Como xa comentei aquí hai pouco, recén falecido Robert Redford, tiña ganas de ver algunha das súas películas dos 70 que aínda non vira. Non puido ser co "Gran Gatsby", "Todos os homes do presidente" e "Os tres días do cóndor", así que tiven que conformarme con "O candidato", que non me atraía tanto, que lle imos facer.
"O candidato" foi dirixida en 1972 por Michael Ritchie. No elenco poderíamos destacar a Robert Redford, Peter Boyle, o veterano Melvyn Douglas, Don Porter, Allen Garfield e Karen Carlson.
A historia trata de Billy McKay, un avogado laboralista progresista de California, en quen se fixa un asesor do Partido Demócrata, para intentar enfrontarse a un gobernador republicano que xa leva moito tempo no cargo e que semella estar moi asentado no mesmo. Semella un experimento no que se desinhiben, sobre todo o candidato, porque como xa dan por perdidas as eleccións, queren probar novas formas de conseguir votos. A película non ten moita máis historia, remata coa inesperada victoria do xoven demócrata e a súa incómoda pregunta posterior: "e agora que?".
Confirma algo do que xa estaba convencido: algunha xente está fascinada pola maquinaria electoral estadounidense, pero a min paréceme un auténtico circo, como case todo o que sae dese país.
Saúdos.