martes, 29 de decembro de 2020

Faraóns

Como chegaron as vacacións de Nadal, obviamente, hai que dedicase a ler. E hai tempo para libros algo máis densos e complexos que os últimos que lin. Así que me puxen con "Faraóns. Vida, morte e eternidade no Antigo Exipto" do Canal Historia. A primeira vez que lin un libro do Canal Historia tiña un certo recelo, porque non sabía moi ben cal sería o resultado de ler un libro "escrito por un canal de televisión". Pero a cousa funcionou ben, semella que teñen bos escritores ao seu cargo, e xa perdín ese medo. Polo que parece, debín mercar este no 2017 ou 2018, pero como xa dixen hai pouco, o meu principal provedor de libros en castelán, o Círculo de Lectores, pechou hai un ano, así que vou esgotando aos poucos o caudal literario que me chegou por esa banda. Creo que xa só me quedan 8 por aí, pero tranquilos, hai moitos noutros sitios. Aínda me queda moito por ler.

Pois foi un exercicio fantástico, aprendín moito sobre o Antigo Exipto, o libro está moi ben escrito, bastante ben estruturado, e acábase entendendo bastante ben como funcionaba aquela cultura. Podo deixar aquí un feixe de aprendizaxes que antes non tiña tan claros:
- Exipto estaba dividido no Alto Exipto (no interior, ao sur, con capital en Tebas) e o Baixo Exipto (ao norte, pola zona do delta do Nilo, con capital en Menfis)
- A época faraónica, a grandes rasgos, foi dende o 3000 a.C. case ata o cambio de era, ou sexa, uns 3.000 anos, que non é pouco.
- Houbo épocas de máis éxito na gobernanza do imperio, e outras de máis caos. As tres épocas máis exitosas foron o Imperio Antigo, o Imperio Medio e o Imperio Novo. E entre elas foron o Primeiro, Segundo e Terceiro Período Intermedio. Despois deste último xa foi o ocaso do Período Tardío e as Dinastías de orixe grega.
- Como sabemos, a relación dos exipcios coa morte e o Alén era moi profunda, de aí a riqueza das súas tumbas, a momificación, sarcófagos, etc. Houbo épocas, como no Imperio Antigo, onde edificaron grandes pirámides, perfectas ou escalonadas, que todos coñecemos. Noutras épocas posteriores, querían facer algo tamén grandioso, pero decidiron que estiveran bastante máis ocultas, para que non foran doadas de saquear, e de aí saíron zonas fantásticas como o Val dos Reis e o Val das Raíñas, con tumbas excavadas nas montañas.
- Fálase de cousas curiosas como as poucas mulleres que puideron gobernar como faraonas. Os casos máis coñecidos son Hatshepsut, Nefertiti e Cleopatra. Tamén houbo unha dinastía de faraóns libios, e outra de faraóns negros chegador de Nubia, ao sur, o que agora sería Etiopía ou Sudán.
- Tamén se fala de época crítica de Amenhotep IV, tamén chamado Akenatón, que intentou cambiar moitas cousas que se consideraban inmutables. A súa muller foi Nefertiti, que se cre que gobernou despois del con outros nomes, e o seu fillo foi Tutankamón, que non foi un faraón moi lonxevo nin importante, pero por algunha estraña razón, a súa riquísima tumba non foi saqueada e foi descuberta virxinalmente polos exploradores occidentais, o cal o fixo moi famoso.
- Tamén fala dos últimos séculos, con moito peso xa da cultura grega, coa presenza do mesmo Alexandre Magno, e dos descendentes dun dos seus xenerais, Ptolomeo, que deu lugar á última dinastía. E xa nos últimos anos, case no cambio de era, apareceu o Imperio Romano para rachalo todo, e fálase da relación de Cleopatra con Xulio César, primeiro, e con Marco Antonio despois, e os seus respectivos fillos que foron xa os últimos faraóns. Ptolomeo Cesarión, o fillo de Cleopatra e Xulio César, foi o último e rematou o seu reinado no ano 30 a.C.

En definitiva, que o pasei moi ben aprendendo tanto sobre este grandioso imperio coa lectura deste libro.

Saúdos.



Piratas do Caribe: o cofre do home morto

Xa había tempo que tiña ganas de ver completa algunha película da saga de "Piratas do Caribe". Prefería comezar coa primeira, pero non foi posible, aínda que non descarto vela en breve prazo, porque nas cadeas españolas da TDT están proxectando diferentes películas da saga con bastante frecuencia nestes días de Nadal. Tiven que comezar coa segunda, e ese mesmo día, noutra cadea, botaban a quinta. E cónstame que botaron a primeira hai pouco en varias cadeas diferentes. Así que, co índice de repetición de contidos que teñen as cadeas de televisión, creo que non tardarei en vela. Por certo, esta ansia vén de que tiñan pinta de ser películas amenas e divertidas, e despois de ver unha completa, confirmei esa opinión. Esta segunda é do ano 2006, dirixida por Gore Verbinski (creo que o fixo coas tres primeiras), co mesmo produtor e actores de todas, supoño, polo menos os principais.

A trama é un pequeno lío, pero entendo que non é o principal deste tipo de películas. Neste caso, todo xira en que Will e Elisabeth queren casarse, e non foi posible, e mentres, Jack Sparrow ten un problema gordo, porque ten unha débeda pendente con Davy Jones, o xefe dun barco fantasma, chamado o "Holandés Errante" (existe unha famosa lenda mariñeira sobre este tema), que quere levar a Jack e ao seu barco ao fondo do mar. Ou sexa, a típica épica de piratas (os últimos videoxogos aos que xoguei, hai décadas, de "Monkey Island", tamén trataban disto).

Pois nada, pasouse un bo rato, nalgún momento con risas. Hai un momento, na parte inicial da película, na que Jack Sparrow, por unha banda, e o resto da tripulación, pola outra, teñen que liberarse dunha tribo de caníbales en diferentes circunstancias, e a forma de facelo é moi chisposa. Hai que recoñecer que os guionistas foron moi imaxinativos, case circenses.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...