sábado, 8 de agosto de 2026

Os crimes da Academia

Buscando algo visible en Netflix, atopei esta pelicula, pola que xa pasara máis veces, pero esta vez deille a súa oportunidade. O seu título orixinal é "Ollo azul pálido", que coincide do da novela na que está baseada. Neste caso, o título orixinal non di apenas nada (menciónase de pasada na película, pero tampouco semella tan relevante), e a versión do título en España xa di algo máis sobre a trama, xa que con "Academia" refírese á Academia Militar de West Point.

"Os crimes da Academia" foi dirixida por Scott Cooper en 2022. No elenco destacan Christian Bale, Harry Melling, Gillian Anderson, Lucy Boynton, Charlotte Gainsbourg, Toby Jones, Harry Lawtey e Robert Duvall, que fai un pequeno papel para Robert Duvall (para que foi o seu derradeiro, con máis de 90 anos, incluso non era moi doado de recoñecer). Unha das curiosidades da historia é que un dos personaxes principais é Edgar Allan Poe, que efectivamente estivo en West Point naquela época.

O caso é que na academia de West Point prodúcese o estraño asasinato dun cadete, e obviamente queren resolvelo axiña para que a institución non perda prestixio. O cadete aparece aforcado nunha árbore, pero ademais extraéronlle o corazón dunha forma bastante limpa, semella obra dun profesional da medicina ou algo así.

Como os responsables da Academia non deben verse capacitados para resolver o estraño caso, deciden contratar a Augustus Landor, un veterano e eficiente detective, ademais de alcohólico, que ten moito prestixio. Cando acepta o caso, pide que lle axude un novo cadete de West Point chamado Edgar Allan Poe, que semella interesado no tema e con boas aptitudes para ese tipo de tarefas.

Algúns días despois dase un caso parecido, pero neste caso, o cadete aparece aforcado, sen corazón e sen os xenitais. Nese mesmo intre, un terceiro cadete desaparece da Academia, e todos deducen que, por algunha razón, el sabía que sería o terceiro da serie, porque debeu participar cos dous anteriores nalgún evento, e decidiu fuxir antes.

Van descubrindo cousas e todos os focos céntranse na familia Marquis. O pai é o forense da Academia que fixo as autopsias dos cadetes e Poe namora da filla, que sufre algo así como convulsións epilépticas. A nai e o fillo tampouco semellan boa xente, son moi ambiguos e non se prestan aos interrogatorios, sempre semellan estar escondendo algo. Acábase descubrindo que toda a familia participa, en maior ou menor medida, en rituais de maxia negra para intentar curar as convulsións da filla, e iso explica as anteriores mortes.

Cando isto sucede, ainda queda media hora de película, e a min xa me estrañou. E nese intre pasa algo que me gusta moito (e que xa dixen aquí máis veces). Un dos personaxes decátase dunha coincidencia que ninguén máis viu, e iso dálle un xiro total á historia. Por suposto, non vou desvelar en que consiste, para que a vexades.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

A illa do tesouro (película 1972)

Hai uns días lins unha banda deseñada coa historia de "A illa do tesouro", para min unha das mellores novelas da historia, e entro...