sábado, 17 de agosto de 2024

Arrepío


Estes días estase celebrando Viñetas dende o Atlántico, a fantástica feira do cómic coruñesa, dirixida por primeira vez por Manel Cráneo, que creo que está gustando por algunhas ou moitas das novas perspectivas que acolleu este ano.

A inmensa maioría do cómic que teño foi mercada aí nas sucesivas edicións, sobre todo dende hai 5 ou 6 anos, pero recoñezo que non me dou moita presa en lelos. Case todo o que merco é cómic en galego, aínda que caen outras cousas de cando en vez, como contarei axiña.

Se case todo o cómic que merco é en galego, tampouco hai tanto onde escoller: basicamente Demo Editorial (casualmente dirixida por Manel Cráneo, mira ti) e Retranca, dirixida por Kiko Da Silva, que leva xa varios anos sen vir á Coruña e cos que só coincido no Culturgal pontevedrés (casualmente a editorial está radicada alí).

Pois estiven lendo estes días unha das obras de Demo Editorial. Foi editada hai un par de anos e eu debina mercal daquela. Forma parte dunha colección chamada BDG13, que consiste en que 13 autores diferentes dan lugar a 13 breves obras que teñen un fío común. O primero volume desta colección sacárono hai anos e titulouse "Licor café". Eu xuraría que o merquei hai tempo pero agora mesmo non sei onde o teño, debinllo deixar a alguén.

O que lin estes días é o segundo volume desa colección, titulado "Arrepío". Obviamente, o tema que fai de fío conductor é o medo ou o terror, dende múltiples puntos de vista. Os trece autores convidados foron (por orde de aparición no volume): Bento Carroña, Dani Xove, Inés Vázquez, Marcos Calo, Mabel Lareo, Rubén Rial, Santy Gutiérrez, Tomás Guerrero, Álvaro López, Luis Sendón, Greta Debelius, Manel Cráneo e Javi Montes.

Como sempre pasa neste tipo de obras colectivas, unhas historias gustan máis e outras menos. Pero a min fíxome especial graza a historia de Santy Gutiérrez, que obviamente non vos vou contar.

Saúdos.

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...