domingo, 28 de decembro de 2025

Anxo

Onte lembrei que tiña moitas ganas de ver máis películas dirixidas por Ernst Lubitsch e con guión de Samson Raphaelson. A máis doada de atopar e que non vira nunca foi esta "Angel", así que probei. Parece que está considerada unha película menor na súa filmografía, e efectivamente así me parece, pero ten uns cantos toques tan propios deste tándem que a fan diferente.

"Angel" foi dirixida por Ernst Lubitsch e guionizada por Samson Raphaelson en 1937. O trío protagonista está formado por Marlene Dietrich, Melvyn Douglas e Herbert Marshall, o resto son secundarios con pouco peso e presenza.

A trama non é demasiado complexa, é un triángulo amoroso formado por unha muller, o seu aburrido marido diplomático e un vividor que coñece á muller casualmente en París. O encontro entre a muller e o amante xa é curiosa, nunha especie de "casa de citas" de alto nivel rexentanda por unha suposta duquesa rusa. Coñécense por un equívoco pero quedan prendados un do outro inmediatamente. Pasan unha noite marabillosa, pero todo debe rematar porque ela sabe que aquilo non podo durar.

Co seu marido atópase a gusto, e el non é mal tipo, todo o contrario, pero é un tipo aburrido e ten unha vida moi ocupada porque é un diplomático inglés imprescindible para que os países europeos non entren en guerra entre sí, así que non pode atendela demasiado.

Casualmente o marido e o amante xa se coñecían de hai moitos anos atrás na India, pero non o lembraban, e moito menos poden intuír que hai unha muller no medio que os une e á que aman os dous. Despois do reencontro dos dous militares ingleses, o amante vai á casa do marido para visitalo. E cando están alí, tanto o amante como a muller, antes de atoparse, saben o que vai suceder, e conseguen sobrelevar a tensa situación sen maior problema.

Finalmente prodúcese un segundo encontro, de novo en París, no que a muller ten que decidir con cal dos dous homes se vai, e seguramente xa supoñedes que decisión toma, se temos en conta que a película é de finais dos anos 30 e o puritanismo anglosaxón se notaba en moitas cousas, como o cine.

No cine coñécese como o "toque Lubitsch" a esas escenas nas que o público sabe que está pasando algo concreto aínda que na imaxe non se ve. Nesta película hai varias situacións desas, moi simpáticas. Por exemplo, unha florista lle vende un ramo de violeta ao amante a noite na que se coñecen en París, e sabemos que Angel xa marchou só polos movementos da florista e dos berros do amante, pero a cámara nunca deixa de mirar para a florista. E no momento de máxima tensión na casa, cando xa están xuntos os tres, os camareiros deducen o que pode estar pasando en función dos restos de comida que chegan en cada un dos tres pratos. Maxistral.

Saúdos.



Crisálida

Onte fun ver ao Teatro Rosalía unha obra á que lle tiña certas ganas. Titúlase "Crisálida" e foi posta en escea por Caramuxo Teatro, compañía coruñesa que se dedica normalmente ao teatro infantil, pero que ás veces fai obras tamén para público máis adulto, como pode ser esta. De feito, a media de idade onte era máis ben elevada, como pasa habitualmente co púbico teatral (polo menos na Coruña).

É unha obra breve, muda, de máscaras e algún monicreque, que fala sobre a histórica mercería coruñesa "A Crisálida", que agora está en San Andrés, e que antes estaba na mesma rúa, ou bastante cerca. Eu nunca entrei alí, pasei algunha vez por diante e flipei bastante, e teño entendido que as persoas que a rexentaban (creo que eran dous irmáns, Fernando e Nieves) eran algo peculiares. E foi moi soado que, cando tiveron que pechar por xubilación, colleu a mercería un rapaz novo que está marcando tendencia. Diso trata a obra.

Os catro intérpretes son Josito Porto, Laura Sarasola e Juan Rodríguez (os dous fundadores de Caramuxo) e Anahí Taraburelli. Eu xuraría que levan xa varios anos de xira con ela. Pero ao final da obra dirixíronse ao público, e daba a impresión de que era a primeira vez que a representaban na cidade, ou polo menos nese teatro.

Saúdos.



Cañas e barro

Estoume aficionando a isto de ver series españolas de RTVE Play baseadas en grandes obras literarias, que se fixeron principalmente en torno aos anos 80. Hai uns días vin "Fortunata e Jacinta", e agora animeime con "Cañas e barro". Tamén debo recoñecer que me animo porque estou nas vacacións de Nadal e estas series duran poucas horas. Desta concretamente o único que lembraba era que andaban sempre en barcas na Albufera e a traumática morte dun bebé, afogado na marisma. Está ambientada na Albufera nos últimos anos do século XIX. A obra orixinal é de Vicente Blasco Ibáñez, que a publicou pouco despois, en 1902.

