luns, 11 de outubro de 2021

Mothman: a última profecía

Recoñezo que tiña bastantes ganas de ver esta película dende hai tempo, e aproveitei que nunha cadea de televisión española a botan con frecuencia. Parece que a cualifican como de terror, e seguramente é certo, e xa hai tempo que non me chama a atención ese xénero, pero aínda así, sentíame atraído. Outra cousa que me chama a atención, e que non sabía, é que a película está baseada en casos reais que pasaron varias décadas antes.

A película é do ano 2002, foi dirixida por un tal Mark Pellington (a primeira vez que leo ese nome) e os protagonistas principais son Richard Gere e Laura Linney. Está baseada nunha novela dun tal John Keel do ano 75, e parece que os feitos "reais" sucederon nos anos 66 e 67. Por certo, a tradución literal do título orixinal sería "As profecías de Mothman" (Mothman é algo así como un home-polilla), así que a tradución española é bastante fiel, pero en Hispanoamérica preferiron "O mensaxeiro da escuridade", que xa é unha ide de olla considerable.

A ver se o dou explicado. Nesta película pasan cousas moi estrañas, sen explicación aparente. E hai xente que se dedica a investigar este tipo de sucesos. Seguramente todos estamos pensando en comunicadores e xornalistas que coñecemos que se dedican a estas cousas neste país. Acabo de descubrir que en Estados Unidos, a este tipo de xente lles chaman "forteanos", en honor a Charles Fort, que foi o primeiro en dedicarse a estas cousas. Non me creo que estas movidas, en absoluto, pero unha obra de ficción que se basee nestas cousas, resulta curiosa, cando menos.

Richard Gere protagoniza a un xornalista chamado John Klein, que traballa no Washington Post. É moi feliz coa súa esposa, van cambiar a unha nova casa, pero unha noite teñen un accidente de coche cando conduce ela. El sae ileso pero ela sofre un golpe na cabeza, fanlle un escáner, e descubren un tumor, que aparentemente xa estaba aí, pero que casualmente descubren agora debido a realizarlle esa proba. Parece que vai recuperarse pero finalmente acaba morrendo. Antes de morrer, insinúalle que ela viu unha estraña figura xusto antes do accidente. E despois de morrer, el descubre  un caderno no que ela fixo centos de debuxos cunha estraña figura, que parecía obsesionala.

Intenta superar o trauma, entre outras cousas co traballo. Un día ten que entrevistar a un importante personaxe para o seu xornal.a unha hora moi temperá. Para asegurar que chega a tempo, decide viaxar a noite anterior á cidade na que vive o entrevistado. Cando vai de camiño, o seu coche avaríase. Achégase á casa máis cercana a pedir axuda, e o señor que vive alí, que semella algo tolo, recíbeo cunha escopeta, porque afirma que xa é a terceira noite seguida que ese home chama á súa porta de madrugada.

O conflito remata cando chega a xefa de policía do lugar máis cercano (Laura Linney), que é amiga do veciño cabreado, e pon paz entre as dúas persoas nese estraño incidente. A policía leva a Klein a un hotel cercano e comprométese a axudalo para arranxar o coche ao día seguinte. Cando chega ao hotel, Klein intenta averiguar onde se atopa, para saber canto lle falta para chegar ao seu destino. Con estupor, descubre que, sen saber como, percorreu uns 600 quilómetros de estrada en pouco máis de 1 hora, e ademais nunha dirección diferente á que debía seguir. Agora está en Point Pleasant, unha vila limítrofe entre os estados de Virxinia Occidental e Ohio (eu nin sequera sabía que un dos 50 Estados era Virxinia Occidental).

