domingo, 24 de xaneiro de 2021

As sandalias do pescador

Xa dixen aquí varias veces que esta estraña época pandémica e de confinamento (en maior ou menor medida) supuxo a miña reconciliación co aparello chamado "televisión", pero non para ver nela os programas creados expresamente para a súa programación, senón produtos audiovisuais, como cine (principalmente), series (pero non co consumo compulsivo de series modernas, como fai case todo o mundo, senón que me bastan capítulos soltos de series antigas que botan nos canais da TDT), e algo de baloncesto. Iso e algún documental de cando en vez conforman o meu consumo actual de TV.

Iso fai que incluso vexa películas en canais fascistoides da televisión española (hai varios, como xa sabedes), que ás veces proxectan cousas ben interesantes, sobre todo de cine clásico. E levado por esa euforia, o outro día vin nun deses canais "As sandalias do pescador", película que me desataba certa curiosidade. Dende logo, unha vez vista, entendo que encaixa á perfección no ideario da cadea televisiva. Non sei se existe un xénero chamado Cine Vaticano, pero se é así, esta película entraría nel, seguro.

Comecemos coa ficha técnica. A película foi dirixida en 1968 por Michael Anderson. O papel protagonista é para Anthony Quinn. Está ben secundado por outros como Laurence Olivier, Vittorio de Sica e John Gielgud, e outros menos coñecidos ou que tiveron fama só durante aqueles anos.

A trama é a seguinte: o réxime soviético libera a un preso que leva 20 anos nun campo de traballo en Siberia. A intención do réxime é que ese preso, que é un sacerdote católico con moito prestixio no país, vaia para o Vaticano en representación dos cristiáns da Unión Soviética.

Chega ao Vaticano, é recibido polo Papa en persoa, que lle outorga un alto cargo que el prefería non aceptar. Pouco despois, o Papa morre sorpresivamente e prodúcese o cónclave para escoller un novo. Foi unha mágoa, porque estaría ben ver nunha película que sucede exactamente nun deses cónclaves, pero como son totalmente secretos e herméticos, non é posible. Só se sabe que se fan varias votacións ao día, pero ninguén consegue gañar a votación claramente. Nun determinado momento, prodúcese nun descanso un intercambio de impresións, no que el é o protagonista, e relata un suceso que lle pasou no campo de traballo de Siberia, e que sorprende moito ao resto de cardenais, que tiñan unha vida moito máis regalada. Na seguinte votación, un dos cardenais máis coñecidos, impresionado pola anécdota anterior, o propón a el como novo Papa. A asemblea é un clamor e el intenta renunciar de novo, pero non o consegue.

A sorpresa mundial é grande cando ven que o novo Papa xa non é italiano, e moito máis alá, é o novo cardenal ruso que leva poucos días no Vaticano. E nese momento, o presidente da Unión Soviética ve nese novo Papa ao posible mediador entre eles e o novo réxime comunista chinés, cuxo conflito pode provocar unha nova e incruenta guerra. A película remata coa expresión en público do novo Papa, que despois dunha reunión cos dous mandatarios, di que a Igrexa se enaxenará de todo o ouro e riquezas que posúe, para axudar a paliar a fame mundial (hai que ser un guionista ou novelista ben fantasioso para crerse iso).

Como trasfondo de todo iso, hai unha subtrama ben curiosa cun teólogo que escribe e intenta publicar libros que amosa unhas teorías relixiosas tremendamente transgresoras e modernas, e obviamente, iso no Vaticano non cae nada ben. O novo Papa faise amigo del, o apreza, e aínda que discrepa das dúas opinións, gustaríalle que o Vaticano permitira a publicación dos seus libros, pero iso non sucede, obviamente. Ademais, ten certos problemas de saúde que non se preocupa de coidar, e ese teólogo, que é bastante novo, morre en mans do mesmo Papa durante unha conversa.

En definitiva, a película está ben feita e vese con agrado, pero é certo que xa pisa claramente en terreo papal, relixioso e teolóxico. As persoas interesadas nesas temáticas deben gozala ao máximo, pero como non é tanto o meu caso, recoñecendo a boa feitura, amoso a miña certa indiferenza pola trama.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...