sábado, 25 de febreiro de 2023

Rastreros de Chantada

Despois de varios anos sen pisar a sala, debido á pandemia, por fin volvín á Mardi Gras. E fíxeno porque viña un grupo que me suscitaba certa curiosidade: os Rastreros de Chantada. Unha das figuras do rock bravú, o grupo naceu, polo visto, a finais dos anos 80 coa fusión de varios grupos da vila e comarca. De feito, na formación actual, na que só están un par dos integrantes orixinais (voz e gaita, creo), precisamente os máis novos levaban unha camiseta que poñía que era a xira do 33 aniversario.

Sacaron unha maqueta de pouca calidade a comezos dos 90 e o seu único disco de longa duración foi "A piñón fixo, a golpe de pixo" no ano 96. Alí están as míticas "Tratorada", "O sancristán de Basán" (que saíu no Xabarín) e "Vida de Xan". Despois sacaron algún single solto. 

Así que se deu a situación ideal para min. Non tocaron cancións do seu último e recente disco, basicamente porque non o hai, e si tocaron as súas cancións clásicas, basicamente porque non teñen outras. Como teloneiros tocaron unha banda de Coruña que facía algo así como rock duro, con nome en inglés e que cantaban en inglés. Recoñezo que xa non lembro nada deles, así que....

Saúdos.



Último verán en Santa Cristina

Hai xa unhas semanas volveu visitarnos a compañía galega Teatro do Noroeste, que nos ten dado grandes alegrías nos últimos anos con algunha das súas obras. Neste caso presentaban "Último verán en Santa Cristina" no Teatro Rosalía de Castro. A obra e a dirección son de Eduardo Alonso. No elenco están Xavier Estévez, Maxo Barjas, Miguel Pernas, Manuela Varela e Luma Gómez. 

Na historia hai unha especie de flash-backs protagonizados polo actor Xavier Estévez, facendo de adulto que lembra a súa infancia, cando tiña 12 anos, que foi cando se produciu un evento importante, e que provocou ese último verán ao que fai referencia o título. En bastantes esceas vese como, en segundos, o actor representa os dous papeis, os de adulto e os de neno.

Naquela época da súa infancia, aínda no franquismo, parece que tiñan casa en Santa Cristina e na súa veciña cidade da Coruña. A súa familia era o seu pai, un militar franquista, e a súa nai, moi cariñosa, pero que lle tiña moito medo aos treboadas, e cando viña unha, sempre quería volver á Coruña. Esta anécdota parece unha chorrada, pero é o que provoca indirectamente o suceso esencial da obra. Franco aínda viña á Coruña nos veráns e tamén ao Pazo de Meirás, en Sada, e iso afectaba ao seu pai, obviamente.

O que se descubre na obra é que a nai aínda mantiña unha relación cun antigo amigo da xuventude que se converteu en guerrilleiro antifranquista. E debido a unha desas treboadas e a un malentendido na entrega das cartas de amor entre o guerrilleiro e a nai, que xa non está na casa, o pai é sabedor da relación e mata ao guerrilleiro. Iso provoca a crise na nai e xa nunca volven á súa casa de Santa Cristina.

Saúdos.



Carros de lume

Hai xa unhas cantas semanas, no espazo de cine clásico da 2, dos luns pola noite, botaron a película "Carros de lume" (en Hispanoamérica traducido como "carrozas", e é certo que a tradución máis fiel podería ser "carrozas"). Lembro que a vira co meu irmán no seu momento e que nos gustara moito (levou o Óscar a mellor película daquel ano, así que debeu pasarlle a moita xente). O que máis me flipou neste segundo visionado, 40 anos despois, é que o nome dun dos personaxes principais aínda o lembraba perfectamente. Creo que está baseada en personaxes reais, pero diso falarei máis abaixo.

