martes, 16 de agosto de 2022

Ricardo Carvalho Calero. Coraçom de terra

Aí sigo lendo cómic en galego, pero non é que me dea moita presa. Este merqueino no "stand" de Demo Editorial no Salón do Cómic Viñetas dende o Atlántico do ano 2021 (ou sexa, hai xusto un ano). Debo recoñececer que decidín lelo porque o bo colega Manel Cráneo, o xefe de Demo Editorial, me botou unha mini-bronca (máis ou menos merecida) por non telo lido aínda. Así que me puxen, que me levou só un par de horas (hai que recoñecer que o cómic consúmese axiña).

"Coraçom de terra" é un cómic que conta a densa e azarosa vida de Ricardo Carvalho Calero. Como este eminente profesor e intelectual foi, nos últimos anos da súa vida, un dos principais defensores do reintegracionismo, esta obra utiliza principalmente esta norma gráfica do galego universal.

O debuxo está bastante ben, pero é en branco e negro (a min sempre me chama máis a atención en cor, que lle imos facer). E a vida deste persoeiro deu para tanto que resulta moi ameno seguirlle a pista a través destes debuxos. Moi curioso o feito de identificar a Ricardo cunha verruga ou lunar moi grande que tiña na meixela esquerda.

Saúdos.



Sendeirismo na Terra de Caldelas


Levaba eu xa uns dous anos e medio sen realizar unha viaxe de pracer (porque as excursións escolares non contan, son traballo). Se non me engana a memoria, o entroido de 2020, 2 ou 3 semanas antes daquel terrible confinamento, fora a última ocasión na que fixera unha saída deste tipo. Dende hai uns cantos anos, varios dos fundadores de Viaxes O Lóstregho saímos no mes de agosto a facer algo de sendeirismo por Galicia durante 4-5 días seguidos. A última vez fora en 2019, polas Terras de Trives, e nesta ocasión seguimos circundando o Macizo Central Ourensán e fomos á Terra de Caldelas.

A Terra de Caldelas é unha comarca que se atopa entre o río Sil e o Macizo Central Ourensán, ao oeste das Terras de Trives, e polo tanto forman parte da Ribeira Sacra, pero na súa beira sur, na provincia de Ourense. Está formada por catro concellos: Castro Caldelas, A Teixeira, Parada de Sil e Montederramo (este último concello non dá ao río Sil, pero si é parte importante do macizo ourensán, coa serra de San Mamede). Nesta zona está a famosa ponte sobre o Sil, con dous embarcadeiros para o catamarán, que é das zonas máis concurridas da Ribeira Sacra, coa vertixinosa estrada que une as dúas beiras.

Nesta ocasión a excursión durou cinco días que se dedicaron ás seguintes actividades:
- Martes 9: Chegamos á zona, instalámonos no aloxamento (do que falarei despois) e case inmediatamente comezamos a ruta que nos ía ocupar o primeiro día. Chámase a "Ruta dos Bosques Máxicos" e ten uns 16 quilómetros. Facíame ilusión facela porque o punto central e un dos máis importantes da mesma son as ruínas do mosteiro de San Paio de Abeleda, que foi a motivación principal para a creación da asociación O Sorriso de Daniel, que defende o románico en Galicia. Esta ruta é case todo baixada na súa primeira parte (había bastantes árbores derribadas que había que sortear de xeitos variados) ata a zona do mosteiro. Xantamos á beira dun río pouco despois do mosteiro, e o resto da ruta é a subida. Esa tarde non estiven na miña mellor forma e costoume subir moito máis do habitual. Debeu ser a falta de práctica ou un golpe de calor, porque os días seguintes xa rendín algo mellor.
- Mércores 10: Este día choveu case sen parar en toda a zona, así que non puidemos facer sendeirismo. Aparte de que tivemos que achegarnos a Sarria para resolver uns asuntos persoais do meu compañeiro de viaxe, aproveitamos para visitar o mosteiro de Santa María de Montederramo pola mañán, e pola tarde fomos á Casa-Museo do Chocolate en Teimende (Parada de Sil) e ao Castelo de Castro Caldelas xa no serán, onde alí si, xa nos pillou a treboada, pero estabamos a 50 metros do noso hotel.
- Xoves 11: Ese día fixemos fragmentos das dúas rutas máis destacadas no concello de Parada de Sil, aproveitando que as dúas tiñan forma de 8. Na primeira fomos dende a capital do concello ao famoso mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil. E pola tarde achegámonos á Fábrica da Luz para percorrer a pasarela do río Mao (que separa os concellos de Parada de Sil e A Teixeira) e aínda seguimos un pouco máis, ata Barxacova, onde hai habilitada unha zona de baño, e ata San Lourenzo, en vertixinosa e moi dura subida na montaña.
- Venres 12: Ese día fixemos a famosa ruta dende Castro Caldelas ata o miradoiro das Penas de Matacás. Tamén uns  16 quilómetros con algunha subida moi dura ao comezo, atravesando os socalcos de viticultura heroica. A parte final xa é máis levadeira, por sorte.
- Sábado 13: Por sorte, quedounos para o último día a "Ruta de A Teixeira", que fai un breve percorrido por este pequeno concello. É unha ruta circular duns 12 quilómetros, sen grandes complicacións, pero moi boas vistas sobre o Sil, sobre o Mao (vese a famosa pasarela dende máis arriba) e sobre o val de Abeleda. Esa mesma tarde, por unha casualidade do destino, aínda puiden visitar o Museo do Ferrocarril en Monforte de Lemos.

O aloxamento foi na magnífica Pousada Vicente Risco de Castro Caldelas (parece que Vicente Risco viviu alí durante un tempo). Castro Caldelas é unha pequena vila que conserva moi ben o seu casco histórico medieval en torno ao castelo. A pesar do fermosa que é, ten moi pouca hostelería. Botando contas, non creo que cheguen a 100 prazas hoteleiras, e só se pode comer de prato en 3-4 locais, o resto son cafeterías, aínda así ten unha vida moi vizosa na praza principal, porque para moito máis non dá.

Saúdos.

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...