domingo, 7 de xaneiro de 2024

O último día na Terra

Onte estiven vendo en Rakuten unha curiosa película francesa de ciencia-ficción. Recoñezo que un dos factores que me fixeron decidirme por ela era a súa escasa duración (non chega a hora e media), xa que non dispoñía de moito tempo. Iso e que era bastante pretenciosa (creo) fai que quedara a medio camiño de moitas cousas, amosaba detalles moi interesantes, pero despois apenas culminaba nada.

"O último día na Terra" (orixinalmente "A última viaxe de Paul W.R.") foi dirixida en 2020 por Romain Quirot. A industria cinematográfica francesa é moi potente pero eu apenas a coñezo, por iso só me soaba Jean Reno do elenco, que facía un papel secundario pero bastante relevante. O papel principal era para Hugo Becker, e tamén tiña moita presenza Lya Oussadit-Lessert e Paul Hamy.

A historia é algo confusa. Hai un satélite chamado a Lúa Vermella que está moi cerca xa de Terra e ameaza con acabar coa vida no planeta en cuestión de horas ou días. E hai unha familia na que o pai é un destacado científico, que intentou conseguir minerais nese satélite, e que agora pensa que hai que destruílo para que prosiga a vida na Terra. 

Ese científico ten dous filllos, Elliot e Paul, que son astronautas, e polo visto, son os únicos con coñecementos suficientes para pilotar unha nave espacial cargada con bombas nucleares e destruír o satélite. Todo o mundo pensaba que o faría Paul, pero está desaparecido dende hai uns días, cando ía partir nesa misión, así que vai Elliott no seu lugar, pero polo visto non é tan hábil, fracasa, e supostamente morre na misión, pero dalgún xeito resucita, e semella ter agora cualidades persoais que antes non tiña.

Pois a película trata diso. Centrada en Paul, intenta saber por que desapareceu e non quere ir a esa misión, cando supostamente é o mellor dotado para levala adiante. Pero resulta que estivo investigando e chegou á conclusión de que a Lúa Vermella non é agresiva, e que non pretende chocar contra a Terra, como así se demostra ao final. Está intentando fuxir, faino axudado por unha rapaza espilida e perseguido polo seu irmán resucitado e por uns estraños personaxes con pinta de alieníxenas que parecen ter sometido o planeta.

Pero non vos podo contar moito máis, porque en 80 minutos non dá tempo a moitas máis cousas, e moitas quedan sen explicar na película.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...