domingo, 9 de agosto de 2026

A soidade do inquisidor

Acabo de rematar unha novela que levaba un par de anos na miña casa esperando para ser lida (normalmente agardan máis dese tempo, non dou feito). Titúlase "A soidade do inquisidor" e o autor é Alberte Blanco Casal. Non é a mellor de historia pero depara unhas horas de amena lectura.

Está ambientada na zona de Verín na segunda metade do século XVI, con Filipe II reinando en España e intentando fusionarse con Portugal. Interveñen diferentes estamentos: por unha banda a condesa de Monterrei, viúva pero con iniciativa; un colexio xesuíta en Monterrei no que exercen ou estudan varios dos protagonistas da historia; a Inquisición, sempre intrigando e neste caso decantándose moito máis polos dominicos, os grandes rivais teologais dos xesuítas no momento; e por se non chegara con todo isto, unha confraría que fai estrañas xuntanzas panteístas algunhas noites polos bosques da contorna. Non está mal, como vedes.

No momento que se narra prodúcense as mortes de dúas mulleres na comarca, en estrañas circunstancias e de forma violenta. Non está claro se teñen relación coas xuntanzas nocturnas, que moitas persoas da zona non saben que se producen. A Inquisición aparece alí por unhas denuncias contra un dos sacerdotes do colexio xesuíta, pero en principio non teñen nada que ver coas xuntanzas nocturnas. Por certo, a Inquisición manda primeiro a un fiscal galego bastante sensato e comprensivo, aínda que tamén sagaz nas súas investigacións. Pero nalgún momento tamén chega o seu superior, un fanático vallisoletano que lembra moito ás policías e exércitos das ditaduras, que inventan probas e torturas para que haxa confesións dos feitos que coincidan coas teorías que aniñaban na súa cabeza.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Lorca, morte dun poeta (serie)

Uns días antes vin a película baseada nesta serie, e como a serie é breve, decidín facer o esforzo de vela completa. En total, son unhas 6 h...