domingo, 12 de marzo de 2023

Psicose

Que dicir desta película!! Xa a vin unhas cantas veces, pero había moito tempo que non o facía, así que tocaba repetir. Deberon botala no espazo de cine clásico da 2, lugar sempre fiable.

Foi dirixida en 1960 por Alfred Hitchcock, e os papeis principais foron para Anthony Perkins, Vera Miles, John Gavin, Martin Balsam e Janet Leigh. Si, eu son un deses que considera que Anthony Perkins debe estar algo "pallá" e que non lle costou nada representar este papel. A verdade é que o vin en moi poucas películas máis, pero creo que sempre fixo de papeis de tipos desequilibrados, e por algo será, digo eu.

Supoño que xa coñecedes a historia. Unha administrativa que necesita uns cartos para facer uns plans co seu mozo, decide roubalos cando o seu xefe llos confía para pechar un negocio do traballo. Ela ve a oportunidade perfecta, e como é moi eficiente, ninguén desconfía dela. Decide fuxir sen dicirllo nin sequera ao seu mozo.

Fuxe nunha noite moi treboenta e chega de casualidade a un motel de estrada case abandonado, que está case baleiro. Decide parar alí porque está moi cansa e vai moi mala noite. Colle unha habitación e está a piques de cear algo co encargado do motel, Norman Bates, pero finalmente déixano porque escoita unha discusión entre Norman e a súa nai, a quen non agrada a presenza da muller. Vaise dar unha ducha, pero é atacada e asasinada durante a mesma, por alguén que podería parecer a nai de Norman, pero que obviamente é o propio Norman Bates (supoño que 63 anos despois xa non é un "spoiler").

Un detective contratado pola empresa que perdeu os cartos vai seguindo o fío, e chega tamén ao motel. Semella que vai averiguar algo, pero morre asasinado antes de conseguilo. A irmá e o mozo da muller asasinada tiñan información do detective, e tamén chegan alí. Están a piques de morrer asasinados por Norman, pero finalmente acaban reducíndoo e conseguen que sexa detido. Aí descúbrese que Norman asasinara á súa nai e ao seu amante, pero como se sentía moi só e arrepentido, desenterrou á nai e finxiu que seguía viva. A súa mente estaba xa totalmente posuída por ela.

Hai moitas anécdotas curiosas sobre esta película, pero moitas xiran en torno á famosa escena da ducha. Aparte da súa complexidade técnica, da cantidade de planos e do tempo que levou rodala, tamén é moi curioso que foi moi transgresora porque nesa escena o director e os guionistas mataron, cando ía menos de media película, á protagonista da historia. Daquela non estaban afeitos a eses brutais xiros de guión.

Saúdos.



Tres padriños

Esta película non me soaba absolutamente de nada, pero vin que a botaban no espazo de cine clásico da 2, e decidín darlle algo de creto, pero en xeral, a historia paréceme bastante mediocre. Por certo, había xa tempo que non mencionaba aquí as traducións disparatadas dos títulos das películas anglosaxonas por parte do mundo hispanofalante, pero aquí hai un bo exemplo. A tradución española (e galega que fixen eu) é totalmente fiel ao orixinal inglés, pero en Arxentina pensaron que era máis divertido deixalo como "Tres fillos do diaño". Sen comentarios.

Foi dirixida en 1948 por John Ford. Os papeis principais foron para John Wayne, Harry Carey Jr, Pedro Armendáriz e Ward Bond. Hai varias mulleres nos papeis secundarios, pero con papeis con pouca presencia, incluso a nai do bebé ao redor do cal xira toda a historia, que aparece só nun par de escenas.

Tres foraxidos atracan un banco, e o sheriff desa vila sae cunha partida de homes para collelos. Vense as estratexias que van seguindo para fuxir polo deserto, intentando pasar polos poucos sitios onde pode haber auga, e tamén as estratexias dos seus perseguidores. O caso é que nun deses puntos onde esperaban atopar auga, xa non a hai, e o único que atopan é a unha nai moribunda que acaba de dar a luz. No leito de morte, prométenlle que coidarán do rapaz. A partir dese momento, a persecución segue, dous deles acaban morrendo, e o único que chega a unha vila co bebé e é arrestado, ten o cariño de todo o mundo, e non lle impoñen unha grande pena de cadea, en agradecemento por coidar do naipelo.

Saúdos.



Moby Dick

Eu creo que xa a vira completa máis veces, pero animeime a repetir. O caso é que pouco despois do Nadal conseguín que pasara pola miña casa un antenista que mellorara a recepción da miña instalación televisiva, e polo tanto volvín ver o canal Trece, un canal neofascista pero que proxecta bo cine, sobre todo clásico. E os venres pola noite aí está José Luis Garci facendo exactamente o mesmo que facía hai 20 anos ou máis na 2 (de feito, creo que repite bastante das películas daquel mítico programa "Que grande es el cine"). No debate anterior ou posterior á proxección da película sempre te enteras dalgún dato curioso.

Foi dirixida en 1956 por John Huston, baseada na novela de Herman Melville, obviamente, pero o guión foi feito por John Huston e Ray Bradbury, non está nada mal. No elenco destaca poderosamente Gregory Peck como Capitán Ahab. Do resto da tripulación destaca Richard Basehart, facendo de Ismael (sabía que me soaba a súa cara, resulta que saía na española "Os xoves, milagre"). Como curiosidade, en papeis moi secundarios aparecen Orson Welles e o propio John Huston.

Pois non ten moita historia. Un tipo chega a Nantucket coa intención de enrolarse nun baleeiro, e a mellor oferta que atopa é facelo no "Pequod", capitaneado por un tal Capitán Ahab, que ten unha mítica aureola. Saen a faenar con normalidade, pero ao capitán veselle bastante pouco. Só se lle escoita pasear pola cuberta de noite, porque ten unha perna de pao. Un día chegan a velo e ven que ten unha tremenda cicatriz na cara, e saben que todos eses arranxos fíxollos un cachalote branco chamado Moby Dick. Casualmente crúzanse con el e o capitán decide deixalo todo e arriscar a súa vida e da toda a súa tripulación, que está como poseída por el, para darlle caza.

Saúdos.



Un tranvía chamado Desexo

Oíra falar moitas veces desta película baseada, unha vez máis, nunha obra teatral de Tennessee Williams (que sempre teñen moita "chicha") e cando vin que a botaban no espazo de cine clásico da 2 non a deixei fuxir. Coñecendo a obra do dramaturgo e o pretencioso título, podedes chegar a facervos algunha idea estraña (e se cadra a hai, quen sabe). Pero na primeira escea da película vese que son as primeiras indicacións de Stella para a súa irmá Blanche, para que localice a súa casa unha vez que se baixe do tren en Nova Orleans. Non lembro as últimas indicacións, pero a primeira é que ten que coller un tranvía dunha liña chamada "Desexo" (e vese o tranvía rotulado así na escena). Mira ti que simple a cousa.

Foi dirixida en 1951 por Elia Kazan. Os principais papeis do reparto foron para Vivien Leigh, Marlon Brando, Kim Hunter e Karl Malden. Casualmente todos levaron o Óscar polos seus papeis agás Brando, que seguramente fai un dos mellores papeis da súa vida. Pois xa sabedes, unha película baseada nunha obra teatral de Tennessee Williams sempre terá moi bos diálogos e uns personaxes moi intensos, non se pode negar, e aquí volve suceder.

Stanley Kowalski (Marlon Brando) vive coa súa muller Stella (Kim Hunter) en Nova Orleans. Blanche, a irmá de Stella (Vivien Leigh), vaina visitar despois de verse obrigada a vender a casa familiar que tiñan no campo, supostamente debido á ruina da familia, que ela non puido evitar. Pero xa dende o comezo vese o choque de caracteres entree Stella e Stanley. El é machista e violento, pero ademais, ao estar casado con Stella, cre que podería ter sacado beneficio da posible venta da casa da familia de Stella, e non se fía das noticias da ruína familiar que di Blanche. Por outra banda, as noticias que van chegando deses sucesos e a propia actitude de Blanche fan pensar que a súa saúde mental é moi precaria e que todo o que conta resulta moi pouco crible. Mitch (Karl Malden), amigo de Stanley e Stella, semella ser o único que cre a Blanche e que lle resulta un apoio.

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...