sábado, 18 de maio de 2024

Matria

Fun ver "Matria" ao Fórum Metropolitano da Coruña, xa que tiña moi boas críticas e levou uns cantos premios.

Foi dirixida en 2023 polo debutante Álvaro Gago, e a historia está baseada libremente na vida dunha señora que coidaba do seu avó. O protagonismo total é para María Vázquez. Dos poucos papeis que teñen algo de peso destacamos a Santi Prego, Soraya Luaces, o mítico Eduardo Rodríguez Cunha "Tatán" e Susana Sampedro.

A historia non ten moita complicación. Conta a vida cotiá de Ramona, unha traballadora das Rías Baixas, que traballa nunha fábrica da conserva, tamén nun barco, e que vai saíndo adiante con moita precariedade. Convive cun langrán que está maiormente borracho, e intenta sacar adiante a unha filla que xa se independizou, traballa nun bar e convive cun rapaz que traballa nunha panadería, aínda que a nai está aforrando para que estudie.

Decide marchar da fábrica porque chega un novo dono que baixa aínda máis o precario salario, e busca traballo nalgunha casa. Consegue a praza nunha casa na que vive un señor que quedou viudo hai pouco. O señor semella algo arisco e reservado ao comezo, pero acaba resultando moi amable e respectuoso. Na vida de Ramona van pasando cousas, pero a súa actitude semella algo autodestrutiva, e finalmente decide "marchar", aínda que non queda claro a onde.

Saúdos.





Día das Letras Galegas 2024: Luisa Villalta

Este ano dedícanlle o Día das Letras Galegas á escritora coruñesa Luisa Villalta. Nos últimos días chegáronme uns cantos documentos escritos dedicados completamente a ela, basicamente de Nós Diario e da Voz de Galicia, como todos os anos.

Comecei por un suplemento de 24 páxinas que viña coa Voz de Galicia. A continuación fixen o mesmo cun de 48 páxinas que publicou Nós Diario. Hai que ter en conta que unha parte nada despreciable deses suplementos traen publicidade institucional da Xunta, Deputacións e moitos concellos, ademais dalgunhas empresas privadas. Así que, das posibles 72 páxinas, facilmente puido quedar en 50 páxinas para ler, como moito.

E rematei co típico libriño sobre a autora que publica todos os anos a Voz de Galicia, que sempre lle encargan a algunha das xornalistas de plantilla, e esta vez tocoulle a Sara Pérez Peral, que traía algunhas entrevistas a amigas da autora e algúns textos máis, sobre todo publicados na Voz de Galicia.

E completei todo isto, nun intervalo de horas bastante breve, coa webserie "A rebelión da palabra" que publicou a Real Academia Galega en Youtube. Son 6 capítulos (abaixo póñovos o primeiro), cada un deles dura entre 15 e 20 minutos, así que en total son cerca de 2 horas, moi interesantes para coñecer ao personaxe.

Foi unha escritora polifacética, que escribiu ensaio, teatro, narrativa (relatos e novelas) e tamén ensaio, incluso fixo algunhas traducións. Apenas coñezo nada da súa obra. Estou lendo fragmentos da súa poesía estes días, pero non me está transmitindo nada especial. Os especialistas din que a súa obra non é de comprensión sinxela. Vin representada hai anos unha das súas obras, "O paseo das esfinxes", pero tampouco me dixo nada especial. Como o que máis me gusta é a narrativa, a ver se podo ler algunha das súas obras desa índole, a ver que me din.

Non lembro que eu tivera trato directo persoal, pero si lembro que a coñecín ao final da súa breve vida na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. Era socia da nosa entidade, e coincidín con ela en bastantes actos, supoño que algunha vez estaríamos falando xuntos nalgún grupiño. A súa morte foi traumática, de xeito fulminante por unha meninxite, case dun día para outro, despois de dar clase no IES Isaac Díaz Pardo de Sada, onde levaba moitos anos de profesora. Eu xuraría que uns días antes estivo nun recital de poesía organizado pola nosa asociación, e que aquela foi a última vez que a vin, pero tampouco podo aseguralo.

Saúdos.



A Familia Caamagno no ÁgoraSon

Dende hai uns anos, celébrase no Ágora da Coruña por estas datas un concerto ben bonito. As entradas son de balde, pero entréganllas ás persoas que sacaron libros en galego nalgunha das fantásticas bibliotecas municipais. Chámase o ÁgoraSon e, obviamente, sempre traen a grupos que cantan en galego.

Nesta ocasión trouxeron ao divertido grupo de rock Familia Caamagno, que comezou a súa andaina en Sigüeiro hai algo máis de 10 anos. Xa sacaron catro ou cinco discos, aínda que os primeiros son EPs. O certo é que, a pesar diso, tampouco teñen tanta produción musical, porque as súas cancións son bastante breves, e raramente teñen máis de 8 cancións, así que os seus discos duran media hora ou menos.

Ademais, nos directos teñen costume de tocar as cancións en bloques de 2 ou 3 seguidas. Por momentos, semella un concerto de punk, pero dende logo, resultan moi amenos e divertidos. O nome fai referencia ás míticas familias da mafia italiana (por iso o de "CaamaGNo"), e eles preséntanse con ese apelido e nomes con certa resoancia italiana: Manuele, Toni, Lano, Jess e Francesco.

Pois nada, que se non os vistes nunca, animádevos se se cruzan no voso camiño, que é unha boa experiencia.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...