A película foi dirixida por Hugh Hudson no ano 1981. E o produtor foi David Puttnam, que naqueles anos tivo uns cantos éxitos nese labor, como "A misión" ou "Os berros do silencio". Os dous papeis principais son para os dous atletas británicos que teñen máis presenza na historia: Harold Abrahams (interpretado por Ben Cross) e Eric Liddell (interpretado por Ian Charleson). Nos dous casos seguramente foi o papel da súa vida, cando eran aínda bastante novos. Despois hai moitos secundarios ilustres, como Ian Holm, John Gielgud, Lindsay Anderson, Nigel Havers, Patrick Magee ou Brad Davis (facendo dun dos atletas estadounidenses). É unha película netamente británica, pero diso tamén falarei despois.

A película non ten moita ciencia, pero resulta bastante épica, sobre todo coa magnífica banda sonora de Vangelis (por certo, faleceu hai pouco, igual que Hugh Hudson, o director da película). Basicamente consiste na preparación dos velocistas británicos para os Xogos Olímpicos de París 1924, onde ían ter como rivais sobre todo aos mellores velocistas estadounidenses. Abrahams é de orixe xudea e cústalle moito introducirse na élite da sociedade británica e só o consegueu a través dos seus éxitos deportivos (que tampouco foron demasiados porque tivo que retirarse axiña por unha lesión nun pé). Liddell era de familia escocesa pero os seus pais eran misioneiros evanxélicos na China, igual que despois o foi el, e el naceu xa na China. Pero representou ao Reino Unido naqueles Xogos Olímpicos. Tamén era un talentoso xogador de rugbi, moi querido por todos.

A principal "intriga" da película xorde cando Liddell é informado, poucos días antes da proba, de que as eliminatorias de 100 metros lisos, especialidade na que destacaba, van ser en domingo. O seu "fanatismo" relixioso impídelle correr nese día da semana, e decide desistir. Hai unha crise institucional no Comité Olímpico, e incluso participa como mediador o Príncipe de Gales, que asiste aos Xogos, e consegue convencer a Liddell para que represente ao seu país en 200 e 400 metros lisos, aínda que nesas probas non destacaba tanto. Abrahams acaba gañando a proba de 100 metros e Liddell sorpresivamente a de 400, co seu estraño de estilo de cabeza botada para atrás (pouco aerodinámico, na miña humilde opinión). Por comentar algo máis de Abrahams, hai algo de polémica porque tiña un adestrador profesional (o que estaba mal visto ou incluso prohibido na Universidade de Cambridge, que é onde adestraban) que era moi esixente.

Vou rematar coa miña valoración da película, que dá bastante de si. Cando vin a película no seu momento eu tiña uns 10 anos e debía ser facilmente impresionable. Pero agora xa entendo mellor algunhas cousas e hai algunhas que me "chirrían" bastante nesta película. Dicía antes que era netamente BRITÁNICA, e seguramente pode notarse en que o Reino Unido nunca foi unha potencia en velocistas. Se cadra quixeron sacar músculo neses Xogos Olímpicos en que sacaron uns grandes resultados. Os estadounidenses si son fortes en velocistas, pero negros, porén as dúas figuras que aparecen (unha delas interpretada por Brad Davis) son brancas. De feito, nas probas de velocidade que se amosan na película case non sae ningún velocista negro. É probable que naquel momento histórico fora así na realidade, non o discuto, pero soa algo raro, dende logo. Acabo de mirar na Wikipedia e parece que a realidade era así, case non había atletas nin países con poboación negra, e apenas había mulleres tampouco.

E o outro detalle que non me gustou vai na mesma liña. Vense atletas, figuras, e bandeiras no desfile inaugural principalmente dos países anglófonos, e pode que tamén de Francia, basicamente porque os Xogos eran en París. Creo que só vin un breve plano no que se veían, ao remate do desfile inaugural, as bandeiras de varios países fóra desa órbita, creo que Xapón e algún máis. Descoñezo por completo como eran aqueles Xogos Olímpicos daquela primeira era (comezaron en Atenas en 1896). Acabo de mirar na Wikipedia e participaron delegacións de case 50 países, pero na película non aparecían por ningures.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...