Ao día seguinte seguen as sorpresas. No taller din que o coche non ten ningunha avaría. A xefa de policía, ao saber todos estes datos tan estraños, dille a Klein que nos últimos meses están pasando cousas moi estrañas na vila, e que moitos veciños afirman ter visto a algo así como un "home-polilla" en determinados lugares. Non teñen nin idea do que significa, pero están moi desconcertados. E máis o están cando Klein, que non sabe como chegou alí, e que non sabía da existencia dese lugar, afirma que a súa muller, xusto antes do accidente de coche que en certo xeito provocou a súa morte, tamén viu ao "home-polilla". Pode gustarche máis ou menos, pero este arranque de película semella bastante interesante.

Xa non vou destripar moito máis, porque ao mellor non vistes esta película, e penso que pode valer a pena. Ao fin e ao cabo, non ten nin 20 anos, ao mellor non a viu tanta xente. Só direi que Klein acaba contactando cun escritor que fixera obras sobre ese tema. Agora xa non se dedica a iso, pero lembra perfectamente eses casos. O "home-polilla" era algo así como un anunciador de desgrazas, e todo parece indicar que algunhas veñen en camiño.

Para rematar, direi que nesa vila, Point Pleasant, que existe na realidade, pasaron cousas como as que conta a película (ou iso din) e incluso teñen unha estatua do "home-polilla" que os puxo no mapa e os fixo algo famosos.

Saúdos.



No calor da noite

Cando Sidney Poitier era protagonista dunha película estadounidense nos anos 60, había conflito racial asegurado na mesma. E se ademais a historia está ambientada nalgún dos racistas estados do sur, xa non digamos.

Esta película de 1967 foi dirixida por Norman Jewison (sempre o lembrarei por "Xesucristo Superstar") e os principais protagonistas foron Sidney Poitier, Rod Steiger e Warren Oates. Levou 5 Oscars, e acabo de flipar bastante, ao ver que lle deron o Oscar a mellor actor, pero a Rod Steiger, non a Sidney Poitier. Os dous o fan moi ben, pero vaia....

Nunha pequena poboación do estado de Mississipi aparece morto un rico home branco que chegara alí pouco tempo antes para montar unha nova industria. Iso sucede pola noite, e o policía que atopa o cadáver, ao ver as rúas totalmente baleiras, ponse a buscar vagabundos ou as poucas persoas que non estaban durmindo para atopar posibles sospeitosos. Cando ve a un negro esperando na sala de espera da estación de trens, cre que xa resolveu o asasinato.

Lévano á comisaría, avisan ao novo xefe, rexistran ao negro, e resulta que leva moitos cartos na carteira. Xa o teñen clarísimo. A mágoa é que, ao rexistralo, non viron que tiña unha placa que o identificaba como inspector de policía en Filadelfia, e iso explicaba que levara moitos cartos, porque o seu salario era moi alto. Estaba na estación agardando un tren que o levara a visitar á súa nai. Falan co xefe do policía negro, que incluso lles ofrece os seus servizos, xa que é o mellor policía de homicidios de Filadelfia, aínda que a ningún dos dous policías lles ilusiona nada a proposta. Deste xeito tan potente comeza a película.

A partir deste momento, o policía negro Virgil Tibbs colabora co xefe de policía branco Bill Gillespie. Nun lugar tan racista como este, o novo xefe de policía aínda non se fai respectar de todo, pero ninguén dubida do seu compromiso co supremacismo branco, nin sequera el mesmo. Cando Tibbs comeza a investigar utilizando métodos modernos que xa se usan nas grandes cidades do leste pero non nos palurdos pobos do sur, Gillespie comeza a entendelo e respectalo, pero os demais non.

Ademais do racismo latente que ameaza a Tibbs, tamén hai un magnate local que con prácticas caciquís dominaba o pobo, e que estaba ameazado polos novos proxectos que traía o industrial asasinado, así que nalgún momento pasa a ser o sospeitoso principal. Noutro momento tamén o é o propio policía que arrestou a Tibbs nun primeiro momento, por un turbio movemento de cartos na súa conta corrente. Pero ao final o culpable non ten nada que ver con iso, era unha historia colateral que non se desvela ata o final.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...