Nesta última fin de semana de agosto tivo lugar a tradicional Romería de Santa Margarita, que pecha as coruñesas festas do verán. Nesta ocasión o tempo foi mellor que na edición anterior, no que houbo que suspender algunhas das actuacións por unha climatoloxía bastante adversa.
Nesta ocasión puiden ir a ver poucos concertos, pero vou dicir todos os que houbo, dentro das partes da festa que a min me interesaban, claro:
- O máis singular foron as dúas actuacións de Pärbo (Begoña Riobó e Anxo Pintos) no Planetario da Casa das Ciencias. O resto foron no Auditorio, como habitualmente.
- O venres 28 houbo a habitual Festa do Folklore, coas actuación de Donaire, Aturuxo, Son D'Aquí, Xacarandaina e Cántigas da Terra.
- O sábado 29 tocaron Unto Vello, Os Viqueiras e Alana.
- O domingo 30 tocaron os irlandeses Dervish, as asturianas Herbamora e o galego Mondra. Este foi o único día que puiden ir, e vin os dous primeiros concertos.
Dervish debe ser un dos grupos máis veteranos que quedan na escena folk. En Galicia son máis veteranos Milladoiro e Luar na Lubre, pero nos outros países celtas non sei se quedará alguén que leve máis tempo, se cadra Capercaillie. Comezaron en 1989 e incluso participaron no ano 2007 en Eurovisión representando en Irlanda, aínda que quedaron en última posición. Deume por escoitar esa canción (que non tocan nos seus directos, non me estraña) e non representa apenas o seu estilo, e ademais pareceume bastante mediocre. Cousas que pasan. Están ben, pero resúltanme un pouco monótonos. Destaca a voz de Cathy Jordan, pero canta só en 3-4 cancións. Xa todos os compoñentes andan sobre os 60 anos, agás o guitarrista, que semella bastante máis novo.
Herbamora é un grupo de cantareiras e pandereteiras asturianas, que nalgunhas cancións déixanse acompañar por un percusionista, un bouzouki e un acordeón, e tamén levan algúns sons pregravados. Como sempre resulta con este tipo de grupos, é moi agradable de ver e de oír. Levan xa uns 20 anos tocando e xa sacaron 3 discos.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario