidade, visualmente son moi potentes.

En definitiva, un cargueiro estelar que levaba á tripulación hibernada, ten un accidente debido ao cruce coa cola dun cometa, e acaba aterrizando de emerxencia nun planeta illado. Ese planeta ten tres soles, e os poucos supervivintes intentan arranxar a nave para escapar dalí. Van perdendo integrantes da expedición en estraños accidentes que non teñen moita explicación, pero claro, están nun planeta totalmente descoñecido e non saben o que pode haber alí.

Un dos puntos de máis fricción é un dos supervivintes, Riddick. É un prisioneiro custodiado por un suposto policía, que se acaba sabendo que non é tal, senón un cazarrecompensas. Escapa case ao aterrizar, pero volven collelo, e ao final axúdaos a escapar, aínda que sempre están sospeitando da súa posible traición. Ten operados os ollos para ver na escuridade.

Cando están alí, prodúcese un eclipse, o cal contrasta coa situación de total luminosidade que viviran ata aquel momento. Non saben canto vai durar esa situación. Pero agora explícase o enigma: ao facerse a escuridade, saen das entrañas da terra milleiros de criaturas moi salvaxes que os atacan sen piedade.

Búscanse a vida para conseguir algo co que arranxar a nave avariada sen que os maten esas salvaxes criaturas, e conseguen escapar do planeta con Riddick pilotando a nave e liderando a operación.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...