xoves, 1 de xuño de 2023

Badaladas a medianoite

Despois de moito tempo sen facelo, volvín ver unha película de cine clásico no canal fascistoide Trece, no espazo dirixido por José Luis Garci e que, como xa dixemos aquí algunha vez, fai exactamente o mesmo que facía hai 20-30 anos na 2 en "Que grande es el cine". Nesta ocasión era "Badaladas a medianoite", unha estraña película que foi un dos empeños persoais de Orson Welles. Welles e Shakespeare semellan unha boa combinación, así que había que probar.

Foi dirixida en 1965 por Orson Welles. Foi unha produción hispanosuíza que se rodou en España e os papeis principais foron para Orson Welles, Keith Baxter, John Gielgud, Jeanne Moreau, Margaret Rutherford, Norman Rodway e Fernando Rey. O guión está baseado en varias obras de Shakespeare nas que aparece o omnipresente personaxe de John Falstaff: "Enrique IV", "Ricardo II", "Enrique V" e "As alegres comadres de Windsor". Por todo o que dicíamos, o produto final debería ser apabullante, pero a min deixoume algo frío.

O rei Enrique IV sucedeu a Ricardo II, ao que matou. O que se cre verdadeiro herdeiro de Ricardo II (típico problema da monarquía), está preso en Gales, así que os seus principais aliados comezan a conspirar para intentar nomealo rei.

Hal, o fillo maior de Enrique IV e príncipe de Gales, non presta maior atención ao seu cargo e está continuamente de xolda en tabernas e con prostitutas e ten como principal amigo a John Falstaff, un vividor que se aproveita desa amizade.

Despois de diferentes batallas, a saúde de Enrique IV comeza a deteriorarse e Hal comeza a dar pequenos indicios de que podería recuperar o seu interese polo labor monárquico. Finalmente morre o rei e chega a quenda de Hal, quen esquece a antiga amizade con Falstaff, que xa tiña previsto medrar á súa costa, e convértese nun rei responsable e cabal.

Saúdos.



A ameaza de Andrómeda

Para rematar o ciclo mensual de cine estadounidense de catástrofes (despois de avións, edificios e barcos) que estiveron botando na 2, proxectaron "A ameaza de Andrómeda". O título soábame pero está claro que é moito menos célebre que as outras películas do ciclo. É unha gris película científica cun tema e desenvolvemento pouco comerciais.

Foi dirixida en 1971 por Robert Wise. O elenco estivo formado por actores e actrices que, pasados máis de 50 anos, son practicamente descoñecidos. Polo visto, os máis relevantes foron Arthur Hill, David Wayne e 
James Olson, pero non me preguntedes que outras películas ou series protagonizaron, porque non teño nin a máis mínima idea.

Os restos dun satélite estadounidense estrélanse cerca dunha aldea de Novo México. Pouco tempo despois, toda a poboación está morta e só sobreviven un vello alcohólico e un bebé duns meses. Impactante punto de partida. Conseguen rescatar os restos do satélite e constrúen unhas instalacións baixo terra para analizalas.

O grupo de científicos encargado de investigar descubre que dentro hai algo como unha bacteria, que semella ter aínda moita capacidade de mutación. Pensan en destruíla cunha explosión nuclear pero acaban descubrindo que ese tipo de explosión só lle daría máis capacidade de mutación e crecemento. Por unha fuga está a piques de producirse esa explosión, pero conseguen evitalo no último intre. Finalmente a bacteria acaba escapando pero muta a unha variedade que non resulta nociva para o ser humano.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...