mércores, 30 de decembro de 2020

O home tranquilo

Esta película estaba convencido de que xa a vira completa, e efectivamente confirmeino, pero repetín, que sempre resulta moi agradable de ver, aínda que hai varias cousas que chirrían bastante. Foi na noite do mesmo día no que vin "A taberna do irlandés", e quería sacarme ese agre sabor de boca dos dous colegas facendo un bodrio infumable, esta xa é outra cousa.

Foi dirixida en 1952 por John Ford para lucimento de John Wayne (como non), Maureen O'Hara, e tamén algo de secundarios como Víctor McLaglen e Barry Fitzgerald. O tema do título tamén ten traca. O título español e galego é unha boa tradución do orixinal, que ademais ten coherencia coa trama, pero en Arxentina e Venezuela tiveron o terrible erro de traducila como "o home quieto". Non sei, se cadra neses países "quieto" tamén é sinónimo de "tranquilo", pero se non é así, o erro é considerable.

Vou axiña á historia, por se non a coñecedes. Un ex-boxeador que naceu en Irlanda pero que de pequeno marchou para Estados Unidos, volve á súa aldea natal, Innisfree, para establecerse alí. Non se sabe ata a metade da película, pero faino porque no último combate matou ao seu contrincante, xa non quere volver pelexar e quere comezar unha nova vida. Ese caracter fai que sexa un tipo moi tranquilo que nunca discute con ninguén, o cal non está moi ben visto na sociedade tradicional irlandesa na que se está mergullando, e iso tamén choca co seu caracter americano, pouco ceremonioso e máis pragmático e directo.

Cando chega ali, merca a casa dos seus antepasados, para restaurala, o cal o enemista co que vai ser o seu veciño máis cercano, e casualmente namora perdidamente da súa irmá, protagonizada por Maureen O'Hara. Todo isto e o caracter algo pechado e túzaro dos irlandeses, e especialmente desa familia (que hai que darlles de comer aparte), fai que o conflito vaia crecendo aos poucos. Intenta casar con ela, pero o irmán oponse, despois conseguen convencelo, pero despois hai un problema coa dote, que a el lle dá igual (non semella ter problemas de cartos), pero á súa prometida non.

Por culpa de todos eses líos, todo remata cunha mítica pelexa entre os dous, que son bos becerros, con toda a poboación da zona xaleando e apostando, incluso uníndose en pequenas escaramuzas entre eles. Pero ao final todo acaba ben e incluso fanse bos amigos.

Xa digo, a película resulta agradable de ver e o guión está moi ben trabado e é bastante intelixente (todo o contrario da "Taberna do irlandés", non me cansarei de dicilo. Agora ben, hai algunhas cousas que chirrían, pero non sería xusto ver unha película de hai case 70 anos cos ollos de agora, é bastante tramposo. A visión da película é algo ou bastante machista, incluso cos anos de diferenza, creo. Ao fin e ao cabo, a John Wayne sempre lle poñían mulleres moi fermosas, de moito caracter, e bastante agresivas, ás que el acaba dominando, sobre todo a base de cachetes. A min xa me resulta bastante patético. Por outra banda, tamén me chirría algo iso de contrapoñer o pragmatismo e resolución estadounidense coa cultura tradicional irlandesa. Parece que o director tiña antepasados irlandeses e idolatraba con nostalxia esa cultura ancestral.

Saúdos.



A taberna do irlandés

Oíra falar desta película moitas veces, e cando xurdiu a oportunidade de vela, nin o dubidei. Antes de vela, non sabía seguro se xa a vira ou se a confundira con outra, pero esa dúbida aclarouse aos poucos segundos. Estaba seguro de que nunca vira a John Wayne na Polinesia. Foi dirixida en 1963 por John Ford para exclusivo lucimento de John Wayne, porque é un disparate que non ten outra explicación. Debían ter ganas de xolda e pareceulles un bo lugar para facela alí.

Podemos comezar xa polo título. O título orixinal é "Donovan's Reef", que é o nome da devandita taberna na Polinesia francesa (realmente rodouse en Hawai). A tradución podería ser "O arrecife de Donovan", e Donovan é o apelido do personaxe de John Wayne. En galego quedou como "A taberna do irlandés", algo da trama sucede na taberna, pero tampouco é para tanto. E o título para Hispanoamérica (ou parte dela) foi "Aventureiro no Pacífico", que tampouco está mal, pero ningún deles reflexa de que vai a historia, que xa digo, é un disparate para divertimento dos dous colegas.