"Cañas e barro" foi dirixida en 1978 por Rafael Moreno Marchent (polo visto tamén foi o creador de "Curro Jiménez"). No elenco podemos destacar aos seguintes intépretes: Alfredo Mayo, Manuel Tejada, Luis Suárez (apuntaba alto, pero morreu uns anos despois, sendo aínda novo), José Bódalo, Victoria Vera, Ana Marzoa, María Jesús Lara, Carlos Romero Marchent, Terele Pávez e Armando Calvo.

A historia fala basicamente do clan dos Paloma na aldea do Palmar, que está á beira da Albufera valenciá. Para os que non o saiban, a Albufera é unha lagoa litoral de pouca profundidade (sobre 1 metro de auga) e bastante fértil. Os Paloma, que se chaman sempre Antonio Sirvent e só se diferenzan no segundo apelido, sempre foron pescadores na Albufera e están considerados os mellores barqueiros do lago.

Pero o maior do clan que segue vivo, coñecido como o "Tío Paloma", segue aferrado ao seu labor de pescador, pero a Albufera cada vez dá menos peixe e non resulta doado vivir só diso. O seu fillo Tono ve como novos labradores están plantando arroz nas terras cercanas á lagoa e gañan moitos cartos e viven mellor. Así que fai algo que o pai case non lle perdoa (aínda que seguen vivindo na mesma casa, unha das míticas "barracas" do Palmar, pero non se falan): convértese en labrador. Merca unhas terras e, por se non fora pouco, pasa anos enchendo con terra as augas colindantes da Albufera, para aumentar o seu terreo.

Ten un fillo coa súa muller Rosa, sempre algo delicada de saúde, que morre cando o neno aínda é novo, ten uns doce anos Tonet. Pero xa dende o comezo vese que o rapaz non ten a rigorosa ética de traballo dos seus antecesores, que é un vago e que lle vai moito a xolda. Pasa todo o día con Neleta, unha veciña moi guapiña coa que se leva moi ben, e con Sangonereta, o fillo de Sangonera, o borracho oficial da aldea.

O outro personaxe principal da trama é Cañamel, o tipo máis rico da aldea, que ten a taberna, e que é o que manexa máis cartos na zona, así que todos os negocios pasan polas súas mans. El xa é maior e está casado cunha muller que xa está nas últimas, e na taberna traballa a súa cuñada a Samaruca, que parece bastante mal bicho, e que está disposta a facer o que sexa para seguir traballando na taberna, incluso cando a súa irmá morre.

Pasan os anos, todos van crecendo, e cando morre a muller de Cañamel, Neleta xa é unha rapaza, moi pícara e atractiva. A Cañamel fáltalle tempo para casar con ela, e a ela fáltalle tempo para aceptalo para saír da pobreza. E todo iso sucede cando Tonet está loitando na Guerra de Cuba. Cando está alá, a súa familia está moi preocupada por saber da súa saúde, pero finalmente volve perfectamente, e convértese na atracción da aldea, porque segue sendo o máis seductor e o máis xoldista, como antes.

Cando Tonet era novo, a súa familia acolleu a unha rapaza da inclusa de Valencia, chamada Borda, que non era moi agraciada, pero sei moi traballadora e cariñosa. Pasados os anos, é a única fiel ao seu "pai" Tono, e a única que lle axuda na súa eterna loita de converter en terras as augas da Albufera, ata que ao final o conseguen, pero incluso a vida de Borda corre perigo por algúns buratos que se forman na terra e que ameazan con tragala nun determinado intre.

Ao final morre Cañamel e deixa un testamento no que todo é para Neleta, agás que volva casar ou ter fillos. Volven os encontros furtivos de Neleta e Tonet, e ela queda embarazada, pero non quere saber nada do seu fillo, porque perdería a herdanza, así que lle pide a Tonet que se desfaga do bebé, e el afógao na marisma, estando a piques de ser descuberto. Uns días máis tarde acompaña ao seu avó e un cazador rico que vai pola marisma, e atopan o cadáver do bebé, e Tonet decide suicidarse. Aínda que o avó non estaba de acordo, Tono e Borda (que sempre estivo namorada de Tonet en secreto) entérrano nas terras ganadas á Albufera. Ou sexa, Dramón.

Saúdos.



Xoana de Vega: a muller que desafiou o seu tempo

Acabo de ler este interesante libriño (ten pouco máis de 100 páxinas, e de formato pequeno, podería lerse en pouco máis de 1 hora) sobre a f...