sábado, 27 de xaneiro de 2024

Robin dos bosques

Esta mítica película coñecida como "Robin dos bosques" en España, tiña o título orixinal de "As aventuras de Robin Hood", que foi traducido con total fidelidade en Hispanoamérica. É unha das últimas que me quedaba por ver da colección Cine de Ouro que me "regalaron" hai uns anos, cos seus interesantes caderniños que explican algúns pormenores da produción. Cine clásico de aventuras sen grandes pretensións e baseado en personaxes máis ou menos históricos ou lendarios. Non hai fallo.

Foi dirixida en 1938 inicialmente por un tal William Keighley, pero non debía estar gustando e finalmente rematouna Michael Curtiz, un artesán moi solvente de orixe húngara que tiña unha eficiencia no seu traballo moi elevada. Os papeis principais son para Errol Flynn, Olivia de Havilland, Claude Rains e Basil Rathbone (vaia alineación).

A historia é ben coñecida. Ricardo Corazón de León, que non debía ter moito que facer, marcha para as Cruzadas, e cando volve, é apresado por un rei rival de Europa. O seu irmán, coñecido popularmente como Xoán Sen Terra, semella preocuparse e estar recadando cartos para pagar o seu rescate, pero realmente non ten a máis mínima intención de facelo e quere usurpar o poder, cando non o quere ninguén, agás o seu círculo máis cercano a adulador.

Entón Robin de Locksley, un noble saxón, encabeza a rebelión contra Xoán e os seus seguidores. Inicialmente Lady Marian, que forma parte dese círculo, tamén esté en contra del, pero vai coñecendo a Robin en diferentes situacións, e acaba encariñándose con el. Vanlle poñendo trampas para intentar apresalo, e incluso chegan a conseguilo, pero os seguidores de Robin conseguen liberalo, no último momento tamén axudados por Ricardo Corazón de León, que conseguiu fuxir tamén dos seus captores.

Saúdos.



A sombra dunha dúbida

Xa saberedes que Alfred Hitchcock é un dos directores de cine que máis me gustan. Hai xa uns anos pasoume unha anécdota ben curiosa cunha das súas películas, que aínda non vira. Fun ver ao Fórum Metropolitano da Coruña "A sombra dunha dúbida", que tiña unha pintaza xa dende o comezo. Pero como a película estaba en celuloide de 35 milímetros, rompeuse durante a proxeción, cando ían moi poucos minutos. Intentaron recompoñela en varias ocasións, como xa pasara alí mesmo naquela época, e algunha vez o conseguiran. Pero con esa foi imposible, dicían que a película xa estaba moi deteriorada e rompía cada pouco. Só puidemos ver os primeiros 5-10 minutos, e tiña moi boa pinta. Pois hai pouco atopei en Youtube un "remake" para televisión que se fixo 50 anos máis tarde, xa que a orixinal é de 1943. Non é o mesmo, pero a trama é exactamente igual, e para min, iso é o esencial.

Esta versión de "A sombra dunha dúbida" foi dirixida en 1991 por unha tal Karen Arthur (nunca oín falar dela), e no elenco destaca especialmente Mark Harmon, actor estadounidense que apuntaba maneiras naquela época pero que finalmente só acabou facendo series estadounidenses mediocres de axencias de seguridade, tan típico dese país de chalados. O outro papel importante foi para a actriz Margaret Welsh, e nunha brevísima intervención aparece Tippi Hedren. O resto eran totalmente descoñecidos para min.

A trama é sinxela pero moi intrigante. Unha familia que vive nun aburrido lugar está encantadísima porque o tío Charles, por sorpresa, vai vir visitalos durante unha tempada. É adorado por toda a familia, especialmente por Charlie, a filla, que ten ese nome en homenaxe a el. Todo semella idílico ata que comezan a pasar cousas estrañas debido a que el está máis huraño e insociable do que creían. A sobriña Charlie comeza a sospeitar que pasa algo serio cando ve moi estrañas actitudes no seu tío e que intenta ocultar cousas.

E non vou contar máis, porque creo que non é das películas máis famosas de Hitchcock (aínda que esta versión non é del, é bastante fiel á orixinal na historia), e pode gustarvos moito vela sen "spoilers".

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...