luns, 11 de abril de 2022

M.A.S.H.

Hai unhas semanas atacoume a nostalxia. No espazo de cine clásico da 2 botaron a película "M.A.S.H.", que posteriormente deu lugar a unha mítica serie que botaron durante 10 anos da miña infancia. O que eu lembro é a serie, de feito non sabía nin que existía unha película anterior. A película e a serie só compartiron un actor nun papel secundario, creo. Lembro a serie (e a película é igual ou peor) como moi disparatada, o que non casa nada coa súa temática supostamente militar. Polo visto, pretendía transmitir unha mensaxe antibélica, e penso que o conseguiu. Outras fontes tamén din que as productoras lles deixaron facer estas barbaridades porque estaban máis liadas con producións máis importantes e que descoidaron esta, e que o director estaba borracho con frecuencia, e que os actores, que tamén o estaban pero non tanto, intentaron botalo e ao non conseguilo, máis ou menos dirixiron eles a película.

A película foi dirixida en 1970 por Robert Altman. O reparto é moi coral e os principais actores e actrices foron Donald Sutherland, Elliott Gould, Tom Skerritt, Sally Kellerman e Robert Duvall. Gary Burghoff facendo o papel de "Radar" foi o único vínculo que atopei entre a película e a serie. Por certo, MASH son as siglas en inglés de Hospital Quirúrxico Móbil do Exército. Estaba supostamente ambientado na Guerra de Corea, pero a película fíxose cando estaba tendo lugar a Guerra do Vietnam, e suponse que era unha ácida crítica desta.

A historia non é demasiado complexa. Un hospital militar ubicado cerca da fronte na Guerra de Corea arranxa e cura todo o que pode nesa difícil situación. Suponse que pola moita presión á que están expostos, case todos os que están alí están como cabras. Destacan os tres médicos principais, que ademais de operar todo o que lles pasa por diante con bastante solvencia, collen unhas borracheras terribles, están sempre de broma, e de cando en vez xogan ao golf e incluso fan viaxes para xogar ao golf. Está claro que a disciplina militar con eles non se segue con moito rigor.

Pero hai un par de altos cargos no escalafón que tamén están nese campamento que son moito máis estrictos na súa moral e na súa práctica cristiá. E obviamente chocan cos outros. Unha delas é a xefa de enfermeiras, coñecida como "Beizos Quentes" despois dun desafortunado incidente con outro dos militares da súa corda.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...