martes, 17 de agosto de 2021

Os sete samurais

Por fin conseguín ver esta mítica película xaponesa, na que se inspirou a máis coñecida versión estadounidense "Os sete magníficos". Obviamente, a filosofía de vida e forma de pensar oriental e occidental son diferentes, e a forma de plasmar en obras audiovisuais as historias tamén o son, pero vese clarísimamente a influencia, así que unha vez máis, os estadounidenses copiaron o que non foron capaces de inventar por si mesmos.

A película foi dirixida en 1954 polo mítico director xaponés Akira Kurosawa (creo que o máis coñecido dese país no mundo enteiro). Obviamente, os actores e actrices que saen nela son pouco coñecidos no cine occidental, pero un dos máis destacados foi o actor xaponés que máis visitou o exterior, Toshiro Mifune. A historia basicamente é a mesma que a do famoso western estadounidense, pero como é habitual no mundo oriental, tómanse as cousas con máis calma, e neste caso a película dura case 3 horas e media. Nalgún caso fase algo lenta (para os nosos ollos occidentais, que sempre temos moita presa).

No Xapón feudal do século XVI, unha aldea que está no medio das montañas é asolada cada certo tempo por un grupo duns 40 bandidos da zona, que os deixan case na total indixencia. Os campesiños xa non saben que facer, están moi desesperados, e pídenlle consello ao vello da aldea, que vive nun muíño nas aforas da mesma. El dilles que hai tempo viu unha zona na que todas as aldeas eran igual de acosadas polos bandidos, agás unha na que contrataran samurais para defendelas. Dilles que investiguen esta opción.

Varios dos aldeáns achéganse a unha vila cercana, e coas prevencións e respecto esaxerados propios da cultura xaponesa, e non digamos no século XVI, falan con varios samurais que ven por alí, para ver se dan convencido a algún, xa que teñen moi pouco que ofrecer, pouco máis que o arroz para comer, xa que eles comen "mijo", que é aínda máis precario.

Cústalles bastante, pero finalmente acaban convencendo a un veterano samurai, chamado Kanbei, que acaba sendo a figura principal da historia, claro (do mesmo xeito que Yul Brinner o era na versión estadounidense). El vai convencendo a outros colegas seus que pasan pola vila, e vai propoñendo probas para saber se outros que aparecen son merecedores de crédito. Chega á conclusión de que son necesarios sete, dadas as características da aldea que lle din os campesiños.

Ata este punto, o paralelismo coa versión estadounidense é moi grande, e nos seguintes minutos aínda máis. Aquí vese que o grupo formado polos sete samurais é moi variopinto. Aparte do sereno líder, hai outro tamén moi tranquilo e silencioso, que semella o mellor samurai. Outros son máis alegres e dicharacheros. Hai un que é o máis novo e inexperto, e que acabará tendo unha relación cunha rapaza da aldea. E tamén hai outro que é moi alocado, que é o último en incorporarse, ao demostrar máis pericia da que parecía. Na versión estadounidense, o novato e o alocado son a mesma persoa, pero nesta orixinal xaponesa eran dous personaxes diferentes, curioso.

Pois nada, o resto da historia tampouco ten tanta chicha. Chegan á aldea, organizar a formación dos campesiños para defenderse, ao rematar as colleitas asulagan unha parte da aldea, para dificultar a entrada dos bandidos, e varias casas, incluído o muíño onde vivía o vello, quedan illadas. É a peaxe que hai que pagar para poder defender todas as outras. Sofren diferentes ataques dos bandidos, eles tamén atacan a súa base, e aos poucos conseguen eliminalos a todos. A batalla final é cunha intensa chuvia e toda a aldea está enlamada, faina moi épica.

Como dicía, o ritmo é claramente máis lento que na versión occidental. Na orixinal xaponesa, o primeiro enfrontamento cos bandidos chega cando xa van 2 horas de película. E tamén me chamou moito a atención a última escena, desesperantemente lenta para o canon occidental. Rematou a batalla, todos os bandidos morreron, e os campesiños están colleitando arroz moi ledos e cantando. Morreron catro samurais e vense as súas tumbas, que son catro túmulos aliñados no alto da aldea. Os tres samurais que sobreviviron observan a escena dende lonxe, con intención de marchar. O máis novo está máis separado dos outros, coa dúbida de marchar ou quedar coa moza á que seduciu na aldea (na versión estadounidense queda, pero aquí semella que non). Finalmente parece que marchan, e Kanbei, o líder dos samurais, acaba sentenciando "de novo, gañan os campesiños e perden os samurais".

Saúdos.



Día da Música no Teatro Colón

O outro día celebrábase un concerto no Teatro Colón que, polo visto, tiña por motivación o Día da Música, que debe ser a mediados ou finais ...