domingo, 26 de marzo de 2023

Ruído. Relatos de guerra

O meu admirado xornalista Miguelanxo Murado escribiu un breve libro de relatos sobre a guerra iugoslava que tivo lugar na primeira metade dos 90. Titulouse "Ruído. Relatos de guerra" e é o volume número 95 da moi comentada aquí Biblioteca Galega 120 que a Voz de Galicia publicou no ano 2002 e que conseguiu meter algún dos seus volumes en todas as casas galegas. Eses volumes tamén están en todas as tendas de libros vellos e de segunda man. Dende logo, non se pode negar que a difusión foi poderosa.

Son uns doce ou trece relatos. Como sempre neste caso, desiguais, uns mellores ca outros. Teñen a particularidade de que comezan cun breve texto (unha páxina ou menos) que contextualiza a historia que van contar despois. Algúns deses textos iniciais son moi desacougantes, sobre todo os primeiros, que falan sobre as minas antipersoas e sobre os francotiradores. Resulta terrible ler unha suposta conversa cun francotirador que explica a súa técnica sobre a orde na hai que disparar a un grupo de tres persoas que van pola rúa, para poder matar ás tres sen fallo.

Saúdos.



Maior Dundee

Creo que en moitos canais españois da TDT botan esta película con certa frecuencia. Por esa razón e porque tiña certa boa fama, tiña ganas de vela e hai pouco apareceu a oportunidade. Máis ou menos vese pero destacan moitos clichés estadounidenses, aparte do feito do salvaxismo de Sam Peckimpah e como lle afectaba o alcoholismo á hora de rodar.

Foi dirixida en 1965 por Sam Peckimpah e os principais papeis foron para Charlton Heston, Richard Harris (magnífico actor irlandés que na miña opinión se come a Heston con patacas), James Coburn e Jim Hutton, nun elenco moi amplo. Polo visto, houbo moitos problemas de produción, pero iso era relativamente habitual cando nas películas se cruzaban determinadas persoas, como este director.

Un apache chamado Sierra Charriba está atacando os fortes da fronteira con México e na última incursión incluso secuestra a tres dos nenos. O Maior Dundee quere formar un grupo para perseguir aos apaches, pero non o ten nada doado. Entre outras cousas, porque o forte no que está, medio perdido, é tamén en parte unha prisión para soldados sureños porque aínda está tendo lugar a guerra civil.

Consegue formar un pelotón totalmente destartalado con soldados do Norte, soldados do Sur, negros que son totalmente desprezados polos soldados do Sur, algúns indios que colaboran con eles pero dos que non se fían demasiado. Ou sexa, todo un caos. Ademais, os apaches métense en México onde hai tropas francesas, así que a historia aínda se lía máis.

Saen detrás dos apaches, e despois da primeira escaramuza, e case sen facer esforzo, recuperan aos tres nenos secuestrados. Aínda que xa está conseguinda a principal recompensa que os movía, pero a pesar de todo, seguen detras dos apaches. Os sureños, dirixidos por un capitán totalmente respectado e moi leal con Dundee, son bastante liantes e teñen problemas con todo o mundo, pero van colaborando.

En definitiva, acaban entrando en México, teñen enfrontamentos cos franceses, tamén cos apaches e acaban matando a Sierra. Unha vez feito iso, volven cruzar o río para entrar de novo no territorio dos Estados Unidos, con todos os obxectivos bélicos conseguidos, como sempre.

Saúdos.


Sen perdón

Eu xuraría que vin esta película no seu momento, porque tivo bastante fama. Pero despois de vela de novo, recoñezo que non lembraba absolutamente nada. Hai 30 anos xa case ninguén facía películas do Oeste, e Clint Eastwood decidiu facer unha que se saía do normal nuns cantos aspectos, e que máis ou menos resultaba agradable de ver. Por certo, en Hispanoamérica titulárona "Os imperdonables", que tampouco é unha barbaridade. Por certo, debe ser unha das películas do Oeste na que máis se ve chover.

Foi dirixida en 1992 por Clint Eastwood, e os principais papeis foron para Clint Eastwood, Gene Hackman, Morgan Freeman, Jaimz Woolvett, Richard Harris, Saul Rubinek, Frances Fisher e Anna Levine.

Dous rapaces van a un salón para divertirse cunhas prostitutas. Unha delas rise do tamaño do membro dun dos rapaces, e comeza a agredila e faille uns cortes na cara. As outras prostitutas e o propietario do salón conseguen parar a agresión e avisan ao sheriff, que é bastante salvaxe. Finalmente este decide que o castigo é simplemente que os rapaces traian uns cabalos de regalo para o propietario do salón. Obviamente, as prostitutas seguen indignadas e reúnen 1000 dólares de recompensa, e fan correr a voz da mesma, para que os interesados veñan aplicar a súa venganza sobre os dous rapaces.

Entérase un rapaz que presume de ser pistoleiro, chamado Kid, e que ademais é bastante curto de vista, que se anima a intentalo. Pasa pola granxa dun tal William Munny, que foi un temible pistoleiro hai tempo, pero que xa está retirado. Inicialmente rexeita a idea totalmente, porque xa se rexenerou, pero a granxa vai mal, a súa muller morreu hai uns anos e os cartos viríanlle moi ben. Vai consultar co seu amigo Ned Logan, o seu compañeiro de correrías na xuventude, que tamén está retirado xa, que lle acompaña por amizade.

Chegan á vila do suceso, chamada Big Whiskey, onde o salvaxe alcalde prohibe que se entre con armas. A chuviosa noite na que chegan danlle unha paliza ao griposo Munny, mentres Kid e Logan están coas prostitutas, e estes fuxen como poden. Reúnense ás aforas da vila e son apoiadas polas prostitutas, xa que saben que veñen para cobrar a recompensa.

Conseguen matar ao primeiro dos rapaces nunha emboscada. Pero Logan deprímese porque xa non é capaz de dedicarse a iso e marcha. Os outros dous conseguen matar ao segundo dos rapaces na súa propia casa, aínda que tiña protección de axudantes do sheriff.

O sheriff e os seus colegas collen a Logan, que ía só, línchano e mátano. Kid tamén colle medo e chega á conclusión de que non vale como pistoleiro. Munny volve á vila de noite e véngase da morte do seu amigo e mata a todos os que pode, marcha ameazando aos que pretendan perseguilo.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...