Resulta que tres soldados do exército americano que loitaron no Pacífico quedaron por alí despois da guerra, e non lles foi mal. Un deles protagonízao John Wayne, que supostamente rexenta unha taberna. Outro protagonízao Lee Marvin, que aparentemente tamén axuda na xestión da taberna. Está borracho boa parte do tempo, e peleándose co personaxe de John Wayne, por razóns aparentemente incomprensibles. E o terceiro é o personaxe protagonizado por Jack Warden, que é o único médico que hai na zona, que raramente está xunto aos outros, porque está sempre traballando, e que ten tres fillas pequenas que tivo cunha princesa do lugar, que morreu hai pouco tempo, e que era moi querida e venerada por todos.

Pois este idílico paraíso vese alterado porque dende Boston chega Amelia (protagonizada por Elizabeh Allen), a filla maior do médico, á que non chegou a coñecer porque marchou á guerra. Ela vén comprobar se leva unha vida recta e legal, porque de non ser así, ela herdará o imperio dunha importante navieira de Boston que pertence á familia. Chega á illa sendo un toxo, pero pouco a pouco vaise abrandando e adaptando á relaxada vida do lugar. E como non, vaise namorando de John Wayne, pero do xeito típico que fan nas súas películas, é dicir, tendo aparentemente moito caracter, discutindo moito con el, para recibir uns cachetes ao final e caer nos seus brazos. Bastante patético, por certo.

Durante ese lapso de tempo, como saben das intencións de Amelia, fanlle crer que os tres fillos do médico son realmente de John Wayne, pero obviamente unha mentira dese calibre sae á luz, pero ao final non ten relevancia, porque parece que Amelia queda tamén a vivir alí.

Pois xa digo, un disparate. A historia non hai por onde collela, Lee Marvin case non aparece, ou o fai de forma totalmente secundaria, Jack Warden aparece aínda menos, e todo xira en torno a John Wayne e Elizabeth Allen, na súa estraña e incrible historia de amor. Xa digo, os dous John non sabían o que facer, nin en que gastar os cartos, e foron correrse unha xolda á Polinesia. Non está mal o plan, pero cine, pouco e mediocre.

Saúdos.



Antón Alonso Ríos: o Siñor Afranio

Xa hai anos oín falar dunha interesante figura do galeguismo, chamado Antón Alonso Ríos. Hai décadas xa andaba polo local da A.C. Alexandre Bóveda algún exemplar do libro escrito por el como autobiografía e titulado "O Siñor Afranio. Ou como me rispei das gadoupas da morte. Memoria dun fuxido". Ese é o libro que pretendía ler eu, pero non o atopei, porque semella estar esgotado e descatalogado, e lin unha breve biografía sobre ese individuo. Non foi o mesmo, pero... pódese completar, por exemplo, co documental que vos poño ao final deste artigo.

Foi un tipo importante, sobre todo do galeguismo en Arxentina. Naceu no concello de Silleda, pero aos 20 anos marchou para Arxentina. No ano 31, coa proclamación da República veu para aquí de novo, era profesor e un importante líder agrarista. En Tomiño dirixía unha escola fundada por emigrantes de nome moi rimbombante: a Aurora do Porvir. Fixo moita propaganda a favor do Estatuto de Galicia no ano 36 e, obviamente, cando chegou a Guerra Civil foi perseguido (esta é a mellor parte, déixoa para despois). Conseguiu fuxir e chegar de novo a Arxentina, onde viviu ata 1980. Era case a man dereita de Castelao. Xusto o ano anterior á súa morte, escribiu o libro que mencionei antes, que foi publicado por A Nosa Terra, e que agora é case imposible de conseguir.

Pero deixei para maior explicación o que sucedeu nos anos da Guerra Civil. Foi perseguido, como tantos outros, pero estivo case todo o tempo en Galicia e non deron con el. Como fixo? Botouse ao monte? Pois non, foi moito máis imaxinativo. Deixou medrar a barba, vestiuse cuns farrapos vellos, e fíxose pasar por pobre de pedir. Como era tan educado, a xente tíñalle estima e puxéronlle o nome do Siñor Afranio. Estivo movéndose polo sur da provincia de Pontevedra e de Ourense principalmente, coa idea de pasar a Portugal e fuxir a Arxentina de novo. Pero levoulle tempo. Incluso durante algún tempo estivo servindo nalgunha casa desa zona. Por iso a súa figura resulta tan atractiva.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...