Un ano destes, na feira Viñetas dende o Atlántico, atopeime atendendo un dos postos a un ex-alumno co que me levaba moi ben. A verdade é que non lembro exactamente a quen pertencía aquel "stand", pero si sei que un dos produtos que vendía (porque me autoimpuxen a obriga de mercarlle algo) eran cómics da colección ClasiComix, ou sexa, a colección Clásicos Revisitados.En canto vin que tiñan unha versión de "A illa do tesouro", o clásico de Robert Louis Stevenson, debuxado por un tal André Valente, que é un autor brasileiro que reside en Francia, decidinme por el. Lin a magnífica novela orixinal hai uns corenta anos e sempre me fascinou. Hai algunhas persoas que din que é a mellor novela da historia, eu non chego a tanto pero ando cerca desa opinión.
O único que vou comentar aquí desta coñecidísima historia son varios detalles que me chamaron a atención. O primeiro, cerca do comezo aparece a única figura feminina da historia, e o seu debuxo vaise "borrando" aos poucos. Nun determinado intre, o debuxante recoñece que lle doe que a única personaxe feminina da historia desaparecese por completo, cando parece que tiña bastante forza.
No tramo central, cando van chegando á illa onde supostamente se atopa o tesouro, a folla divídese verticalmente en dúas metades, e vai contando simultaneamente o que vai pasando nos dous bandos, o dos piratas e o dos "bos". Creativa e innovador solución. Por outra parte, teño a sensación de que na parte final simplificaron moito a historia, que daba algo máis de sí.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario