venres, 7 de agosto de 2026

Espero chegar en breve

Aquí hai unhas cantas cousas que contar. Hai un par de anos foi a primeira edición do festival "Viñetas dende o Atlántico" que non foi dirixida por Miguelanxo Prado. A persoa encargada de coller o relevo foi o coruñés Manel Cráneo, persoa moi activa e con moita iniciativa. Como era previsible, comezou a súa dirección engadindo algunhas cousas que non se fixeran ata aquel momento.

Unha delas foi traer a autores portugueses, e máis concretamente a Chili com Carne, unha coñecida asociación portuguesa que se dedica é edición e promoción de fanzines e de publicacións underground nese país. Polo que parece, a súa sede central está en Cascais, preto de Lisboa. Entre outras cousas, puxeron un "stand" na feira" e fixeron unha exposición no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.

Nunca lin un cómic en portugués, pero supoñía que me resultaría factible, así que fun ao seu posto para ver que material tiñan á venda. Como a oferta era moi variada, non sabía eu por que decidirme, así que lle dixen á persoa que alí atendía unha información que podía valerlle de algo para comezar a negociación. Díxenlle que me gustaba bastante a ciencia-ficción. Cousa que é certa, pero que podería facer pensar que teño unha obsesión con ese xénero, e non é certo, pero sempre é un comezo para desencallar ese tipo de situacións.

En canto dixen iso, a súa mirada foi para "Espero chegar em breve", un pequeno cómic no que o autor Nunsky facía unha versión gráfica do relato do mesmo nome escrito en 1980 polo mítico autor Philip K. Dick, un dos máis prestixiosos dentro dese xénero. Ese volume forma parte dunha colección chamada Mesinha de Cabeceira, asociada a un fanzine do mesmo título.

A verdade é que hai non poucos relatos e novelas escritos por Dick que foron levados á gran pantalla, o máis coñecido deles é "Blade runner". Pero tamén é certo que foi moi prolífico e escribiu moitas obras, un total de 36 novelas e 121 relatos. 

Polo que parece, a saúde mental do tipo foi algo feble en bastantes momentos da súa vida. Se cadra de aí sae a temática das súas obras, moi centradas en personaxes atormentados e paranoicos, sempre dubidando de cuestións como a identidade. Por se non chegara con iso, xuraría que algunha vez lin que el opinaba que a súa mellor obra era unha titulada "Confesións dun artista de merda", que era a única que non era de ciencia-ficción. Síntoo moito, pero vendo a cantidade de obras súas que si son de ciencia-ficción e que gustan tanto a tanta xente, non lle vou facer demasiado caso.

Neste relato en cuestión, un astronauta chamado Víctor Kemmings vai crioxenizado nunha nave espacial que ten que facer unha viaxe duns dez anos. Pero nada máis saír, a intelixencia da nave dáse de conta de que el só (vai con moitos máis tripulantes, pero aos outros non lles pasa o mesmo) leva a mente consciente. Polo tanto, a nave vai extraendo recordos da súa mente para propoñerlle situacións na que el poida interactuar durante todo ese tempo, xa que na nave non hai aire nin ninguén con quen falar. Ou sexa, tremenda paranoia.

Saúdos.





Ningún comentario:

Publicar un comentario

Espero chegar en breve

Aquí hai unhas cantas cousas que contar. Hai un par de anos foi a primeira edición do festival "Viñetas dende o Atlántico" que non...