Vou aquí comentar agora a última novela que lin, que apuntaba moi boas maneiras, pero que ao final desínflase debido a unha decisión tomada polo propio autor. Falamos de "As almas mortas" de Nikolai Gogol, a súa única novela, xa que el habitualmente escribía obras nas que agrupaba varios contos ou relatos. Polo que parece, por algunha razón que se descoñece, o autor queimou a segunda parte antes de publicala, e foi publicada póstumamente a partir de diferentes versións que tiñan os editores. Parece que pretendía facer unha obra en tres partes, ao xeito da "Divina Comedia" de Dante, pero a única que se conserva completa é a primeira. Na segunda hai varios fragmentos, pero incluso deses, faltan algunhas páxinas polo medio, polo tanto, a lectura desta segunda parte resulta moi confusa, porque ao final non sabes demasiado ben que é todo o que lle pasa ao fascinante personaxe que se presentaba na primeira parte.
Todo xira arredor da figura de Pável Ivánovich Chíchikov, que vai acompañado do seu criado Petrushka e do seu cocheiro Selifán. Parece que son de Ucraína pero desprazáronse a outra provincia rusa para un estraño propósito.
Naquela época, mediados do século XIX, co imperios ruso dos tsares, os terratenentes eran propietarios de terras e casas, pero tamén das vidas dos seus súbditos, todo tipos de campesiños e persoas de todo tipo de oficios, que vivían nas súas aldeas e traballaban para eles. Así que podían mercalos, vendelos ou hipotecalos como farían con calquera outro tipo de ben.
O imperio facía cada certo tempo un censo de toda esa poboación, e os terratenentes tiñan que pagar impostos polos seus súbditos. Sabendo isto, o plan de Chíchikov era pasearse por esa provincia, na que era totalmente descoñecido pero chegou facéndose ver para gañar prestixio axiña, e mercarlle a todos os terranentes posibles as súas "almas mortas". Quen eran as almas mortas? Pois todos os campesiños ou súbditos que morreran dende o último censo. Obviamente, o prezo que pagaba por elas era moi baixo ou inexistente, pero os anteriores propietarios deixaban de pagar impostos por eles, así que os beneficiaba.
As reaccións eran variadas, algúns vendían encantados, outros regalaban, pero outros desconfiaban, porque obviamente a cousa semellaba bastante turbia. De feito, Chíchikov, antes de facer a proposta, facía certa amizade co posible vendedor para ver se tiña sentido intentar facer un negocio dese tipo con esa persoa. Nalgún caso xa o descartaba antes de intentalo.
Seguramente vos estaredes preguntando para que facía iso tan estraño. A súa idea era volver á súa terra ou a algún sitio moi lonxano, onde non puideran coñecer ás almas mortas mercadas dese xeito (nalgún momento menciona a provincia de Khersón, agora célebre porque é unha das zonas máis importantes de Ucraína), que o Estado lle asignara terras debido a que era propietario de moitas "almas" (o Estado nunca sabería que esas persoas realmente xa estaban mortas) e tamén tivera acceso a un bos préstamos do Estado, para poñer a súa terra en marcha. Ao final ten que escapar por pernas da provincia que estaba visitando, porque comeza a xurdir o escándalo das "almas mortas", que algúns cren ilegal.
A segunda parte xa é moito máis confusa (que mágoa, co que prometía a primeira), xa que, como dixen antes, foi queimada polo propio autor por cuestións artísticas, suponse, e púidose só reconstruír en parte. Por momentos semella que o personaxe quere redimirse para convertirse nun bo cidadán ao instalarse na súa nova propiedade (a súa biografía antes de comezar a facer estas cousas tan raras tamén era algo vergoñenta), pero tampouco queda claro que sexa así, xa que volve ter problemas coa xustiza.
En calquera caso, tamén hai que ter en conta como era o autor. Era moi célebre no seu país, pero era tremendamente crítico coa sociedade rusa, e naquela época había censura. Tal como a define Gógol nesta novela, a sociedade era tremendamente corrupta, especialmente na administración pública. Debido a algunha das súas obras, tivo que exiliarse a Italia durante uns cantos anos. Na parte final da súa vida escribiu, entre outras, a segunda parte desta obra, pero queimouna poucos días antes de morrer, xa que estaba moi influído pola relixión ortodoxa.
Por certo, eu lin unha versión traducida ao galego por Lourenzo Maroño Buxán e publicada por Galaxia.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario